Premios e agasallos por comprar no comercio asociado
• A campaña «Máis que comercio!», promovida pola Xunta de Galicia, desenvolverase en Sarria ata o 31 de xullo nos establecementos asociados ó Centro Comercial Aberto de Sarria. A campaña busca impulsar as vendas do comercio local premiando á súa clientela con sorteos e agasallos.
SORTEO DE TARXETAS REGALO E DE DIVERSOS AGASALLOS POR MERCAR NO COMERCIO ASOCIADO
Deste xeito, as persoas que realicen as súas compras nos comercios asociados ó CCA durante o mes de xullo están a recibir un cupón por cada 5 euros de compra. Con cada cupón conseguido, poderán participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Ó votar nesta web ó seu establecemento favorito, poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas tarxetas de 100 en cada establecemento asociado para mercar no comercio local. Ademais, os participantes optan a diferentes agasallos, como vales de compra e diferentes produtos achegados polos propios comerciantes. Unha vez rematada a campaña a finais de xullo, o establecemento seleccionado polos clientes recibirá un recoñecemento público ó seu labor.
RESALTAR OS VALORES DO COMERCIO DE PROXIMIDADE
A campaña «Máis que comercio!», organizada pola Consellería de Economía e Industria, percorre os centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, para resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.
VALOR DO ASOCIACIONISMO NO PEQUENO COMERCIO
Ao mesmo tempo, e según apuntou a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, durante a súa visita a Sarria, coa campaña destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.•