Agosto, un mes de festa nas rúas de Monforte

Música, animación, cinema e todo tipo de eventos durante todo este mes

A dinamización da rúa e a oferta dun calendario lúdico ó longo de todo o mes é o obxectivo do programa das Festas Patronais de Monforte deste ano. EC.
A dinamización da rúa e a oferta dun calendario lúdico ó longo de todo o mes é o obxectivo do programa das Festas Patronais de Monforte deste ano. EC.

• Encher o mes de agosto de ambiente festivo é o obxectivo do programa das Festas Patronais 2014, que inclúe actividades de todo tipo e para todos os públicos máis aló do día 16. O programa inclúe animación na rúa, música de verbena, concertos na rúa, música tradicional e moderna, ciclos de cinema, eventos literarios e de artesanía, para acadar un cheo total nas rúas monfortinas durante todo este mes.

II FESTIVAL CÓMICO FESTIVO
Unha das apostas de dinamización da rúa é o II Festival Cómico Festivo, que se está a desenvolver dende o 12 de agosto e ata o día 16. O mércores 113 ás 12 horas a rúa Cardeal acollerá o circo musical DJ Capuzzi e a Señorita X, que repetirá sesión ás 19,30. Tamén ás 13,00 horas o clown Peter Punk actuará no Cardeal, e ás 20,30 horas na Praza de España. A comedia musical Sede de Mal representarase na Praza de España dende as 23 horas. O xoves 14 terá no cartel as actuacións do circo-danza Circanelo, ás 12 e ás 20,30 na Praza de España, o clown Os Sete Magníficos +1 ás 13 e 18 horas no Cardeal, e xa o sábado 16 será o turno dos Títeres Alakrán, ás 12 e 19,30 horas no Cardeal, e o circo musical Chipolatas as 13 horas no Cardea e ás 20,30 na Praza de España. A programación do II Festival Cómico Festival rematará cunha sesión de Cinema de Verán ás 23 horas na Praza de España, onde poderá verse o documental “A última viaxe do afiador”, ambientada na emigración galega.

I FANCINE DE LEMOS
O cinema seguirá presente na primeira edición do Fancine de Lemos, un festival de cine fantástico do 21ó 23 de agosto. Dentro das actividades programadas no festival, destaca o Concurso de Curtametraxes, que poderán verse todos os días do festival na Sala 3 dos Multicines Hollywood, de 17 a 20 horas. Asimesmo, terá lugar unha retrospectiva de Narciso Ibáñez Serrador, un dos maestros do cine fantástico de produción nacional, co pase das películas “La Residencia” e “¿Quién puede matar a un niño?” na sala 3 dos Multicines Hollywood, o 22 e 23 de agosto, de 20 a 22,30 horas. O Fancine de Lemos acolle tamén actividades paralelas, como o concerto de Unicornibot o día 21, unha masterclass de maquillaxe e efectos especiais para cine e TV na cafetería Los Goya, o día 22 de 10 a 14 horas, e un contacontos de fantasía infantil a cargo de Imaxinatia, na librería Agrasar o día 23 de 12 a 13 horas. Este mesmo día, Los Goya acollerán o concerto jam session a cargo da Escola de Música Moderna de Monforte de Lemos, de 23,30 a 01,00 horas. Haberá unha exposición de carteis de películas de xénero fantástico, terror e ciencia-ficción na Casa da Cultura de Monforte, do 18 ó 24 de agosto.

O monfortino Sergio Pérez Carballo, estudiante de arquitectura, foi o autor do cartel das Festas Patronais de Monforte 2014. A composición, inspirada no cadro do Greco conservado en Monforte,  é unha homenaxe ó IV centenario da morte do pintor, misturada con elementos característico da cidade do Cabe. EC.
O monfortino Sergio Pérez Carballo, estudiante de arquitectura, foi o autor do cartel das Festas Patronais de Monforte 2014. A composición, inspirada no cadro do Greco conservado en Monforte, é unha homenaxe ó IV centenario da morte do pintor, misturada con elementos característico da cidade do Cabe. EC.

VERÁN CULTURAL EN MONFORTE
O río terá o seu protagonismo nas actividades festivas de agosto, cos Paseos en Barca polo río Cabe, en funcionamento ata o mes de setembro, e a xornada de Barcas Engalanadas o 15 de agosto, coa saída destas tradicionais embarcacións decoradas ás 23,30 horas.
Ata o 16 de agosto pode verse na Casa da Cultura a exposición de X.Martínez titulada “Por Monforte con Manuel María”, e o día 19 haberá unha cita co cinema no Salón de Actos da Casa da Cultura, co pase da curtametraxe “Encallados”, dirixido por Alfonso Zarauza, en torno á problemática do desastre do Prestige.
Xa entrado setembro, o cine voltará o día 4 co pase de “Lobos de Arga”, de Luis Zahera, dentro do Ciclo Gas Natural Fenosa de Cine Itinerante Galicia 2014. Está previsto que a proxección se desenvolva na Praza de España ás 22 horas, pero se chove haberá dous pases na Casa da Cultura, ás 20,30 e ás 22,30 horas.

NOITES DE RÚA CHEA, O 20 DE AGOSTO NA PRAZA DE ESPAÑA
A animación chegará de novo o día 20, da man do programa provincial As Noites de Rúa Chea, que se desenvolverá na Praza de España. As actividades comezarán ás 17 horas, cun espazo de xogos que funcionará ata as 19 horas. A continuación, dará comezo o espectáculo “Rodari Rodari”, co protagonismo da música orientado ós máis novos. A xornada rematará co concerto, a partir das 22 horas, de Fred Martins e Pedro Pascual.

VOLVE O ROCK’N’LEMOS O DÍA 14
A gran cita co rock no sur de Lugo terá lugar o 14 de agosto na Praza da Compañía a partir das 22,30 horas, da man do Rock’n’Lemos, que este verán celebra a súa segunda edición. Con entrada gratuíta, a explanada da Compañía vibrará co subrok de Los Coronas, a enerxía de José Rubio’s Nova Era, a parada monfortina dos Drink Hunters na súa xira mundial, e as máis que interesantes propostas de Guerrera e dos locais Doc Magoos.

MÚSICA MODERNA NAS PRAZAS
A música será a gran baza das noites dos barrios, da man de grupos especializados nas diversas tendencias musicais. O día 22, a Praza Doutor Goyanes acollerá o concerto de Marcos Pim & Antonio Otero, ás 22 horas, con jazz, guitarra e saxofón. A Praza da Estación será o escenario do concerto de On Electric Blues Band, dende as 22 horas. O día 28, será o grupo de música klezmer Kentokaki o que animará a Praza de Carud dende as 22 horas. Por último, a Praza dos Chaos acollerá dende as dez da noite o concerto de fusion jazz, funk e blues con baixo eléctrico de Tomás Merlo Jam Session, o día 29.

MASTERCLASS DE IMPROVISACIÓN MUSICAL, E CITA EN SETEMBRO CO III FESTIVAL DO PARADISO
Dentro desta programación, o Edificio Multiusos de Monforte albergará, os días 25 e 29 de agosto, un taller de improvisación a cargo de Gonzalo Herrero, de 10 a 12 horas. O día 29, neste mesmo lugar e de 12 a 14 horas, Tomás Merlo ofrecerá unha master class de baixo eléctrico, jazz e música moderna para todos os instrumentos.
A música seguirá en setembro, coa celebración, o día 6, do III Festival do Paradiso, na área recreativa de San Vicente a partir das 19 horas.

Dentro das actividades do programa das Festas Patronais, tivo lugar a presentación do libro “Boas noites, Monforte”, un retrato fotográfico da fisonomía nocturna da cidade do Cabe, realizado polo fotógrafo Alberte Peiteavel. (Foto: JESÚS R. MONTERO).
Dentro das actividades do programa das Festas Patronais, tivo lugar a presentación do libro “Boas noites, Monforte”, un retrato fotográfico da fisonomía nocturna da cidade do Cabe, realizado polo fotógrafo Alberte Peiteavel. (Foto: JESÚS R. MONTERO).

CITAS COA LITERATURA E O LIBRO NO MES DE AGOSTO
Para os amantes da lectura, celebrarase na rúa do Cardeal a XVII Feira do Libro de Monforte, do 20 ó 23 de agosto. Ademais, o inicio das festas coincidiu con dúas presentacións librescas. “Palabras de festa: os pregóns das Patronais 2003-2013”, centrou o evento literario do día 11, e o volume fotográfico “Boas noites, Monforte”, co retrato da fisonomía nocturna desta cidade firmado por Alberte Peiteavel, foi presentado o día 8.

GASTRONOMÍA E LECER Ó AIRE LIBRE
O espíritu das antigas festas campestres mantense ano tras ano na Festa da Empanada, que se celebrará o día 24 na área recreativa da parroquia monfortina de Ribas Altas.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra desenvolve durante o mes de agosto os Sábados Artesáns, unha iniciativa para achegar a artesanía en directo a todos os visitantes, en horario de 11 a 14 horas, no claustro deste espazo dinamizador. EC
O Centro do Viño da Ribeira Sacra desenvolve durante o mes de agosto os Sábados Artesáns, unha iniciativa para achegar a artesanía en directo a todos os visitantes, en horario de 11 a 14 horas, no claustro deste espazo dinamizador. EC

ARTESANÍA EN DIRECTO NOS “SÁBADOS ARTESÁNS” DO CENTRO DO VIÑO
As demostracións en vivo do traballo dos artesáns están a centrar as mañás dos sábados no claustro do Centro do Viño de Monforte. A segunda edición dos “Sábados Artesáns” segue a apostar polo bo facer e a creatividade da nosa artesanía, que pode verse en directo todos os sábados de agosto de 11 a 14 horas. O día 16 estará adicado á cerámica, coa presencia das artesás Amparo Scrich Albentosa e Otilia Arias. A cestería ocupará a mañá do día 23, con Lola Tourón e María Otero, que desvelarán todas as posibilidades desta técnica máis alá da produción de obxectos domésticos. Por último, o ciclo dos “Sábados Artesáns” rematará o día 30, coas demostracións do traballo en coiro a cargo dos artesáns Fernando Peña Novo e José Ramón Lleó.

OFRENDA FLORAL O DÍA GRANDE DAS PATRONAIS
A lectura do pregón a cargo da periodista Manola Porto deu comezo oficial ás Festas Patronais de Monforte 2014, o pasado día 11. Música, actividades de animación e eventos diversos están a desenvolverse nos distintos espazos urbanos, ofrecendo momentos de lecer e disfrute en común de veciños e visitantes. Como vén sendo tradicional, o 15 de agosto, día grande das Festas, abrirase coa ofrenda floral á Virxe de Montserrat, patroa da cidade de Monforte, dende as 10 horas. A comitiva de autoridades e cidadáns sairá a esta hora dende o Campo de San Antonio, acompañada da Banda de Gaitas do Concello de Monforte. A misa cantada pola Coral Polifónica do Concello de Monforte comezará ás 11 na igrexa de San Vicente do Pino, e á saída actuará a Banda de Gaitas do Concello.

15 DE AGOSTO, DÍA DO GAITEIRO NAS FESTAS DE MONFORTE
Esta xornada é tamén unha homenaxe á nosa música, coa celebración do Día do Gaiteiro. As alboradas comezarán ás 11 horas, con sete grupos de gaiteiros que dende a Praza de España encherán de sons as rúas de Monforte, para volver xuntarse no centro da cidade ás 13 horas, onde divulgarán as súas músicas ata as 15 horas.
Ademais, ás 12,30 horas a Banda de Gaitas do Concello ofrecerá un concerto na rúa Cardeal.
Xa pola tarde, os pasarrúas estarán a cargo dos grupos participantes na Mostra de Danza e Música Tradicional, que ambientarán as rúas dende o Campo da Compañía ata a Praza de España, a partir das oito da tarde. A Mostra desenvolverase neste espazo a partir das oito e media.
A sesión de fogos artificiais dende o monte de San Vicente comezará as doce da noite, e a continuación terá lugar a gran verbena, a cargdo da Orquestra Poceiro, no Campo da Compañía.
O calendario de verbenas das Patronais de Monforte complétase coa actuación, o día 13 dende as once da noite, das orquestras Los Satélites e Los Player’s, e a da orquestra Ría de Arosa o día 16, dende as doce da noite.

A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DO BARRIO DO HOSPITAL ORGANIZAN O DÍA 17 UNHA CARREIRA DE CARRILANAS ENGALANADAS NA RÚA CORREDOIRA
Unha nova actividade festiva vén enriquecer a participación veciñal no deseño do programa lúdico de agosto. Coincidindo coas Festas Patronais 2014, a recén creada Asociación de Veciños do Barrio do Hospital organiza para o domingo 17 de agosto unha Carreira de Carrilanas Engalanadas. Esta proba, de carácter non competitivo, contará cos máis diversos e creativos vehículos, engalanados con temática referida á Ribeira Sacra. A Carreira de Carrilanas Engalanadas discurrirá pola rúa Corredoira, dende a rampla da Circunvalación cara ós Abeledos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Completadas as xuntanzas para elaborar os Orzamentos Participativos provinciais 2015

Seguinte Nova

FORMACIÓN DE SOCORRISTAS E MONITORES PARA SITUACIÓNS DE DROGODEPENDENCIA DENDE A UAD DE MONFORTE

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: