675.000 euros para financiar o SAF básico

A vicepresidencia provincial aumentou en 25.000 euros a aportación para este ano

• A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o pasado 18 de xullo un orzamento de 675.000 euros destinado ás axudas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico para os concellos de menos de 20.000 habitantes. Según explicou o vicepresidente primeiro da Deputación e responsable da área de Benestar Social, Antonio Veiga, esta cifra supón un aumento de 25.000 euros respecto da achega realizada en 2013. O responsable provincial criticou que “mentres a Xunta recorta en Servizos Sociais, nós aumentamos os fondos destinados a atender ás persoas máis vulnerables”.

CRÍTICA Á XUNTA DE GALICIA POR DEIXAR DE APORTAR FINANCIACIÓN PARA ESTE SERVIZO
A Deputación financia o 70% do custe deste servizo, e o resto corre a cargo dos concellos e dos propios usuarios. Este reparto quedou fixado logo da aprobación do Decreto de servizos sociais e comunitarios por parte da Xunta de Galicia hai dous anos, co que o Executivo autonómico deixou de aportar financiación para este servizo. Neste sentido, Antonio Veiga criticou que “fronte á Xunta e ó Goberno central, preocupados polo déficit público e centrados na privatización da sanidade e da dependencia, a Deputación lucense ten no seu eixo de actuación as políticas sociais, aínda que legalmente o SAF básico é unha obriga da Xunta de Galicia e non das Deputacións segundo a nova Lei da Administración Local”.

LUGO TEN NECESIDADES ESPECIAIS POR ESTAR “FORTEMENTE ENVELLECIDA E DESPOBOADA”
Veiga reprochoulle ó Goberno de Feijóo que “deixara tiradas sen Servizo de Axuda no Fogar ás persoas maiores ou con necesidades especiais dunha provincia coma Lugo, fortemente envellecida e despoboada”. O responsable provincial lembrou que “foi a Deputación de Lugo a que fixo posible que 66 dos 67 concellos lucenses puidesen continuar prestando este servizo básico sen que repercuta nos máis de 2.400 usuarios”.

DEMANDAN QUE OS LUCENSES DO RURAL ESTEAN EN IGUALDADE DE CONDICIÓNS QUE OS HABITANTES DAS CIDADES
Veiga alertou de que, “pese ó incremento da aportación da Deputación, os fondos destinados a Axuda no Fogar e a outros servizos sociais básicos son aínda insuficientes para atender as necesidades e a demanda real existente”, xa que hai outros moitos lucenses en lista de espera “que precisan deste servizo”. Veiga convidou á Xunta de Galicia “facerse cargo das súas responsabilidades e aportar financiamento para que os cidadáns que viven en zonas rurais e envellecidas como a provincia de Lugo reciban os mesmos servizos sociais que os que viven nas cidades”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Fundación CEL firmou tres convenios con dous institutos de FP de Monforte e un de Ribadeo para o fomento da cultura emprendedora

Seguinte Nova

Educación avanzou na creación dun protocolo para a prevención e atención temperá do TDHA

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: