
• A Xunta de Galicia vén de aumentar as axudas ás asociacións de comerciantes da zona sur de Lugo para accións de dinamización do comercio local. A delegada do Executivo na nosa provincia, Raquel Arias, acompañada polo xefe territorial de Economía e Industria, José Manuel Vázquez Leirado, deu conta das achegas que vén de resolver este departamento autonómico, e que destinan un total de 96.647,04 euros para a revitalización e dinamización dos centros comerciais abertos de Chantada, Sarria e Monforte, así como para a asociación de comerciantes da Praza de Abastos de Sarria. Según explicou Arias, estas agrupacións reciben preto do 45% do total destinado a esta provincia.
Esta liña de axudas servirá para “impulsar accións de dinamización da demanda” no comercio local, que, según precisou a delegada territorial, “é o que máis preto está dos veciños, colabora na sostibilidade e no pulso das vilas, e ó que, polo tanto, aféctalle o que nelas ocorra”.
Estas axudas permitirán que os centros comerciais abertos e prazas de abastos beneficiadas desenvolvan 27 actuacións de dinamización comercial, sistemas de fidelización de clientes, sinalización comercial externa, unidades xerenciais e instalacións e equipamentos, estes últimos nas prazas de abastos.
Raquel Arias aplaudiu o labor das asociacións de comerciantes “constantemente preocupados por subir o listón e por mellorar a calidade, atención e o servizo ós consumidores”.•