• A Asociación de Veciños do barrio do Hospital de Monforte vén de anunciar a súa constitución como novo colectivo veciñal, e xa ten en marcha diversas iniciativas. Con vistas ás Festas Patronais de Monforte, a nova Asociación de Veciños está a organizar para o día 17 de agosto unha baixada de carrilanas engalanadas, onde se premiará non ós vehículos máis veloces, senón ós mellor decorados con motivos referentes á Ribeira Sacra.
REUNIÓNS COS LÍDERES POLÍTICOS LOCAIS PARA DAR A COÑECER AS DEMANDAS DO BARRIO DO HOSPITAL
A primeira reunión deste colectivo veciñal tivo lugar o pasado 25 de abril, onde foron aprobados os estatutos e a xunta directiva, e a día de hoxe a Asociación de Veciños do barrio do Hospital de Monforte xa ten sido validada oficialmente pola Xunta de Galicia.
Dende abril, os responsables desta Asociación veciñal están a manter unha serie de contactos cos representantes políticos municipais, co obxectivo de darlles a coñecer a existencia da Asociación, así como as necesidades detectadas no barrio do Hospital de Monforte. A primeira destas reunións tivo lugar a mediados do mes de maio co alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, que adquiriu o compromiso con esta Asociación de analizar as posibilidades de resolución das cuestións planteadas por este colectivo.
PETICIÓN DE ARRANXOS NOS ESPAZOS COMÚNS, E PROXECTOS DE FUTURO PARA O BARRIO DO HOSPITAL
Neste sentido, os responsables da Asociación de Veciños do barrio do Hospital agradeceron ó rexedor local as súas xestións con Aqualia para o arranxo do socavón da rúa Corredoira, así como a reclamación ós donos dunha casa abandonada para que tomasen medidas contra posibles desprendementos e os conseguintes riscos para a veciñanza. Ademais, dende a Asociación veciñal gabaron a actuación do Alcalde ó cumprir coa promesa de desbrozar as zonas verdes da rúa Irmáns Dapena, que por vez primeira realizou o concello. Dende a Asociación lembraron o compromiso de Severino Rodríguez de dotar ó barrio do Hospital dun parque infantil na rúa Irmáns Dapena, costeado cos fondos de Agader, antes do 30 de setembro.
A continuación, a directiva desta Asociación reuniuse co portavoz socialista no concello, José Tomé, para iniciar os procedementos de solicitude de axudas da Deputación para proxectos de formación dos veciños do barrio, así como para dotación de mobiliario urbano, que consideran moi necesario en zonas como Ramberde, Abeledos e Padre José de Garabantes.•