885.000 euros para convertir Tor na referencia galega da promoción económica do rural

Inclúe a creación do primeiro centro público de produción apícola do noroeste de España

•Presentado o Plan Integral para activar a finca de Tor •As máis de 180 hectáreas desta finca de titularidade pública acollerán dende unha granxa cinexética ata un viveiro de árbores, e se potenciará a formación en agricultura ecolóxica

Un momento da presentación en Tor do Plan Integral para a reactivación desta finca, coa presencia do presidente da Deputación de Lugo, así como de responsables de diversas asociacións cinexéticas, agrícolas e apícolas. GPDL.
Un momento da presentación en Tor do Plan Integral para a reactivación desta finca, coa presencia do presidente da Deputación de Lugo, así como de responsables de diversas asociacións cinexéticas, agrícolas e apícolas. GPDL.

• A posta en valor da finca de Tor, de titularidade pública, como centro referente da promoción económica do rural en Galicia é o obxectivo do Plan Integral presentado pola Deputación de Lugo o pasado 22 de xullo. O presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, explicou esta iniciativa nas instalacións de Tor, acompañado polos representantes das asociacións de caza da provincia, o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, e o da Asociación Galega de Apicultura, entre outros. O mandatario provincial cualificou de “ambicioso e innovador” o proxecto para converter as máis de 180 hectáreas da finca de Tor no “no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural”.

CARACTERÍSTICAS DO PLAN INTEGRAL PARA TOR
Na súa intervención, Gómez Besteiro explicou que o Plan Integral, no que o organismo provincial investirá 885.000 euros, implica a redistribución dos terreos da finca de Tor e os seus usos, que se concretarán en cinco proxectos. O mandatario provincial suliñou que este Plan é o resultado de “moitos meses de traballo”, e adiantou que esta posta en valor da finca de Tor vaise convertir “nunha das insignias desta institución”.

A CAZA XERA PRETO DE 30 MILLÓNS DE EUROS Ó ANO
Un total de 20 hectáreas, integradas na finca principal do espazo de Tor, acollerá unha granxa cinexética para a cría de perdiz e coello de monte. Según precisou o mandatario provincial, o primeiro paso neste proxecto será a implantación de 80 parellas de perdices, e a previsión é que chegue ás 400 cando a granxa se consolide. Neste sentido, a Xunta de Goberno posterior ó anuncio do Plan Integral de Tor aprobou o anteproxecto da primeira fase das obras, dotado de 525.816 euros. En canto ós prazos de execución, Besteiro precisou que dependerán da resolución das licencias que o organismo provincial vai solicitar ó Concello de Monforte e ás demais administracións competentes.
O proxecto da granxa cinexética de Tor está en consonancia con outra das apostas da Deputación de Lugo neste sector, concretada na sala de despece de produtos cinexéticos que o organismo provincial está a piques de rematar no municipio de A Fonsagrada. Gómez Besteiro salientou que esta é a primeira sala destas características con titularidade pública en Galicia, e que, xunto co proxecto de Tor, baséase na importancia que ten a caza na nosa provincia. Lugo conta con 11.000 cazadores federados, que supoñen o 22% do total de Galicia, e a actividade cinexética está a xerar preto de 30 millóns de euros ó ano. Ademais, Lugo é a provincia con máis tecores dentro da nosa Comunidade Autónoma. Os 152 tecores que hai en Lugo ocupan un total de 8.900 quilómetros cadrados, o que supón o 90% do territorio lucense.
De xeito complementario a este proxecto, o Plan Integral reserva 13,5 hectáreas da finca de Tor para cultivo de cereal, que abastecerá en parte as necesidades da granxa cinexética. Con este fin, o Plan destina un investimento inicial de 17.351 euros.

APOIO Ó SECTOR APÍCOLA LUCENSE, QUE XERA 4 MILLÓNS ANUAIS
A redistribución da finca de Tor establecida no Plan Integral destina 5.000 metros cadrados a un centro apícola, que será o primeiro de titularidade pública do noroeste de España. O obxectivo deste proxecto é abastecer de enxames ós preto de 1.700 apicultores da provincia. Gómez Besteiro lembrou que o sector apícola xera preto de 4 millóns de euros ó ano na provincia de Lugo, e anunciou que a primeira fase dos traballos deste centro, dotada con 32.331 euros, comezarán despois do verán.

VIVEIRO DE ÁRBORES
Un total de 10 hectáreas da finca de Tor destinaranse a viveiro de especies arbóreas autóctonas, que se convertirá no espazo público destas características máis grande da provincia. Este proxecto ten asignado un orzamento inicial de 49.304 euros.

POTENCIAR O ESPAZO FORMATIVO DA FINCA DE TOR
Por último, o Plan Integral para a finca de Tor busca potenciar o espazo para formación e práticas que xa existe neste emprazamento, no que a Deputación lucense estivo a desenvolver nos últimos meses o programa “Fórmate en Verde” sobre agricultura ecolóxica. Esta área ocupa un total de 9 hectáreas, e dispón de aulas homologadas.
A finca de Tor integra ademais unha parcela de 118 hectáreas de produción silvícola, actualmente en fase de recuperación. Ademais, inclúe 9 hectáreas con lagoas que sirven de hábitat a varias especies de aves acuáticas e proveen de auga para o rego dos cultivos. Por último, as naves coas que contaba a finca de Tor, antes empregadas para o gando vacún, destinaranse ós novos usos das parcelas.

“O PLAN INTEGRAL SALDA UNHA DÉBEDA HISTÓRICA”
Na súa exposición do Plan Integral, o presidente da Deputación fixo referencia ás “numerosas e gravísimas irregularidades que nos atopamos en Tor ó chegar ó Goberno”, e que houberon de resolver para saldar “unha débeda histórica coa provincia”. Gómez Besteiro explicou que o Goberno provincial adicou estes últimos anos a solucionar a situación herdada con diversas medidas, avaladas polas dúas primeiras sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ditadas este mesmo ano. Ademais, o mandatario provincial lembrou que a Fiscalía mantén abertas varias investigacións sobre a xestión que fixo desta entidade o anterior Executivo provincial do Partido Popular. Besteiro culificou esta xestión como “un dos maiores ataques medioambientais ocorridos na provincia”, en alusión ás talas masivas, morte de numerosos animais e cazas ilegais que, entre outros feitos, foron detectados neste espazo. Logo de numerosos procesos legais e administrativos, en 2009 quedou liquidada a anterior Fundación Tor, regularizándose a situación.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Pobra do Brollón reivindicou a súa historia na I Feira Medieval Guímara

Seguinte Nova

A Festa do Río de Monforte, suspendida por non terse aprobado o Orzamento municipal para 2014

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss