•Dentro destes investimentos, destinarase 1,1 millóns de euros para a mellora e conservación da rede de estradas provincial
Estas novas partidas financiaranse con cargo a remanentes de tesourería de anos anteriores
•A mellora e conservación da rede viaria provincial, con preto de 4.200 quilómetros de estradas, vai contar este ano cun investimento a maiores de 1,1 millóns de euros, dentro das novas partidas orzamentarias que o Goberno provincial acaba de aprobar a finais do mes de xullo. A Deputación de Lugo decidiu aumentar en 10 millóns de euros os investimentos previstos para este ano co fin de reforzar a cooperación con concellos, benestar social e emprego, con cargo ós remanentes de tesourería de anos anteriores.
REFORZO EN INVESTIMENTOS “PARA COMBATIR A ASFIXIA ECONÓMICA DOS CONCELLOS”
Según explicou o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, este reforzo, que non estaba previsto nos orzamentos do 2014, resulta “obrigado ante a constante redución das achegas ás entidades locais por parte das Administracións central e autonómica”. O mandatario provincial alertou de que estes recortes están a provocar a “asfixia económica dos concellos”, así como unha “merma na prestación de servizos inaudita na democracia”.
Besteiro suliñou que o obxectivo destas novas partidas é garantir a prestación de servizos ós veciños “nos niveis de calidade e cantidade que veñen percibindo, e combater a terrible situación actual de desemprego”, ademais de favorecer a dinamización da actividade económica e recuperar poboación.
A FINANCIACIÓN, CON CARGO Ó REMANENTE DE TESOURERÍA
Durante a presentación desta nova medida económica do Goberno provincial, os responsables da Deputación explicaron que estes 10 millóns de incremento orzamentario vanse financiar con cargo a remanentes de tesourería de anos anteriores. Gómez Besteiro aludiu á “xestión eficaz e responsable” desenvolvida polo Goberno provincial dende o 2007, e que permitiu realizar esta nova aportación económica ás contas previstas para o ano en curso.
1,1 MILLÓNS DE EUROS PARA REPARACIÓN, MELLORA E CONSERVACIÓN DE ESTRADAS PROVINCIAIS E TAMÉN MUNICIPAIS
Según precisaron os responsables provinciais, dos 10 millóns de euros de aforros que se incorporarán ó Orzamento do 2014, 1,1 millóns de euros irán destinados á mellora e conservación de estradas provinciais e municipais.
Por outra banda, máis de 8 millóns destinaranse directamente a potenciar a colaboración cos Concellos e con entidades sen ánimo de lucro, que se materializarán a través de transferencias correntes e de capital, e que se investirán en infraestruturas e servizos, benestar social, educación, igualdade, turismo e deporte.
Os 900.000 euros restantes dedicaranse a diversas actuacións en materia de medio ambiente e infraestruturas.
DESGLOSE DAS NOVAS PARTIDAS ORZAMENTARIAS PARA ESTE ANO
Este reforzo de 10 millóns de euros nos orzamentos provinciais deste ano destina, en primeiro lugar, 1,1 millóns de euros para os traballos de mellora e conservación das estradas de titularidades provincial e municipal. Asimesmo, aplica 3,5 millóns de euros á cooperación cos concellos en mellora e dotación de servizos e infraestruturas municipais que revertan na mellora da calidade de vida dos veciños e na dinamización da actividade económica dos municipios. 880.000 euros serán para colaboración co tecido asociativo da provincia, 365.000 euros para accións de mellora e protección do medio ambiente, e 210.000 euros destinados a concellos e entidades sen ánimo de lucro en materia de benestar social e igualdade. 579.000 euros se destinarán a apoiar a educación, sobre todo a nivel universitario, e para cultura irán 531.559 euros. O Museo Provincial recibirá 40.000 euros destas partidas, e o fomento do deporte en concellos e asociacións terá unha partida de 2,2 millóns. Por último, a dinamización do turismo reforzarase con 285.607 euros, e dotarase con 50.000 euros máis o orzamento provincial para actuacións en saneamento e abastecemento.•