Menos espera en cirurxía e consultas no Hospital de Monforte

Presentado o balance de actividade do segundo trimestre

•Dende a xerencia consideran que estes resultados foron posibles “grazas ós profesionais e ó seu traballo e implicación”

Presentado o balance de actividade do segundo trimestre do Hospital de Monforte. (Arquivo EC).
Presentado o balance de actividade do segundo trimestre do Hospital de Monforte. (Arquivo EC).

• A mediados do mes de xullo, o xerente do Hospital de Monforte, Antonio Acevedo, deu a coñecer o balance de actividade deste centro, correspondente ó segundo trimeste. Según explicou Acevedo, o Hospital de Monforte rexistrou “datos positivos” en canto ós tempos de espera nos diversos servizos.

DATOS DE CIRURXÍA
Así, a espera cirúrxica global foi de 38 días, o que supuxo un descenso de 15 días no tempo de espera respecto ó mesmo periodo de 2010, e de 6 días respecto ó segundo trimestre do ano pasado. En referencia ós hospitais da área integrada de Lugo, Monforte ten 6 días menos de espera cirúrxica que a media dos hospitais lucense, que rexistran 44 días de demora. O Hospital Universitario de Lugo (HULA) ten unha espera cirúrxica de 41 días, e no Hospital da Costa sube ata os 53. A media de espera neste servizo no conxunto do sistema hospitalario público de Galicia é de 86 días. Por especialidades, a lista de espera de cirurxía máis baixa en Monforte é a de Uroloxía, cunha media de 23 días, seguida por Xinecoloxía, con 31 días, Cirurxía Xeral e Dixestiva, con 38 días. As demoras máis altas son os 40 días de espera de Traumatoloxía, os 43 de Oftalmoloxía e os 44 de Otorrinolaringoloxía.
En canto ós pacientes de prioridade 1, a espera cirúrxica neste segundo trimestre do ano foi de 8 días, moi por debaixo dos 30 días máximos de espera establecidos na Estratexia Sergas 2014. O ratio para os pacientes de prioridade 2 tamén está por debaixo deste protocolo, que fixa unha demora máxima de 60 días, e que no Hospital de Monforte situouse nos 30 días.
As intervencións de cirurxía maior ambulatoria incrementáronse notablemente dende o segundo trimestre de 2013, pasando de 497 a 696. Asimesmo, a actividade ordinaria en quirófano medrou nun 7% respecto ó ano pasado, situando o rendemento do quirófano nun 80%, por riba do 75% establecido nos estándares da Estratexia Sergas.
Os tempos de espera tamén melloraron en primeiras consultas por enfermidade, con 36 días, fronte ós 46 de hai catro anos. O Hospital de Monforte rexistra a espera máis baixa de toda a área sanitaria de Lugo, igualado co HULA e por debaixo dos 42 días do Hospital da Costa. Por especialidades, o descenso máis acusado nas primeiras consultas do Hospital de Monforte foi o de Neuroloxía, cunha redución de 15 días respecto ó ano pasado, seguido de Cardioloxía, con 13 días menos, Oftalmoloxía, cunha baixada de 6,5 días, e Traumatoloxía, con 6 días menos de demora.
O xerente do Hospital afirmou que, a pesar destes datos positivos, “non se pode ser triunfalista”, e destacou que a mellora destes índices “só foi posible grazas ós profesionais e ó seu traballo e implicación”.•

O HOSPITAL DE DÍA DE ONCOLOXÍA EN MONFORTE ATENDE UNHA MEDIA DE 34 PACIENTES Á SEMANA

Visita da conselleira de Sanidade ó Hospital de Día de Oncoloxía de Monforte. (Foto cedida).
Visita da conselleira de Sanidade ó Hospital de Día de Oncoloxía de Monforte. (Foto cedida).

Así o confirmou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na súa visita a este servizo o 16 de xullo. O Hospital de Día de Oncoloxía comezou a funcionar en Monforte o pasado mes de abril, para administrar e facer o seguemento dos tratamentos de quimioterapia dos pacientes da área sanitaria sur da provincia. Esta unidade conta cun facultativo especialista en Oncoloxía, persoal de enfermería e auxiliares. Tamén se reforzou o Servizo de Farmacia, que se encarga de subministrar os tratamentos. Está previsto que o Hospital de Día de Oncoloxía atenda en Monforte a unha media anual de 170 pacientes, que recibirán máis de 1.000 sesións de quimioterapia e preto de 700 consultas de revisión.•

O Hospital de Monforte, integrado no plan de eficiencia enerxética de centros hospitalarios

Coa nova caldeira de biomasa

A conselleira de Sanidade e o titular de Economía e Industria visitaron as obras da caldeira de biomasa do Hospital de Monforte, o pasado 16 de xullo.  CSXG.
A conselleira de Sanidade e o titular de Economía e Industria visitaron as obras da caldeira de biomasa do Hospital de Monforte, o pasado 16 de xullo. CSXG.

• A Consellería de Sanidade está a implantar nos hospitais públicos diversos plans de eficiencia enerxética. Entre eles, o proxecto Ecospital implicará a substitución do gasóleo pola biomasa forestal como fonte de enerxía.

AFORRO ENERXÉTICO E VANTAXES MEDIOAMBIENTAIS
A posta en marcha das caldeiras de biomasa que están a ser instaladas nos hospitais da provincia permitirá, según os responsables da Consellería, un aforro de 1,2 millóns de euros nos vindeiros dez anos, e unha redución na emisión de gases de efecto invernadoiro que rondan as 1.560 toneladas ó ano. Estes cálculos refírense ós hospitais de Burela, Calde e Monforte, no que os novos equipos de biomasa e silo irán instalados nun novo edificio anexo á sala de caldeiras. Según explicou a conselleira de Sanidade na súa visita ó Hospital de Monforte o 16 de xullo, este centro rexistra un consumo anual de gasóleo de 292.000 litros, mentres que o consumo anual estimado de biomasa é de 876 toneladas. As vantaxes medioambientais da biomasa traduciranse nunha diminución de 818 toneladas anuais na emisión de gases. Os hospitais do Sergas supoñen máis da metade do consumo enerxético da Xunta de Galicia, a maior parte con combustibles caros e contaminantes que, unidos á subida dos prezos da electricidade, sitúan o gasto anual en máis de 30 millóns de euros.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Convenio entre Xunta e Consorcio para promocionar a Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Oito voluntarios participan en Quiroga no programa de Voluntariado Xuvenil da Xunta

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: