Aposta provincial polo sector primario lucense coa nova liña de axudas directas a agricultores e gandeiros

A Deputación de Lugo é a primeira institución provincial en aprobar este tipo de subvencións

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos. GPDL.
O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos. GPDL.

• Poñer en valor o sector primario como creador de riqueza e factor de fixación da poboación do rural son os obxectivos da nova liña de axudas a agricultores e gandeiros que vén de aprobar a Deputación de Lugo. Este programa de apoio ó sector primario e ó rural, dotado con 1,7 millóns de euros, foi presentado a finais do pasado mes en rolda de prensa polo presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos. Na súa comparecencia, os responsables provinciais explicaron as diversas liñas de achegas incluídas neste programa, que vén substituír ó Plan de Comunidades Veciñais, e as características que deben reunir os seus potenciais beneficiarios.

AXUDAS PARA A RECUPERACIÓN DE TERRAS BALDÍAS
O programa de apoio ó sector primario e ó rural conta cunha liña de axudas directas a agricultores e gandeiros para poñer en produción terras abandonadas co fin de que poidan aumentar a base territorial das explotacións e mellorar deste xeito a súa rendibilidade.
A superficie agraria abandonada en Galicia medrou en máis dun 66% na última década, sobre todo na provincia de Lugo, o que supón que na actualidade o 80% do territorio galego está baldío e sen producir. Neste sentido, o presidente da Deputación de Lugo destacou a importancia destas axudas directas a agricultores e gandeiros, que convirten á institución lucense na primeira entidade provincial de Galicia en ofrecer estas achegas directas para apoiar ó sector primario. «Queda claro que proxectos como o Banco de Terras, ou non están funcionando adecuadamente ou son insuficientes, e que fan falta máis medidas como as que está a poñer en marcha a Deputación de Lugo para incentivar a posta en valor do territorio”, afirmou Besteiro.

MÁIS BENEFICIOS DERIVADOS DA RECUPERACIÓN DE TERRAS ABANDOADAS
Ademais da repercusión económica directa que para a produción agrogandeira tería a recuperación dos terreos baldíos con esta liña de axudas provinciais, dende a Deputación suliñaron outras repercusións positivas desta acción. Poñer a producir estes terreos abandonados contribuiría á prevención de incendios forestais e ó control da proliferación de fauna salvaxe, «favorecendo unha axeitada ordenación do territorio», precisou Gómez Besteiro.

AXUDAS DE 500 EUROS POR HECTÁREA ATA UN MÁXIMO DE 9.000 EUROS POR BENEFICIARIO
Según explicaron os responsables provinciais, a liña de achegas para a recuperación de terreos baldíos establece unha aportación de 500 euros por hectárea, e cada beneficiario poderá recibir ata un máximo de 9.000 euros.
REQUISITOS PARA ACCEDER A ESTAS AXUDAS
Poderán solicitar estas subvencións gandeiros e agricultores a título individual, agrupacións de produtores, e SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón. Os beneficiarios comprométense a ter en produción a parcela para a que reciban subvención por un período mínimo de dous anos, e de non cumprir este prazo, perderán a axuda. Ademais, as terras baldías destinaranse a actividades agrícolas ou gandeiras, quedando excluídas desta subvención as plantacións forestais.

ACREDITAR COA DECLARACIÓN DA RENDA QUE POLO MENOS O 50% DOS INGRESOS PROCEDE DA ACTIVIDADE AGROGANDEIRA
Os responsables provinciais destacaron o feito de que as bases da convocatoria destas subvencións esixe que cada beneficiario xustifique que polo menos o 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria, dato que deberá acreditar presentando a súa declaración da renda. «Isto é algo moi importante, xa que daremos as axudas a quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo, todo o contrario que a PAC, pois, por culpa dos criterios de reparto fixados polos gobernos central e galego, prima a quen non vive no campo, nin do campo”, precisou o presidente da Deputación lucense.

AXUDAS PARA TRAÍDAS DE AUGA NO RURAL
A segunda das liñas de subvencións deste programa provincial vai destinada ás traídas de auga, cunha achega máxima de 30.000 euros para instalar unha nova rede de abastecemento, e dun máximo de 10.000 euros para proxectos de mellora das redes xa existentes. Besteiro suliñou a importancia desta liña de subvencións, xa que “este é un servizo municipal básico que resulta moi custoso e que moitos concellos non teñen capacidade económica para garantilo”. Dado que o programa provincial busca impulsar o sector primario, nas solicitudes presentadas valorarase o número de usuarios que se dediquen á actividade agrogandeira.

ARRANXO DE INFRAESTRUTURAS DE USO COMUNITARIO
Por último, a terceira liña de subvencións do programa da Deputación de Lugo vai destinada a infraestruturas que melloran a calidade de vida da xente do campo e facilitan o seu traballo. Poderán solicitarse axudas para o arranxo de camiños, fontes, bebedoiros, depósitos contra incendios, sistemas de regadío comunitario, limpeza de rutas de sendeirismo ou recuperación de espazos naturais, cunha achega máxima de 12.000 euros por beneficiario.
As solicitudes poderán presentarse dende este mes e ata primeiros de agosto. Os responsables provinciais estiman que as subvencións estean concedidas no mes de setembro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A provincia de Lugo aporta o 45% da superficie adicada á agricultura ecolóxica de Galicia

Seguinte Nova

Conta atrás en Sarria para celebrar o San Xoán 2014

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: