Rubián acollerá o 14 de xullo unha nova edición da Feira Tradicional Outrora

A Feira Tradicional Outrora de Rubián constitúe unha homenaxe ós oficios tradicionais que tiñan presencia nas feiras de comezos do século XX. (Arquivo EC).
A Feira Tradicional Outrora de Rubián constitúe unha homenaxe ós oficios tradicionais que tiñan presencia nas feiras de comezos do século XX. (Arquivo EC).

• O vindeiro 14 de xullo, Rubián recreará, un ano máis, o ambiente das feiras tradicionais de principios do século XX coa celebración da XII Feira Tradicional Outrora. Esta cita xa consolidada actualiza os oficios tradicionais que producían os obxectos necesarios para a vida cotiá, e que logo se vendían de feira en feira, levando a cultura e o saber popular dun pobo a outro. Esta homenaxe ós oficios tradicionais quedou reflexada no cartel que publicita esta duodécima edición da Feira Outrora. A proposta do artista cántabro Germán García-Salmones López resultou vencedora por riba doutros 31 creadores, procedentes de toda a xeografía peninsular, que presentaron cadanseu deseño ó II Concurso de Carteis convocado polo Concello de Bóveda con motivo desta celebración.
REPRESENTACIÓN DOS OFICIOS TRADICIONAIS
A xornada festiva do 14 de xullo comezará ás 10 da mañá coa apertura das exposicións, e dende as dez e media poderá disfrutarse das representacións dos diversos oficios tradicionais. Ferrería, olería, tear, cestería, madeira, canteiría e marroquinería convivirán coa cosmética natural, perfumería, talla de vidro, labores e instrumentos musicais. A partir das once e media chegará a música, coa actuación do Grupo de Danzas Municipal na pista da malla. Á unha menos cuarto, a Banda Municipal de Gaitas de Bóveda animará a xornada con pasarrúas, e xa ás tres e media terá lugar a actuación de Ce Orquestra Pantasma nas naves do polbo.

OBRADOIROS INFANTÍS E XUVENÍS, FESTA DA ESPUMA E CONCERTO
Pola tarde, a partir das catro, desenvolveranse obradoiros artesanais infantís e xuvenís na zona do parque infantil de Rubián. Ás cinco, a pista será o escenario dos xogos tradicionais, e ás cinco e media volverá a música da man de Ce Orquestra Pantasma, no parque infantil. A continuación, e dende as seis e media, a pista acollerá a Festa da Espuma, e ás oito da tarde terá lugar o tradicional Concerto na Capela do Divino Ecce Homo, a cargo da Coral de Palas de Rei.

RECREACIÓN DA MALLA, ISCO NO GUIZO E NOITE DE PASODOBRE
O peche das exposicións será ás nove, e ás oito e media comezará a recreación etnográfica da Malla. A degustación do Isco no Guizo comezará ás dez, xa cara ó remate da xornada. O último acto festivo desta Feira Outrora terá carácter musical, coa celebración da Noite de Pasodobre, a partir das dez e media.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Jesús R. Montero expón en Bóveda fotografías sobre o tren e a paisaxe

Seguinte Nova

Sober conta cun Punto de Información Catastral

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: