•Este evento incluirá a II Concentración de Coches Clásicos no entorno incomparable da Praia Fluvial •Por outra banda, o Anfiteatro da praia acollerá as representacións teatrais da programación cultural do verán, que se trasladarán ó novo Auditorio no outono
• San Clodio está a facer a conta atrás para a XII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas do Sil, que encherá de público a contorna da Praia Fluvial a fin de semana do 7 e 8 de xuño, cun programa de actos deseñado para disfrutar dunha longa e satisfactoria xornada festiva.
PROGRAMA DA XII FESTA DA CEREIXA
O sábado pola mañá abrirá o recinto feiral cos produtos estrela da festa, baixo a música dos pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas de Ribas do Sil, que animarán a degustación das cereixas. Pola tarde, disputarase a partir das 19,00 horas o 6º Trofeo da Cereixa de Fútbol, na Área Deportiva da Praia Fluvial. A lectura do pregón terá lugar ás 21,00 horas, e será Martín Alemparte Vidal, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra e xestor de fondos Leader da Unión Europea, o encargado de facer os honores. “Para nós é moi satisfactorio poder contar como pregoeiro co xerente do GDR Ribeira Sacra, xa que colaborou moito no desenvolvemento de proxectos fundamentais para esta zona, como o acondicionamento da Praia Fluvial, tan importante para San Clodio, ademais de moitas outras obras por todo o municipio”, suliñou Roberto Castro, concelleiro de Cultura de Ribas do Sil. A xornada rematará coa actuación do grupo Leña Verde, de Pol.
O domingo 8 de xuño haberá degustación de cereixas e produtos tradicionais pola mañá, con pasarrúas a cargo da charanga sarriana Madia Leva. Ás 12 comezará a II Concentración de Vehículos Clásicos, “un evento que tratamos de consolidar, xa que resulta idóneo para resaltar o atractivo do entorno da Praia Fluvial”, explicou Roberto Castro. O festival folclórico e musical comezará ás 12,30, e actuarán o Grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas do Sil, e o seu Grupo de Pandereiteiras. Pola tarde, realizarase unha demostración de alfarería de Gundivós, de catro a sete, e ó rematar será o tempo para o espectáculo de monicreques “A que cheiran os contos”, por Tarabelos Teatro. O fin de festa será musical, e correrá a cargo da charanga Madia Leva, ás 20 horas.
CHARLA SOBRE PLANTAS MEDICINAIS NA ZONA DO SIL, E CURSO SOBRE REDES DE COMUNICACIÓN EN INTERNET ABREN A PROGRAMACIÓN CULTURAL
Ribas do Sil ten deseñado unha intensa programación cultural “da que estamos moi orgullosos”, según suliña o concelleiro de Cultura, e que ofrece actividades para todos os públicos entre xuño e outubro. O 31 de maio haberá unha charla-coloquio sobre plantas medicinais nas terras do Sil, a cargo de Nacho Baliña, técnico en fitoterapia e técnicas naturais, ás sete no Salón de Actos do Concello. Xa en xuño, e rematada a XII Festa da Cereixa, o sábado 14 en xornada de mañá desenvolverase o curso de informática “Comunícate gratis: Whatsapp, Line, Skype, Viber, Telegram& para que sirven as Redes Sociais: aproximación a Facebook, Twitter, Instagram…”. Esta actividade realizarase no edificio do antigo Concello.
O mes de xullo está cheo de actos, con catro actividades para os máis pequenos, maxia, teatro para todos os públicos e música en directo, todos eles no Anfiteatro da Praia Fluvial.
Pola súa banda, agosto abrirase coa celebración da segunda edición do Technosil, un festival de música techno que se desenvolverá o 1 e 2 de agosto, “nunha data máis axeitada para favorecer a asistencia da xente”, explica Roberto Castro. Aínda que esta iniciativa xurdiu dun grupo de xente nova, dende o Concello están a apoiar “en todo o que se pode” este evento, que ofrecerá un programa máis amplo e potente, con dj’s de renome e actuacións nunha carpa espectacular na Praza do Concello. Ademais, maxia, monicreques, teatro infantil e para adultos, e novo circo daranse cita en San Clodio “para que a xente que nos visite quede a disfrutar con nós ata a tarde-noite, no fantástico entorno da Praia Fluvial”, suliñou Castro.•