Formación para o emprendemento e a posta en valor dos recursos da nosa provincia

En marcha diversas iniciativas provinciais para activar o emprego lucense

A vicepresidenta segunda da Deputación e a deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables visitaron a empresa PK3, unha das iniciativas emprendedoras xurdidas trala primeira edición do Campus de Emprendemento Sostible.  GPDL.
A vicepresidenta segunda da Deputación e a deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables visitaron a empresa PK3, unha das iniciativas emprendedoras xurdidas trala primeira edición do Campus de Emprendemento Sostible. GPDL.

• A formación para emprender sobre a base do aproveitamento sostible dos nosos recursos é o obxectivo principal das estratexias que está a desenvolver a Deputación de Lugo para potenciar o emprego e a riqueza na nosa provincia. Esta estratexia global está integrada por diversas liñas de actuación que ofrecen formación de carácter gratuíto e, nalgúns programas, remunerada, a cargo de profesionais dos diversos sectores. Os programas formativos inclúen módulos teóricos e práticos, orientados tanto á formación específica nun determinado eido como á adquisición dos coñecementos necesarios para botar a andar un negocio propio. O apoio á cultura emprendedora oriéntase nestes programas cara ó aproveitamento sostible dos recursos propios da nosa provincia a través da agricultura e gandeiría ecolóxicas, ou o sector forestal. Ademais, estas programacións teñen en conta aqueles sectores con máis futuro dentro do mercado laboral actual, como é a atención a persoas en situación de dependencia.

II CAMPUS DE EMPRENDEMENTO CON OBRADOIROS ADAPTADOS Ó PERFIL DO EMPRENDEDOR
No mes de xuño abríase o prazo para inscribirse no II Campus de Emprendemento Sostible, unha das iniciativas de formación para o emprego promovidas dende a Deputación de Lugo. Este programa ofrecerá formación gratuíta a 120 emprendedores para que poidan abrir novos negocios nos 29 concellos integrados nas Reservas da Biosfera Os Ancares lucenses e Terras do Miño, á que pertencen, entre outros, O Páramo e Láncara.
O II Campus de Emprendemento Sostible está composto por seis obradoiros divididos en dúas modalidades, para adaptarse ó perfil do emprendedor. A primeira destas modalidades está centrada na motivación e xeración de ideas, e destínase a aquelas persoas que estén valorando a posibilidade de emprender un negocio. Nesta modalidade, explicaranse cales son os elementos que se deben ter en conta cando se quere botar a andar un negocio, e os instrumentos que contribúen a deseñar unha boa idea empresarial. Ó mesmo tempo, se analizarán as oportunidades de negocio. Este campus de xeración de ideas desenvolverase en Cervantes do 7 ó 10 de xullo, en horario de 10 a 14 horas, e no Centro de Interpretación Terras do Miño do 14 ó 17 de xullo, de 16 a 20 horas.
Para as persoas que xa teñan máis avanzada a súa idea de negocio foi deseñado o Campus de maduración da idea empresarial. Esta segunda modalidade do Campus de Emprendemento Sostible incide sobre a viabilidade dun proxecto empresarial nos aspectos comercial, técnico, legal, medioambiental e económico-financeiro. Este campus desenvolverase en setembro, en tres obradoiros; no Centro de Interpretación Terras do Miño do día 1 ó 4 en horario de 10 a 14 horas, en Cervantes do 8 ó 11 de 16 a 20 horas, e neste mesmo horario do día 15 ó 18 no Centro de Interpretación Terras do Miño.
Unha vez rematado o Campus de Emprendemento, os participantes poderán beneficiarse de titorías nas que recibirán asesoramento personalizado para resolver calquer cuestión antes de poñer a andar o seu negocio.
Logo de completada a primeira edición deste Campus, na que participaron 48 persoas de entre 26 e 35 anos, xa se comezaron a ver os resultados. Un total de sete empresas xurdiron a partir destas xornadas formativas sobre emprendemento, como foi o caso de PK3, unha consultoría de obra civil nacida por iniciativa da lucense Laura Santalla Castro, que cambiou a súa condición de desempregada pola de emprendedora logo da súa asistencia ó I Campus de Emprendemento Sostible. Esta nova empresa, que polo de agora dá traballo a dúas persoas, súmase ás outras seis xurdidas a partir deste programa formativo, entre as que se atopan unha granxa de abellas, unha cantina e unha zoqueira, nos sectores da agricultura ecolóxica, educación ambiental, gandeiría ecolóxica, turismo rural, ecoagroturismo e produción artesanal.

Fotos de arquivo dalgunhas das accións formativas desenvolvidas en Monforte na pasada edición do Pacto Provincial polo Emprego. Arquivo EC.
Fotos de arquivo dalgunhas das accións formativas desenvolvidas en Monforte na pasada edición do Pacto Provincial polo Emprego. Arquivo EC.

1.000 PARADOS LUCENSES PODERÁN BENEFICIARSE DA SEGUNDA EDICIÓN DO PACTO PROVINCIAL POLO EMPREGO
Dentro das iniciativas a prol do emprego que está a poñer en marcha a Deputación de Lugo atópase o Pacto Provincial polo Emprego, que na súa segunda edición contará con 72 accións formativas. Este programa formativo, aprobado polo organismo provincial a mediados do mes de xuño, está dotado con 1,5 millóns de euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos. Según precisou a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, esta iniciativa é posible «grazas á boa xestión dos fondos europeos» realizada polo organismo provincial, o que permitiu, según Méndez, incrementar o presuposto para este proxecto dos 3,5 millóns dispoñibles inicialmente ós 4,1 millóns finais. Este incremento veu da concesión, por parte da Unión Europea á Deputación lucense, de 600.000 euros procedentes de remanentes o pasado mes de setembro. Lara Méndez destacou que, con este orzamento, o Pacto Provincial polo Emprego II é o proxecto que acadou máis financiamento en toda Galicia na última convocatoria do Fondo Social Europeo.
O obxectivo deste Pacto Provincial polo Emprego II é facilitar a inserción laboral de 1.000 lucenses en situación de desemprego, que adquirirán a formación necesaria para optar a postos de traballo nas profesións máis demandadas no actual mercado laboral, recibindo unha axuda económica ó longo de todo o proceso formativo.

«LUGO TEN 26.294 PARADOS QUE MERECEN UNHA RESPOSTA EFICAZ DA XUNTA, QUE LLES RESPONDEU CUN RECORTE DE CASE 240 MILLÓNS DE EUROS EN POLÍTICAS DE EMPREGO»
Durante a presentación desta iniciativa, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que «a creación de emprego na provincia é a nosa obsesión». O mandatario provincial criticou que «Lugo ten a día de hoxe 26.294 parados que merecen unha resposta eficaz por parte da administración que ten a competencia directa, a Xunta de Galicia, pero a única resposta recibida dende 2009 foi o recorte de case 240 millóns de euros en políticas activas de emprego», polo que, según Besteiro, «esta Deputación está a intensificar a súa loita contra o paro».

OS SOLICITANTES DAS PRAZAS DO II PACTO PROVINCIAL POLO EMPREGO DEBERÁN ESTAR INSCRITOS NO INEM
Según precisaron os responsables provinciais, a nova edición do Pacto polo Emprego está destinada ós desempregados de todos os concellos da provincia agás o de Lugo, que xa conta co seu propio Pacto. O único requisito esixido para poder optar ás 1.000 prazas deste II Pacto Provincial polo Emprego é estar inscrito no INEM. Ademais, terase en conta a situación de determinados colectivos con especiais dificultades para acceder ó emprego, como os desempregados maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas con algunha discapacidade física ou psíquica, ou vítimas de malos tratos.

OS PARTICIPANTES NO II PACTO POLO EMPREGO PERCIBIRÁN PRETO DE 400 EUROS Ó MES DURANTE A SÚA FORMACIÓN
O II Pacto Provincial polo Emprego ofrecerá ós participantes formación teórica nas profesións con máis futuro no actual mercado de traballo, e a continuación, realizarán práticas en asociacións e empresas lucenses. Ó longo de todo o proceso formativo, os participantes recibirán unha axuda económica de preto de 400 euros mensuais, o equivalente ó 75% do IPREM. A selección dos candidatos para participar no II Pacto Provincial polo Emprego será realizada nun primeiro momento polo INEM, logo de iniciarse o proceso de contratación dos cursos. Nesta primeira selección, o INEM terá en conta os currículos que máis se adapten, e a continuación o organismo provincial realizará entrevistas curriculares ós candidatos. Unha vez completado este proceso selectivo, está previsto que os seleccionados comecen a súa formación a mediados do mes de setembro.

72 ACCIÓNS FORMATIVAS EN SECTORES CON MÁIS EXPECTATIVAS DE EMPREGO
O Pacto Provincial polo Emprego II consta de 72 accións formativas centradas sobre todo en potenciar os chamados «empregos brancos», é dicir, aqueles relacionados coa prestación de servizos de carácter social vinculados coa atención sociosanitaria e a persoas dependentes. Según explicaron os responsables provinciais, o sector dos «empregos brancos» vai xerar preto de 200.000 postos de traballo hasta 2015 en España, como se desprende dun informe elaborado polo Ministerio de Traballo. Neste sentido, o presidente da Deputación apuntou que con estas accións formativas do Pacto Provincial polo Emprego II «ofrecemos unha formación especializada que facilita a futura inserción laboral dos participantes, ó tempo que potencia os servizos sociais fronte ó desmantelamento que estes están a sufrir”.
Pola súa banda, a vicepresidenta segunda da Deputación detallou o contido destes cursos, dos que se celebrarán varias edicións. Así, un total de 38 accións formativas versarán sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes en domicilio ou institucións sociais, e outros tres sobre transporte sanitario. Ademais, haberá seis cursos sobre limpeza e hixiene de superficies e mobiliario, once sobre operacións básicas de cociña, e outros nove sobre asesoramento na función xerencial e no autoemprego para a creación de empresas.

APLICACIÓN DAS CLÁUSULAS SOCIAIS NA CONTRATACIÓN DESTES CURSOS
Por último, durante a presentación do Pacto Provincial polo Emprego II, o presidente da Deputación destacou outro dos aspectos «novidosos» desta iniciativa, en referencia á aplicación das cláusulas sociais nos contratos correspondentes. Gómez Besteiro sinalou que estas medidas garantirán, entre outras, a obriga de que os formadores reciban unha retribución mínima de 30 euros por hora, valorando positivamente ás empresas que aseguren retribucións superiores e excluíndo directamente ás que non respecten este mínimo. Neste sentido, Besteiro aproveitou para criticar ó Goberno galego, do que dixo que “utilizando un eufemismo, Feijóo acepta o que negou no Parlamento”, logo de que a Xunta rexeitase na Cámara galega, o pasado mes de abril, a proposta da Deputación de incluír cláusulas sociais nos contratos, e Núñez Feijóo anunciara a mediados de xuño que finalmente as incorporará. Besteiro suliñou que «non importa quen sexa o pai da iniciativa, senón o que importa é controlar, verificar e promocionar o respecto dos dereitos dos traballadores, sen eufemismos de ningún tipo”.•

O PROGRAMA “FÓRMATE EN VERDE” DEU LUGAR A 21 NOVAS EMPRESAS NA PROVINCIA

O presidente da Deputación entregou os diplomas ós participantes do Fórmate en Verde, no Pazo de Tor.  GPDL.
O presidente da Deputación entregou os diplomas ós participantes do Fórmate en Verde, no Pazo de Tor. GPDL.

•A mediados do mes de xuño entregáronse en Monforte os diplomas ós asistentes do sur de Lugo ó programa Fórmate en Verde, unha iniciativa da Deputación que ofreceu formación gratuíta a 286 persoas a través dos 21 obradoiros sobre agricultura ecolóxica desenvolvidos nesta zona. Como resultado, puxéronse en marcha un total de 6 novas empresas no sur lucense, adicadas á agricultura ecolóxica, nos municipios de Carballedo, Guntín, Chantada, Castro de Rei e Sarria.
Ademais desta media ducia de novos negocios, creáronse outras 15 empresas no resto da provincia de Lugo, xurdidas a raíz deste mesmo programa formativo, e adicadas á gandeiría ecolóxica e ó sector forestal. Entre elas, dúas explotacións gandeiras arrincaron en Láncara e Quiroga, e unha empresa forestal abriu en O Saviñao.
Máis de 900 persoas participaron no programa “Fórmate en Verde”, financiado ó 80% pola Unión Europea a través do plan Lug02. Formación, visitas práticas a empresas xa consolidadas e asesoramento técnico especializado ós participantes para crear empresas no rural foron os eixos desta iniciativa provincial.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Éxito das xornadas de portas abertas do Departamento de Informática do IES A Pinguela

Seguinte Nova

O Centro do Viño de Monforte desenvolveu máis dun cento de actividades nos últimos doce meses

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: