Seguen os traballos de mellora e mantemento da rede de estradas provincial no sur de Lugo
• Durante a temporada de verán están a desenvolverse diversos traballos de mantemento e conservación da rede de estradas de titularidade provincial. Recentemente quedaron completadas as obras de limpeza e acondicionamento de diversos viais desta rede situados no término municipal de A Pobra do Brollón. Estes traballos, que consistiron na limpeza de cunetas e o reforzo do firme, contaron cun investimento da Deputación de Lugo de 60.000 euros.
LIMPEZA DOS VIAIS DE CARA Ó INVERNO
Unha das actuacións máis demandadas pola veciñanza dos núcleos rurais é a limpeza das estradas, onde o crecemento da vexetación lateral nos meses de primavera e comezo do verán complica a circulación rodada cara ós accesos ás parroquias. Dadas as reducidas dimensións destes viais, a limpeza das marxes e cunetas resulta fundamental para garantir a visibilidade nos diversos tramos, ó tempo que deixa as estradas en mellores condicións para afrontar a acción da chuvia e do vento dos meses de inverno. Este tipo de traballos foron completados recentemente en dúas estradas do término municipal de A Pobra do Brollón. Así, a estrada LU-P-4707 que dá acceso dende a capitalidade municipal ás parroquias de Saa e Castela foi obxecto desta mellora, como tamén se levou a cabo no vial LU-P-4704 que comunica Ferreirúa con Ferreiros.
ACONDICIONAMENTO DO FIRME
Asimesmo, nun tramo da estrada LU-P-4707 a Deputación realizou nestes días traballos de acondicionamento do firme con aglomerado en quente. A conservación do bo estado do firme garante a seguridade do tráfico rodado para os máis de 100 veciños dos lugares de Santo Adrián, A Pousa, Cobadelas ou Lourente, que empregan a diario esta estrada para acceder á capitalidade municipal. Este tipo de accións son importantes para a veciñanza, xa que o espallamento demográfico desta zona fai preciso o desprazamento diario dos veciños das diversas parroquias por este tipo de estradas ó longo de todo o ano. Hai que lembrar que o término municipal de A Pobra do Brollón conta cun total de 80 quilómetros de viais provinciais. Para a conservación do estado do firme con aglomerado en quente, a Deputación leva investido en A Pobra do Brollón máis de 400.000 euros. Ademais da LU-P-4707, tamén se beneficiaron deste tipo de traballos no firme os viais que van de Pino a Santalla de Rei, o de A Pobra do Brollón a Folgoso do Courel, a estrada de Bóveda á de Brollón a Incio, e a LU-P-4701 que vai por Salcedo á Estación.•