A Plataforma Sarriana polo Río denuncia ante a Comisión Europea o encauzamento do río Sarria

• O pasado 19 de xuño, a Plataforma Sarriana polo Río deu a coñecer a presentación dunha denuncia diante da Comisión Europea polos incumprimentos do Dereito Comunitario detectados por este colectivo no proxecto e nas obras de encauzamento do río Sarria.
Según informaron dende a Plataforma, a denuncia vai dirixida contra o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Cultura, así como Augas de Galicia e o Concello de Sarria.
A denuncia está motivada pola afección das obras proxectadas e xa en execución a varios hábitats cualificados pola normativa oficial como prioritario de interés comunitario. Na súa denuncia ante a Comisión Europea, a Plataforma Sarriana polo Río argumenta que se encontran afectados por estas actividades os bosques aluviais de freixos e ameneiros, o bosque de ribeira que acompaña ó río Sarria ó longo do seu percorrido, e o hábitat de diversas aves protexidas como de interés comunitario.
Asimesmo, o escrito da Plataforma denuncia a afectación dun corredor ecolóxico recoñecido na directiva de hábitats, que conecta o Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Ancares-Courel coa Reserva da Biosfera Terras do Miño. A denuncia concreta tamén a afectación dunha paisaxe de “enorme significación histórica e cultural”, nun tramo do Camiño de Santiago e no seu ámbito de territorio histórico integrante do Ben de Interés Cultural (BIC) Camiño Francés a Santiago.
O texto da denuncia presentada pola Plataforma Sarriana en Bruxelas inclúe unha denuncia polos “defectos e omisións da evaluación ambiental do proxecto” e, especialmente, do feito de que a Resolución sobre a evaluación ambiental “ignore completamente a existencia de paisaxes con significación histórica e cultural, como o caracterizado pola presencia do Camiño de Santiago, ó considerar a sensibilidade medioambiental da área afectada”. Unha destas infraccións refírese ó calendario de obra dos traballos, que debería estar deseñado para “evitar as accións máis impactantes durante o periodo de cría e nidificación da avifauna”, feito recoñecido como infracción no Dereito Comunitario.
Outro dos aspectos rexistrados na denuncia da Plataforma é o relativo ó incumplimento da normativa sobre xestión de residuos, así como “varios episodios de verquidos ó río”, dos que aportan material gráfico e audiovisual integrado na documentación enviada á Comisión Europea.
Por último, este colectivo denuncia incumplimentos da Directiva relativa ó acceso do público á información medioambiental, e da Directiva relativa á evaluación e xestión dos riscos de inundación.
Dende a Plataforma suliñaron que un dos aspectos polo que se interesa a Comisión Europea no seu formulario de denuncia é a existencia ou non dunha financiación comunitaria da que puidera beneficiarse o Estado membro en relación cos feitos imputados. Neste caso, a Plataforma declarou que este proxecto conta efectivamente con financiación europea, posto que o proxecto está financiado nun 80% por fondos FEDER, “financiación que podería verse comprometida polos incumplimentos do Dereito Comunitario denunciados diante da Comisión Europea”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Xunta instala pasos sobreelevados no Morín

Seguinte Nova

A Pobra do Brollón celebrará o 12 de xullo a I Feira Medieval Guímara

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss