Aberto o prazo para participar no programa “Movémonos”

Inscricións ata finais de xullo

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, durante a presentación do programa “Movémonos”. GPVDL.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, durante a presentación do programa “Movémonos”. GPVDL.

• A área de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo vén de presentar o programa Movémonos, co obxectivo de promover a actividade física moderada entre diversos colectivos lucenses con especiais dificultades ou ben vinculados ó medio rural. Para a financiación deste programa, que é totalmente gratuíto para os usuarios, a Vicepresidencia provincial destinará unha partida de 185.760 euros.

MELLORAR O BENESTAR DOS COLECTIVOS EN RISCO NO RURAL LUCENSE
Esta iniciativa xa se ten desenvolvido en anos anteriores baixo as denominacións Todos a Xogar ou Tempo, nas que participaron preto de 2.000 persoas. O programa recolle “unha demanda, feita polas asociacións dos pequenos concellos, de achegar a todas as parroquias do rural servizos dos que unha persoa que vive na cidade ou nunha vila grande dispón”. Así o explicou o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e responsable de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, durante a presentación do programa Movémonos, do que está aberto o prazo de inscrición ata finais de xullo. Según precisou Veiga, dende a Vicepresidencia da Deputación tentan mellorar o benestar dos colectivos en risco de exclusión, “para os que outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, seguen a reducir o seu apoio económico”.

ACTIVIDADES PARA COLECTIVOS CON CAPACIDADES DIFERENTES OU EN RISCO DE EXCLUSIÓN
Según explicou o responsable provincial de Benestar Social e Deporte, o programa Movémonos conta con dúas liñas de actuación. Por unha banda, haberá actividades dirixidas a asociacións de capacidades diferentes e a colectivos que traballen con persoas en risco de exclusión social. Esta liña está aberta a todas as asociacións destas características en calquera dos concellos da provincia de Lugo. O obxectivo é a integración social das persoas a través de actividades en grupo que garantan a mellora das capacidades de relación.
Por outra banda, a segunda liña de actuación vai dirixida a asociacións do medio rural, en concreto entidades sen ánimo de lucro de concellos con menos de 5.000 habitantes. Para estes casos, o programa levará un monitor ó local social correspondente dous días á semana, e de xeito totalmente gratuíto, para favorecer a realización de actividades en núcleos ou colectivos que por avellentamento ou dispersión poboacional non o poidan custear.
Todos os cursos serán impartidos por profesionais, entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo bacharelato ou o grao superior en animación de actividades físicas e deportivas. Ademais, todas as persoas que se contraten para este servizo disporán do Celga 4 ou equivalente, “proba do compromiso da Vicepresidencia da Deputación coa lingua galega”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta facilita a contratación de 108 socorristas para as praias e piscinas dos 28 concellos que o solicitaron na provincia de Lugo

Seguinte Nova

A Asociación de Veciños do Barrio do Hospital estrea presencia en Internet e nas redes sociais

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: