• A comezos de xuño, a Xunta de Galicia iniciou unha campaña informativa para solucionar as dúbidas dos consumidores ante a nova factura eléctrica. Baixo o título “As claves da factura eléctrica”, os consumidores poderán coñecer o novo escenario da regulación de prezos e servizos por consumo eléctrico que se implantou a raíz da reforma realizada polo Goberno central.
APRENDER A LEER A NOVA FACTURA, E CONSELLOS PARA AFORRAR
A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) vén de elaborar un documento informativo que explica de modo breve e sinxelo os cambios que se van producir na factura, como a inclusión da modalidade do Prezo Voluntario do Pequeno Consumidor (PVPC) ou a nova TUR, antigo bono social. Ó mesmo tempo, sepárase a asignación dos prezos da enerxía no conxunto do recibo, e achéganse consellos de aforro e eficiencia enerxética.
REVISIÓN DA POTENCIA CONTRATADA, E HORARIOS MÁIS EFICIENTES
O novo documento ofrece consellos sinxelos para aforrar enerxía, comezando pola revisión da potencia contratada. Hai que ter en conta que, según explica o material informativo da campaña “As claves da factura eléctrica”, cada quilowatio de potencia ten un custo duns 50 euros anuais. Así, achéganse as potencias recomendadas conforme ao equipamento da vivenda. Por outra banda, afóndase na discriminación horaria, que permite aforros de máis dun 10% na factura. Hai que ter en conta que o novo escenario eléctrico fixa como periodos de consumo máis caros os realizados de 11,00 a 13,00 horas e de 19,00 a 22,00 horas, de luns a venres. Polo contrario, as horas máis baratas son de 0,00 horas a 08,00 horas, os fins de semana e os festivos.
Ademais, a campaña informativa aposta pola eficiencia enerxética coa substitución de lámpadas ou electrodomésticos por outros de baixo consumo.
Esta información atópase nas webs igc.xunta.es e inega.xunta.es, e distribuirase nas oficinas do Instituto Galego de Consumo das sete grandes cidades, nas asociacións de consumidores e nos propios concellos galegos.
No que vai de ano, o Instituto Galego de Consumo recibiu máis de 1.500 reclamacións, resolvéndose a favor do consumidor o 77% . O consumo de enerxía das familias galegas representa xa un 30% do total da Comunidade, cunha media duns 2.600 euros anuais.•