Asesoramento gratuíto ós cidadáns para aforrar na factura da luz

•Con este servizo, en marcha dende este mes de agosto, trátase de responder «á desinformación na que se atopan os cidadáns, e ós abusos por parte das compañías eléctricas» •Os cidadáns poderán atopar neste servizo axuda para analizar a factura da luz, consellos para aforrar, ou información sobre como tramitar bonos sociais, ademais de transmitir as súas queixas ante posibles abusos

O servizo de asesoramento gratuíto ós cidadáns, que ten en marcha a Deputación de Lugo dende este mes de agosto, xa está a atender as primeiras consultas, ben de xeito presencial, por teléfono ou por vía telemática.  (Foto cedida)
O servizo de asesoramento gratuíto ós cidadáns, que ten en marcha a Deputación de Lugo dende este mes de agosto, xa está a atender as primeiras consultas, ben de xeito presencial, por teléfono ou por vía telemática.
(Foto cedida)

• Dende comezos de agosto, a Deputación de Lugo ten en marcha o novo servizo gratuíto cidadán para aforrar na factura da luz. Esta iniciativa, a primeira que pon en funcionamento unha Deputación galega, xurdiu ante «as continuas subas na luz do Goberno Central, a situación de desinformación na que se atopan os cidadáns, así como debido ós abusos que sofren por parte das eléctricas», según explicou o presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, durante a presentación deste novo servizo a finais do mes pasado. Este servizo está desenvolvido por técnicos da Axencia Provincial da Enerxía, dependente da Deputación de Lugo.

ESPAÑA, O TERCEIRO PAÍS DA UNIÓN EUROPEA COA LUZ MÁIS CARA
Besteiro lembrou unha serie de datos que xustifican a necesidade deste tipo de iniciativas de información e asesoramento. Así, o mandatario provincial precisou que a factura da luz en España sufriu un incremento do 63% nos últimos anos, o que sitúa ó noso país como o terceiro Estado coa luz máis cara da Unión Europea. Ademais, o gasto enerxético en Galicia increméntase polo feito de que a nosa Comunidade Autónoma é a que ten os prezos de combustible máis caros de toda España. En relación a este aspecto, Gómez Besteiro aproveitou para criticar a actitude do Goberno galego, xa que «levamos máis dun ano esperando a que Feijóo poña en marcha políticas contra os monopolios».

OS LUCENSES PAGAN MÁIS DE 100 MILLÓNS Ó ANO POLA LUZ
Durante a presentación do novo servizo de asesoramento sobre a factura eléctrica para cidadáns, o presidente da Deputación puntualizou que o gasto medio en luz por domicilio xa se sitúa nos 775 euros ó ano. Besteiro calculou que, según os datos do INE e excluíndo as segundas vivendas, as preto de 136.000 vivendas que hai na nosa provincia elevan a máis de 100 millóns de euros o gasto anual dos lucenses en luz. O mandatario provincial apuntou que este gasto «aínda é maior, posto que debemos engadir os custes da luz nos Concellos, onde a media, nun municipio de menos de 5.000 habitantes, é doutros 200.000 euros anuais”.

«A INFORMACIÓN, A MELLOR DEFENSA PARA OS CONSUMIDORES»
Con este panorama, o mandatario provincial concluíu que a posta en marcha do servicio de asesoramento sobre o gasto eléctrico para os cidadáns «resulta imprescindible para aforrar nos gastos de luz», dado que «a información é a mellor defensa para os consumidores».

INFORMACIÓN SOBRE O MERCADO ELÉCTRICO, E DETECCIÓN DE ERROS OU DEFICIENCIAS NA FACTURACIÓN DO CONSUMO DOMÉSTICO DE CADA CASO
Este novo servizo de asesoramento, totalmente gratuíto, para os cidadáns acerca do gasto eléctrico doméstico funciona de xeito individualizado. Os cidadáns poderán atopar, por unha banda, información sobre o mercado eléctrico, as principais variables do sector e as particularidades do consumo doméstico, entre outros aspectos. Por outra banda, ademais destes aspectos xerais, o cidadán poderá recibir información detallada sobre a súa propia factura da luz. Deste xeito, poderá detectar erros ou defectos na facturación do seu consumo doméstico, e no caso de atopar algunha deficiencia, os asesores encargados deste servizo prestaranlle axuda para tramitar os correspondente avisos, queixas ou suxerencias.

ASESORAMENTO SOBRE HÁBITOS DE CONSUMO E MEDIDAS PARA REDUCIR OS CUSTES NAS VIVENDAS
Ademais de analizar a factura da luz, este servizo de asesoramento ofrece consellos para reducir custes e facer un gasto eléctrico máis económico e eficiente según as particularidades de cada caso. Así, os asesores informan sobre hábitos de consumo máis eficientes, e sobre os novos tipos de tarifa, que teñen que ver con medidas como o cambio da potencia contratada ou a implantación de sistemas de baixo consumo.

TRAMITACIÓN DE BONOS SOCIAIS
Outra das prestacións que ofrece este novo servizo de asesoramento gratuíto ós cidadáns ten que ver coa xestión dos bonos sociais para redución das tarifas eléctricas. Os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía que se encargan deste servizo tramitarán aqueles bonos sociais que soliciten persoas coas rendas máis baixas, e que supoñen un desconto na factura da luz de ata un 25%.

SEGUEMENTO INDIVIDUALIZADO DE CADA CONSULTA
O servizo ofrecido pola Deputación de Lugo a través da Axencia Provincial da Enerxía non remata na consulta de asesoramento, senón que os técnicos provinciais realizan un seguemento personalizado de todos os casos planteados, co fin de coñecer o funcionamento das medidas propostas, de cara ó éxito deste servizo

As consultas atenderanse de xeito presencial, previa cita, no 2º andar da sede da Deputación.Tamén se pode realizar a consulta a través do teléfono 982 26 01 13, ou por correo electrónico en asesoria.facturacion@deputacionlugo.org, que asimesmo canalizan as citas previa. O horario de atención é de luns a venres, de 9 a 14 horas, e de 16 a 20 horas

ESTRATEXIA PROVINCIAL PARA O AFORRO ELÉCTRICO
Este servizo de asesoramento á cidadanía completa a estratexia para o aforro enerxético que a Deputación realiza nos Concellos. Por unha banda, o Plan Enerxético do organismo provincial aglutina ós 37 municipios que quixeron sumarse, aportándolles un aforro de 2 millóns de euros. Por outra, 43 concellos participaron no Plan de análise da factura eléctrica, que permite aforros anuais de ata o 20%. A Guía de Boas Práticas para a Compra Verde está dispoñible para concellos, empresas e particulares na web www.deputacionlugo.gal, co fin de fomentar o respecto ó medio ambiente no consumo enerxético.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aberto o prazo de inscrición no programa Termalismo no Camiño, con descontos en tratamentos termais para lucenses maiores de 50 anos

Seguinte Nova

As rúas de Monforte ferveron de xente na Fashion Night

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: