Orzamento de 18,2 millóns de euros para a conservación da rede de estradas provinciais

Plan de Conservación da rede de estradas provincial

Ademais do investimento récord, o Plan destaca por incluír por vez primeira cláusulas sociais

A rede de estradas provinciais de Lugo é a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros de vial.  (Arquivo EC).
A rede de estradas provinciais de Lugo é a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros de vial. (Arquivo EC).

• A comezos deste mes, o presidente da Deputación de Lugo anunciaba un novo investimento destinado ó Plan de Conservación da rede de estradas provinciais, cun importe de 18,2 millóns de euros.

NOVIDADES DESTE PLAN
José Ramón Gómez Besteiro suliñaba como novidades deste plan a cifra “récord” do orzamento, que se executará entre este ano e o 2018, e o feito de que é a primeira vez que un plan destas características introduce cláusulas sociais. Besteiro lembraba que a Deputación de Lugo foi a primeira administración pública de Galicia e a primeira Deputación en España que incorporou cláusulas sociais nos contratos de servizos “en defensa dos dereitos dos traballadores”. O mandatario provincial precisou que a inclusión destas cláusulas nos pregos de contratación do Plan de Conservación da rede de estradas supón ir “un paso máis no noso compromiso cos dereitos laborais”.

TERASE EN CONTA O NÚMERO DE INDEFINIDOS, E AS MELLORAS APLICADAS
En concreto, e según explicaron os responsables provinciais, os pregos de contratación do Plan de Conservación de estradas, aprobadas na Xunta de Goberno do 4 de xullo, incorporan como criterio de valoración o número de traballadores con contrato indefinido das empresas ofertantes. Ademais, na valoración teranse en conta as propostas que impliquen unha mellora nas condicións laborais e salariais con respecto ó fixado no Estatuto dos Traballadores e no convenio de Edificación e Obras Públicas.

OBRIGAS DURANTE A EXECUCIÓN DO CONTRATO
Por último, a oferta económica contará moi significativamente na puntuación das ofertas, según establece a lexislación estatal e autonómica, aínda que non se permitirá baixadas desproporcionadas ou anormais no prezo da oferta que poidan supoñer unha redución dos custes laborais.
Ademais, na execución do contrato as empresas deberán cumprir as condicións laborais que ofertaron, mantendo ata o remate dos traballos o número de traballadores, de contratos indefinidos e os soldos estipulados, así como as condicións económicas e sociais previstas no convenio estatal ou sectorial.

MÁIS DE 160 TRABALLADORES BENEFICIARANSE DO MODELO DE CONTRATACIÓN SOCIALMENTE RESPONSABLE
Dende a Deputación de Lugo destacaron que estas cláusulas sociais blindarán as condicións laborais de polo menos 80 traballadores que prestarán servizos directos nas empresas adxudicatarias do Plan de Conservación de Estradas. Deste xeito, serían máis de 160 os traballadores beneficiados polo modelo de contratación pública socialmente responsable que está a aplicar a Deputación lucense dende o mes de marzo, nos sete contratos de servizos que se levan adxudicados.

TAREFAS DO PLAN DE CONSERVACIÓN DE ESTRADAS PROVINCIAIS
O Plan de Conservación de estradas garante o bo estado dos 4.200 quilómetros de viais que integran a rede provincial. Este plan está operativo os 365 días do ano, con atención permanente as 24 horas para solventar calquer tipo de incidencia neste tipo de viais. Dentro das funcións incluídas neste plan está a limpeza das estradas, tanto de verquidos como de elementos naturais que poidan interferir na seguridade do tráfico; así, os operarios están encargados de retirar árbores caídas, neve ou animais mortos, ademais de eliminar os restos derivados dun accidente. Tamén se encargan da reparación dos elementos de sinalización, e realizan funcións de prevención ante xeadas.

DISTRIBUCIÓN POR ZONAS DE TRABALLO DOS MUNICIPIOS DO SUR DE LUGO
Para garantir a eficacia na cobertura deste servizo, a rede provincial de estradas está distribuída en oito zonas, dotadas cada unha delas dun dispositivo mínimo de 10 operarios e 28 máquinas. En canto á distribución do orzamento, destínanse máis recursos ás zonas con especiais condicións orográficas ou climatolóxicas, ó requerir unha maior atención en medios técnicos e humanos.
No sur de lugo, a zona 8, integrada polos concellos de A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo, conta con 1.860.738 euros para atender os 738 quilómetros de estradas. Pola súa banda, a zona 7, que inclúe a Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil, disporá de 1.788.864 euros para a conservación de 313 quilómetros de viais provinciais. Asimesmo, O Páramo, Sarria e Paradela pertencen, xunto con outros oito municipios, á zona 4, á que se destinan 1.839.442 euros para a conservación de 680 quilómetros de estradas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O IES A Pinguela, incluído de novo no programa de mobilidade Erasmus Plus da Unión Europea

Seguinte Nova

A Xunta facilita a contratación de 108 socorristas para as praias e piscinas dos 28 concellos que o solicitaron na provincia de Lugo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: