Segue baixando o paro
• O desemprego rexistrado no mes de xuño baixou en 113 persoas nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga, o que continúa a tendencia á baixa rexistrada nos últimos meses. Na provincia de Lugo, rexistráronse 1.464 parados menos neste último mes, o que deixa a cifra de desempregados lucenses en 24.829.
UGT-LEMOS CONSIDERA QUE A DIMINUCIÓN DO PARO SE DEBE A DARSE DE BAIXA NO INEM OU POLA EMIGRACIÓN
Dende o sindicato UGT-Lemos valoran “de forma moderada” esta caída do paro, porque consideran que esta diminución se debe, en boa medida, a que moitos parados se dan de baixa no Servizo Público de Emprego, “e outros, cansados de non conseguir unha oferta, emigran”. O vicesecretario xeral de UGT-Lemos, Mario Docasar, ve con “enorme preocupación” que a maior diminución do desemprego en xuño se rexistre no sector servizos, con 65 parados menos, seguido da construción, con 43 parados menos, a industria, onde baixou en 9 a cifra de desempregados, e a agricultura, cun rexistro menos. Docasar suliñou que “resulta preocupante o feito de que só teña diminuído en 3 persoas o paro entre os menores de 25 anos”.
UGT-LEMOS CRITICA QUE TAN SÓ UN 3,48% DOS CONTRATOS FIRMADOS EN XUÑO SON INDEFINIDOS
En canto á contratación realizada en xuño, UGT-Lemos considera “moi preocupante” que tan só un 3,48% dos contratos formalizados son indefinidos. O vicesecretario xeral deste sindicato denunciou que “nos estamos a instalar na precariedade laboral, xa que o 96,51% dos contratos asinados en xuño son temporais”. Por outra banda, dende UGT-Lemos consideraron positivo o aumento da contratación na zona sur de Lugo, con 107 novos contratos formalizados nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga. Mario Docasar destacou que Chantada foi o municipio que rexistrou máis contratación en xuño, con 73 novos contratos. Monforte tivo 22 novos contratos, mentres que Bóveda tivo un balance negativo, con 29 contratos menos.•