Dentro da campaña de verán da Xunta
• A oferta lúdica que a Xunta de Galicia deseñou para este verán incluiu por vez primeira un campamento con actividades en inglés. O obxectivo do “Adventure Camp”, que se desenvolveu en xullo no municipio de Carballedo, é que os participantes melloren as súas competencias lingüísticas neste idioma.
DESENVOLVEMENTO DESTE PROGRAMA PILOTO
Un total de 50 mozos e mozas participaron nesta iniciativa piloto, que se desenvolveu no poboado dos Peares do 14 ó 21 de xullo. As actividades integradas no “Adventure Camp” incluíron clases e actividades en inglés todos os días, visitas culturais, actividades deportivas e acuáticas, excursión en catamarán polo embalse, obradoiros creativos e veladas.
PORTOMARÍN ACOLLERÁ EN AGOSTO UN CAMPO DE TRABALLO SOBRE DIFUSIÓN TURÍSTICA DO CAMIÑO
A provincia de Lugo oferta este ano un total de 1.875 prazas dentro da campaña de verán. Ademais da instalación dos Peares, tamén houbo actividades nos campamentos de Os Chacotes, en Palas de Rei, e da Devesa, en Ribadeo; no complexo xuvenil LUG II da capital; e nos albergues Area, de Viveiro, e Benigno Quiroga, de Portomarín. Neste último, tamén terá lugar un campo de traballo de difusión turística do Camiño entre o 11 e o 22 de agosto.
A oferta da campaña de verán da Xunta a nivel autonómico acadou as 8.268 prazas, un 2,7% máis que en 2013.•