•O ciclo de representacións da peza “Vacacións no mar”, pola compañía Mircromina Títeres, está dirixido a todos os públicos •O obxectivo é potenciar a actividade cultural das asociacións
• Levar a dinamización cultural ó ambito das asociacións de concellos e parroquias é o obxectivo do programa Cultura sobre Rodas, unha iniciativa da área de Cultura da Deputación de Lugo que foi presentada a mediados de xullo. Esta programación inclúe un total de 30 representacións da obra “Vacacións no mar”, a cargo da compañía Mircromina Títeres, que ofrece un espectáculo de factura propia e totalmente artesanal, dirixido a todos os públicos.
ANTONIO VEIGA: “ESTA INICIATIVA BUSCA APOIAR AS ASOCIACIÓNS CON PROGRAMAS CULTURAIS DE ALTURA”
Según explicou o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, este programa “busca potenciar o tecido asociativo dos concellos e parroquias, xa que son os pequenos colectivos os que máis traballan por desenvolver a actividade cultural de base, sobre todo nestes momentos de crise económica”. Veiga destacou que “a experiencia nos demostra que na maioría dos casos existe un compromiso máis firme por parte destas asociacións que dos propios concellos”. O responsable provincial precisou a vontade da Vicepresidencia da Deputación de mostrar “o seu apoio explícito e claro para que as asociacións poidan manter programas culturais de altura”.
As asociacións que desexen participar no ciclo Cultura sobre Rodas deberán solicitalo, e as funcións se concederán por estrita orde de chegada das solicitudes.
TRADICIÓN E MODERNIDADE DO ESPECTÁCULO DE TÍTERES
“Vacacións no mar” é un espectáculo de títeres de guante, no que se conxuga o tradicional estilo da cachiporra, tan eficaz dramaticamente, con uns carácteres e aconteceres renovados para o público de hoxe en día.
Tanto as escenografías como os mecanismos e bonecos son pezas únicas, deseñadas e creadas no obradoiro artesán de Mircromina Títeres. Este espírito artesamal chega ata a música do espectáculo: parte dela foi creada especificamente para o espectáculo por Falsario, artista que traballa en exclusiva para a compañía Mircromina. En canto ao resto, é unha selección de músicas orixinais de Rymsky-Korsakov, así como de temas populares interpretados pola formación lucense Kibitka.•
RECUPERACIÓN DOS TÍTERES PARA O MUNDO ACTUAL
•Na historia que se conta en “Vacacións no mar”, ó personaxe de Mariña encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega ó porto co seu veleiro, chamado “Ovo con patacas”, pero nun descoido o pirata Ollo Birollo toma prestada a nave e faise ó mar. Tras corenta e cinco minutos de acción, o público saberá se Mariña terá cumplido ou non o seu soño de dar a volta ó planeta.
ARTESÁNS DOS MONICREQUES EN MONDOÑEDO
A compañía mindoniense Mircromina Títeres será a encargada de representar a trintena de funcións deste espectáculo ó longo do verán lucense, e por diversas localidades da nosa provincia. Esta formación teatral con sede en Mondoñedo caracterízase pola orixinalidade dos espectáculos e o seu traballo artesanal. O colectivo Mircromina Títeres baséase nas técnicas máis tradicionais do teatro de títeres. Os integrantes desta compañía son responsables de todo o proceso de creación. Así, elaboran os seus propios monicreques, confeccionan o vestiario, deseñan a escenografía teatral e incluso en ocasións constrúen os escenarios, teatriños e atrezzo completos. Ademais, compoñen boa parte das partituras musicais e escriben a totalidade dos guións. (Foto cedida: Mircromina Títueres)•