Presentadas na Casa de Galicia en Madrid as VIII Xornadas Xurídicas de Sarria “Román García Varela”

•Celebraranse en Sarria o 6 e 7 de xuño •As Xornadas versarán este ano sobre a protección ao consumidor no século XXI •Máis de medio cento de xuristas asistiron á presentación das Xornadas

Imaxe da presentación das VIII Xornadas Xurídicas de Sarria “Román García Varela”, celebrada na Casa de Galicia en Madrid o pasado 20 de maio. De esquerda a dereita, Román García-Varela Iglesias, fillo do ilustre xurista sarrián recentemente falecido; José Antonio García López, alcalde de Sarria; José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado; Ignacio Sierra Gil de la Cuesta, director das Xornadas Xurídicas; Carlos Lema Devesa, presidente de IURISGAMA; e José Ramón Ónega López, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia. GPCPXG.
Imaxe da presentación das VIII Xornadas Xurídicas de Sarria “Román García Varela”, celebrada na Casa de Galicia en Madrid o pasado 20 de maio. De esquerda a dereita, Román García-Varela Iglesias, fillo do ilustre xurista sarrián recentemente falecido; José Antonio García López, alcalde de Sarria; José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado; Ignacio Sierra Gil de la Cuesta, director das Xornadas Xurídicas; Carlos Lema Devesa, presidente de IURISGAMA; e José Ramón Ónega López, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia. GPCPXG.

• As VIII Xornadas Xurídicas de Sarria celebraranse o 6 e 7 de xuño, e este ano levan o nome do seu fundador, o xurista sarrián Román García Varela, falecido o ano pasado. Así se deu a coñecer na presentación deste evento, celebrada o 20 de maio na Casa de Galicia en Madrid. A apertura do acto, ó que asistiron máis de medio centenar de xuristas, estivo a cargo do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, e contou coa intervención do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o alcalde de Sarria, José Antonio García López; os directores das Xornadas Xurídicas, Román García-Varela Iglesias, fillo do fundador, e Ignacio Sierra Gil de la Cuesta, maxistrado do Tribunal Supremo; e o presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA), Carlos Lema Devesa.

SARRIA, “VILA EXCELSA ONDE A NATUREZA PUXO ENCANTO, POESÍA E PAISAXE”
Ónega López deu a benvida ós ponentes e ó público asistente, e referiuse a Sarria como “vila excelsa que ten a soleira das terras bendicidas por Deus, a categoría das urbes onde a natureza puxo encanto, poesía e paisaxe”. A continuación, Román García-Varela Iglesias expuxo unha breve historia deste evento, que por vez primeira se celebra en ausencia do seu pai, fundador das Xornadas Xurídicas e falecido hai un ano. García-Varela Iglesias fixo mención dalgúns dos máis insignes relatores que tiveron participado nas Xornadas de Sarria, “sempre xuristas de alto nivel e recoñecemento”, e apuntou que a protección ao consumidor no século XXI, tema central da oitava edición das Xornadas Xurídicas, “postúlase como unha grande oportunidade de tratar un tema de máxima actualidade e interese para toda a poboación en xeral”. O fillo de García-Varela suliñou o “apoio unánime” do Concello de Sarria, a Deputación de Lugo e o Foro Xurídico Diego Pazos para a continuidade das Xornadas Xurídicas fundadas polo seu pai, e que este ano contan coa colaboración da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA).

SATISFACCIÓN POLA CONTINUIDADE DAS XORNADAS
Pola súa banda, o director das Xornadas Xurídicas, Ignacio Sierra Gil de la Cuesta, fixo referencia ó finado Román García Varela, amosando a súa satisfacción “porque a obra sobreviviu ó seu autor, algo do que el estaría moi orgulloso”. O maxistrado do Tribunal Supremo felicitouse de que “os que padecemos a súa partida prematura, non teremos que esperar Cen anos de Soidade porque a súa obra ten continuidade, coa asistencia das máis altas personalidades do ámbito xurídico”.

SARRIA, NO “TOP TEN” XURÍDICO GRAZAS Á GARCÍA VARELA
Pola súa banda, o presidente de IURISGAMA, Carlos Lema Devesa, lembrou a figura de Román García Varela, quen “logrou poñer a Sarria no top ten do mundo xurídico, pois a estas xornadas acode o máis granado, mesmo no ámbito internacional”.

“DÉBEDA DE GRATITUDE DO POBO DE SARRIA CON GARCÍA VARELA”
O alcalde de Sarria, José Antonio García López, transmitiu “o agradecemento de todos os veciños de Sarria” a Román García Varela, “co que sempre teremos unha débeda de gratitude”, xa que “dende o ano 2007, ademais de por ser vila xacobea, Sarria sexa coñecida tamén polas Xornadas Xurídicas”.

“GARCÍA VARELA PERDURARÁ COMO UNHA LUZ PARA TODA A CARREIRA XUDICIAL”
O peche do acto estivo a cargo do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, quen adicou unhas sentidas palabras á familia do finado García Varela. “Estamos convosco e agradecemos o que o puidésemos compartir, querido e apreciado tanto polo seu aspecto profesional como xuíz así coma polo persoal coa súa amizade”. Beccaría sinalou que García Varela “gozou dunha vida plena, e a súa gloria perdurará como unha luz e un eco para toda a carreira xudicial”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Resultados das Eleccións Europeas por concellos no sur de Lugo

Seguinte Nova

Sarria ensalza a arte das palilleiras

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: