Ademais, xestionou a Oficina de Turismo e organizou eventos con máis dunha decena de entidades
• A finais do mes de xuño foi presentado o balance de actividades do primeiro ano de funcionamento do Centro do Viño de Monforte baixo a xestión da empresa Rutas Sacras Nomar. Noelia Iglesias e José Ramón Mareque, responsables desta firma, acompañados polo alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, explicaron en rolda de prensa o histórico de eventos e celebracións desenvolvidos no Centro do Viño dende que tomaron as rendas da súa xestión tras gañar o concurso convocado polo Concello de Monforte. Iglesias e Mareque lembraron que o obxectivo inicial de contribuír ó desenvolvemento turístico da zona estaba centrado na potenciación de todo o relacionado co mundo do viño, aínda que decidiron ir máis aló. Os novos xestores decidiron apostar claramente polo dinamizar o propio Centro do Viño, organizando e impulsando todo tipo de actividades para poñer en valor esta sede como eixo dinamizador dentro de Monforte e da Ribeira Sacra.
O VIÑO, A RAZÓN DE SER
A cultura vitivinícola constitúe unha seña de identidade da Ribeira Sacra, e como tal constitúe a gran aposta da xestión divulgativa do Centro do Viño de Monforte. Esta liña de traballo materializouse en 65 presentacións de viños pertencentes a 31 adegas da Denominación de Orixe, ademais de dar a coñecer unha xenebra e un vermú elaborados na Ribeira Sacra.
A vinoteca do Centro do Viño consolidouse como escenario idóneo para as presentacións das novas producións vinícolas, ademais de actuar como o mellor escaparate dos viños da Ribeira Sacra. Este espazo é a tenda de viños con maior concentración de marcas desta Denominación de Orixe, na que se pode atopar ata 200 marcas elaboradas na Ribeira Sacra. Como mostra da súa capacidade, neste ano a vinoteca do Centro do Viño vendeu 10.170 botellas de viño e 880 de licores. Ademais, esta tenda ofrece un catálogo de viños con servizo a domicilio sen custo adicional, co que se enviaron máis de mil botellas a 63 localidades, o que supuxo máis do 10% das vendas totais da vinoteca. Unha boa perspectiva para a tenda on line na que están a traballar, e coa que estiman incrementar notablemente esta vía de comercialización.
Por outra banda, o Centro do Viño aproveitou outros aspectos para xerar actividade en torno á cultura vitivinícola. Unha cata de viños premiados e tres cursos de cata ofreceron ós asistentes a posibilidade de achegarse máis profundamente á identidade dos nosos viños. Ademais de coñecementos, no Centro do Viño tamén ofreceron imaxinación, ó organizar unha singular cata de uvas e outra de viño a cegas, así como a I Festa do Viño Novo da Ribeira Sacra, evento que sorprendeu pola súa ambientación de época romana, nunha cita inaugural na que participaron 16 adegas.
VIÑO E PAISAXE FAN CULTURA
Posto que o viño é o froito dun longo proceso de traballo que implica a adegueiros e viticultores interaccionando coa paisaxe, dende o Centro do Viño decidiron poñer en valor aspectos como a vendima, coa celebración dun taller de fotografía de campo, así como varios obradoiros a cargo de fotógrafos profesionais.
As posibilidades do Centro do Viño como espazo cultural tomaron forma coa celebración neste ano de media ducia de exposicións na Galería do claustro. Os traballos estiveron vinculados tanto á Ribeira Sacra e ós seus creadores, como a diversos aspectos da cultura do viño.
Todo este montante cultural e patrimonial xerado a partir do viño e do seu territorio debe ser posto en valor, en primeiro lugar, pola propia veciñanza. Son os habitantes da Ribeira Sacra os que primeiro deben coñecer e valorar o que teñen, e con este obxectivo organizáronse dende o Centro do Viño as Xornadas de Promoción do Patrimonio da Ribeira Sacra. Un total de cinco conferencias a cargo de expertos ofreceron outro xeito de ver a Ribeira Sacra ós preto de 200 participantes.
Esta labor divulgativa tamén chegou á escola, a través dunha decena de obradoiros con unidades didácticas nos que participaron preto de 300 escolares de Monforte e da Ribeira Sacra.
A artesanía como elemento sustancial da nosa cultura tivo o seu espazo nos “Sábados Artesáns”, nos que diversos artesáns da Ribeira Sacra realizaron demostracións ó público no Claustro do Centro do Viño. Tamén o Museo deste Centro convertiuse en pasarela excepcional para o desfile de moda artesán “Pura artesanía, pezas en movemento”, coa participación de 14 creadores que deleitaron coas súas pezas ós preto de 120 asistentes. Este desfile buscaba tamén achegar á xente o Museo do Viño, que este ano cumplía o seu quinto aniversario, con preto de 18.000 visitantes.
O CENTRO DO VIÑO, PUNTO DE ENCONTRO PARA VECIÑOS E VISITANTES
Dado que o Centro de Viño está a actuar como punto de encontro e referencia, integra tamén os servizos da Oficina de Turismo, que neste ano atendeu máis de 12.000 consultas, e está a detectar unha importante presencia de peregrinos.
Asimesmo, o Centro do Viño está á disposición da veciñanza, como proba o bo número de eventos organizados por entidades e colectivos locais no seu Salón de Actos, e a colaboración do Centro noutras iniciativas.
As novas tecnoloxías e redes sociais está a consolidar a tarefa dinamizadora do Centro do Viño, que movilizou este ano a máis de 3.000 persoas, vencelladas a través do universo do viño e das súas posibilidades.•