•Quiroga, xunto con Sarria e Chantada, benefícianse destas axudas para municipios de Interés Turístico
O Concello de Quiroga beneficiarase dunha axuda da Xunta de Galicia para a contratación de persoal específico para a Oficina de Turismo dende o mes de xuño ata outubro. Esta axuda, por un importe máximo de 8.000 euros por concello, beneficiará tamén no sur lucense ós municipios de Sarria e Chantada.
AXUDAS A MUNICIPIOS DE INTERÉS TURÍSTICO
Según explicou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, esta liña específica de axudas promovida polo Executivo autonómico vai destinada a “manter a calidade no servizo de información turística que se presta nos municipios que contan coa devandita declaración”. Según precisou Arias, con esta liña de subvencións dáse cumprimento á Lei 7/2011, do Turismo de Galicia, que recolle no seu desenvolvemento que que os municipios turísticos deben ser obxecto de atención preferente nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da Xunta de Galicia.
O persoal contratado deberá estar en posesión do título de Técnico Superior en Información e Comercialización Turística ou Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou Grao ou Diplomatura en Turismo ou equivalente homologado.
“POTENCIAR A IMAXE DOS MUNICIPIOS TURÍSTICOS NO EXTERIOR”
Raquel Arias precisou asimesmo que con estas achegas, a Xunta de Galicia “estimula a contratación de persoal de xeito que se potencie a imaxe tanto dos Municipios Turísticos como de toda a provincia e a comunidade galega no exterior”. A delegada territorial indicou que con estas subvencións se actúa “en colaboración económica cos concellos para divulgar e promover a atención turística neste municipios e no seu entorno”.
Asimesmo, a representante da Xunta en Lugo destacou a “aposta da Xunta de Galicia para rendabilizar os excepcionais atractivos cos que conta a zona sur, por exemplo, no eido paisaxístico e no enogastronómico”. Esta estratexia destaca polo seu carácter conxunto, xa que “sumando esforzos para a posta en marcha dos servizos necesarios, seremos capaces de definir mellor os obxectivos, priorizar as actuacións e ser máis eficaces na difusión da nosa mensaxe, aforrando ademais en custos”, precisou Arias.
SEIS CONCELLOS LUCENSES BENEFICIARANSE DESTAS ACHEGAS
Os tres concellos do sur lucense beneficiados por estas axudas representan a metade dos concellos lucenses acollidos a este plan, para as que tamén presentaron solicitude, que foi concedida en tódolos casos, outros tres concellos da Mariña. A delegada territorial da Xunta en Lugo lamentou que outros tres concellos lucenses, en referencia a Samos, Monforte de Lemos e Lugo, non presentasen a solicitude para concorrer a esta orde de axudas, dotada cun total de 175.000 euros no conxunto de Galicia.•