Celebrarase en Chantada do 4 ó 9 de agosto
• Do 4 ó 9 de agosto, Chantada será o centro das actividades da cuarta edición do Campus de Creación Artística Ventos do Norte, organizado pola Banda de Música de Chantada coa colaboración da Deputación de Lugo e a Fundación TIC. Este ano, e como novidade, realizarase unha actividade para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, a través da elaboración dunha curtametraxe.
A CURTA “VENTOS DO NORTE” TERÁ COMO PERSONAXES, ENTRE OUTROS, Á RIBEIRA SACRA, CON MÚSICA ORIXINAL
Según explicou na presentación deste Campus a deputada de Economía, Recadación e Facenda do organismo provincial, Pilar García Porto, os participantes no Campus, en colaboración coa Fundación TIC, gravarán unha curta en homenaxe á Ribeira Sacra, e que levará por título “Ventos do Norte”. O fío condutor da curtametraxe será a música de Antón Alcalde, un dos compositores galegos máis destacados do panorama da música actual, e que creará unha peza a propósito deste filme. A curtametraxe estará protagonizada pola Ribeira Sacra, coa súa viticultura heroica como máxima singularidade; un viticultor, que representa a todo un pobo adicado ó laboreo das vides e que busca a exaltación dos seus produtos; a Banda de Chantada, que enche de ledicia as rúas e aldeas desta comarca; os cativos e cativas da zona, como símbolo da inocencia, a curiosidade e o atrevemento; e por último, o Monte Faro, o corazón de Galicia.
Esta curtametraxe será distribuída en 1.500 copias de formato DVD, así como nas redes sociais, gracias á colaboración da Fundación TIC.
SEMINARIOS DE FORMACIÓN MUSICAL E INSTRUMENTAL PARA PERSOAS DE 6 A 80 ANOS
O Campus de Creación Artística desenvolverá asimesmo outras actividades. Por unha parte, terá lugar diversos seminarios de formación, a través de clases instrumentais, de música e de movemento, destinadas a persoas con inquedanzas musicais de entre 6 e 80 anos. Ademais, crearase música orixinal e inédita para distintos formatos de agrupación instrumental. Asimesmo, estrearase a música “Ventos do Norte”.
UNIDADES DIDÁCTICAS SOBRE AS EMOCIÓNS, E MÚSICA EN VIVO A DIARIO POLAS RÚAS DA COMARCA
Por outra parte, no Campus de Creación Artística de Chantada elaboraranse diversas unidades didácticas para os centros educativos, nas que se recollerán os resultados das actividades realizadas no Campus sobre as emocións básicas de alegría, medo, tristura e rabia.
Ademais, haberá espectáculos diarios de animación con música en vivo polas rúas da comarca de Chantada, co obxectivo de achegar a actividade musical ós máis cativos, pais, nais e veciñanza en xeral.
As actividades do IV Campus de Creación Artística Ventos do Norte desenvolveranse do luns 4 ó sábado 9 de agosto en horario de 11 a 13,30 horas, e de 17 a 19,30 horas.•