A Xunta podería perder os máis de 2,5 millóns de euros comprometidos na creación e mantemento dos Xulgados da Zona Sur

Os socialistas alertan do efecto da reforma do mapa xudicial

Sería unha das consecuencias da supresión dos partidos xudiciais

Á dereita, o voceiro socialista en Monforte, José Tomé, durante a rolda de prensa na que os socialistas explicaron as consecuencias da supresión dos partidos xudiciais. Tomé estivo acompañado polo secretario provincial do Psoe de Lugo, Juan Carlos González Santín; o ex ministro de Xustiza e deputado autonómico, Francisco Caamaño; e o coordinador do PSOE na comarca de Lemos, Roberto Castro. (Foto cedida).
Á dereita, o voceiro socialista en Monforte, José Tomé, durante a rolda de prensa na que os socialistas explicaron as consecuencias da supresión dos partidos xudiciais. Tomé estivo acompañado polo secretario provincial do Psoe de Lugo, Juan Carlos González Santín; o ex ministro de Xustiza e deputado autonómico, Francisco Caamaño; e o coordinador do PSOE na comarca de Lemos, Roberto Castro. (Foto cedida).

• Os socialistas lucenses están a desenvolver unha serie de xornadas informativas para trasladar á cidadanía as consecuencias da reforma do mapa xudicial que está a preparar o Goberno central, e que faría desaparecer os partidos xudiciais da provincia agás o da capital, Lugo.

INVERSIÓNS NAS SEDES XUDICIAIS DO SUR
Según explicou o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Juan Carlos González Santín, no caso de que a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial saíra adiante, a Xunta de Galicia perdería máis de 2,5 millóns de euros só na construción, reparación e mantemento das sedes xudiciais de Monforte, Sarria e Chantada. González Santín lembrou que o Goberno autonómico inaugurou en 1997 as instalacións de Sarria e, en 2001, as de Monforte de Lemos. As dúas actuacións supuxeron para as arcas da Xunta un investimento de preto de 830.000 euros. Asimesmo, no Plan de Infraestruturas Xudiciais 2014-2015, o Goberno galego comprometeu a execución dunha nova sede no municipio sarriano por valor de 1,7 millóns de euros, ademais de distintas partidas para o mantemento da sede existente nesta localidade, así como das instalacións de Chantada e Monforte. Deste xeito, se a norma se mantén tal e como anunciou o Ministerio, e a infraestrutura xudicial se organiza exclusivamente a partir do tribunal de instancia que se creará na capitalidade, estas tres sedes, ó igual que as outras cinco que existen na actualidade, e que se ven afectadas por esta medida, quedarían sen uso.

“O PP XOGA Á AMBIGÜEDADE”
Pola súa banda, o ex ministro de Xustiza e deputado autonómico, Francisco Caamaño, cre necesaria a “reacción urxente de Feijóo para non ser cómplice da visión elitista e discriminatoria que defende Gallardón e que afasta ás persoas do dereito á Xustiza”. Caamaño criticou que, con esta medida, o Goberno de Rajoy “asesta un duro golpe á igualdade e á Xustiza de proximidade”, ademais de contribuír “a baleirar o rural”. Ademais, Caamaño indicou que “por primeira vez están de acordo sindicatos, xuíces, avogados, e procuradores, e non coñezo a ninguén que esté a favor desta normativa”. O ex ministro de Xustiza socialista denunciou que “o PP xoga á ambigüidade, xa que no Parlamento de Galicia defende a existencia de sete Partidos Xudiciais en Lugo, de tal xeito que os que elimina funcionarán como un buzón cunha función moi semellante á do Xulgado de Paz, pero está claro é que unha vez que se vaia o xuíz, desaparece a actividade xurisdicional”.

CONSECUENCIAS LABORAIS DA REFORMA
Caamaño tamén fixo mención á repercusión desta reforma no plano laboral. Os cambios na Lei Orgánica do Poder Xudicial afectarán a un colectivo “inmenso” de traballadores, que os socialistas estiman nuns 25.000 da administración central adscritos a Xustiza e outros case 37.000 nas Comunidades Autonómas. Caamaño engadiou que “a nova distribución de postos en destinos provinciais convertirá as oficinas xudiciais en macroalmacéns de persoas moi pouco operativas, o que é inaceptable”.

CONSECUENCIAS PARA A NOSA PROVINCIA
Os socialistas explicaron que, malia o encarecemento das taxas xudiciais que entrou en vigor en 2012, a litixiosidade subiu en Galicia e, dentro da Comunidade, Lugo é a segunda provincia co maior índice. Segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, a nosa provincia acumula 45,49 casos por cada 1.000 habitantes. Ante este panorama “xa desolador, e se os plans do Goberno seguen o seu curso”, máis de 200.000 lucenses tamén quedarán sen oficinas do Rexistro Civil”, denunciou Caamaño.
Neste sentido, os responsables socialistas precisaron que o proxecto do Executivo central deixará só unha oficina na capital e facilitará algún trámites telemáticos; o que non evita, según os socialistas, que moitos cidadáns teñan que facer desprazamentos de máis de douscentos quilómetros de ida e volta para presentar documentos que son necesarios para formalizar, por exemplo, un matrimonio. A zona sur se vería “gravemente afectada”, pois desaparecerían os dous rexistros civís cos que conta, e que están en Monforte e Chantada.

LUGO QUEDARÍA NA SITUACION MÁIS CRÍTICA DE GALICIA
Neste sentido, Lugo é a provincia galega que atravesa a situación máis crítica, pois, ademais, o Partido Xudicial da capital é o de maior extensión de Galicia. “O café para todos de Gallardón vale igual para un veciño de Monforte, de Folgoso ou de Ribas de Sil que para un de Teruel”, explicaron os socialistas na súa comparecencia. “Pensamos que é unha reforma desafortunada, socialmente prexudicial tanto para os cidadáns como para as localidades que se van ver privadas desteservizo”, subliñaron.
Os socialistas engadiron que a demarcación de Monforte é o terceiro Xulgado da provincia con máis volume administrativo, sendo superado só polo de Lugo e o de Viveiro. O de Monforte dá servizo a 42.000 habitantes de Bóveda, Folgoso do Courel, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Asociación de Veciños do Barrio do Hospital estrea presencia en Internet e nas redes sociais

Seguinte Nova

ATA O 31 DE XULLO PODEN ENVIARSE TRABALLOS Ó CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL DO CONCELLO DE QUIROGA

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: