Conta atrás para o Festival do Castro

•Será o sábado 23 de agosto no recinto do campo da feira do Castro •Haberá actividades dende as once da mañá •Esta edición incorpora un Vermú Gaiteiro a partir da unha •Actividades para os máis pequenos pola tarde •Seis grupos de nivel nacional participarán nos concertos da noite

Imaxe de arquivo do ambiente que se vive nos concertos do Festival do Castro.  (Foto cedida: Festival do Castro).
Imaxe de arquivo do ambiente que se vive nos concertos do Festival do Castro. (Foto cedida: Festival do Castro).

• En Ferreira está todo disposta para a celebración, o vindeiro 23 de agosto, da nova edición do Festival do Castro. Unha completa xornada de actividades lúdicas e musicais para todos os públicos, aberta a toda a veciñanza e visitantes, onde a tradición e a modernidade danse a man nunha cita xa indispensable no calendario festivo do sur de Lugo.

FEIRA DE ARTESANÍA TODO O DÍA, E VERMÚ GAITEIRO PARA PECHAR A XORNADA MATUTINA
A xornada comezará coa apertura dos postos da feira de artesanía, que permanecerán abertos todo o día dende as once da mañá. Xa cerca da unha desenvolverase o Vermú Gaiteiro, novidade deste ano, e que consistirá nunha foliada con gaita ou calquer instrumento, aberta á participación libre, e que terá como premio a invitación á primeira volta dos músicos participantes.

XANTAR POPULAR
O tradicional xantar popular comezará ás dúas, con prezos de 14 euros para adultos e de 12 euros para menores de 12 anos, no caso de adquirir a entrada o propio día do Festival. A venda anticipada terá prezos máis económicos, sendo o tiquet de adulto de 12 euros, e de 8 euros para menores de 12 anos. Poderanse adquirir as entradas anticipadas nos bares Carabelos, Cantina de Goián e Mesón Os Castros, en Pantón; en Los Goya de Monforte, e no bar A Lareira de Escairón. O menú do xantar consistirá en empanada, pementos de Herbón, carne ó caldeiro, lamboadas e refrescos, viños da Ribeira Sacra e café de pote con gotas.
O xantar rematará cun café concerto ás catro e media, amenizado polo Ce Orquestra Pantasma.

ESPECTÁCULOS PARA OS MÁIS CATIVOS POLA TARDE
Xa pola tarde, chegará o turno para os máis cativos.Dende as seis e nas costas do Castro, haberá diversión cos espectáculos de Peter Punk e Manicus, que ofrecerán sesións de clown, malabares, teatro físico, paiaso, danza e pantomima.

Dentro das actividades relacionadas co Festival do Castro, presentouse en Ferreira o 31 de xullo o libro "Non temos medo", sobre o grupo Os Diplomáticos de Monte Alto, escrito polo periodista Rodri Suárez, e presentado polo músico e escritor Xurxo Souto, fundador do grupo.   (Foto cedida: Festival do Castro).
Dentro das actividades relacionadas co Festival do Castro, presentouse en Ferreira o 31 de xullo o libro «Non temos medo», sobre o grupo Os Diplomáticos de Monte Alto, escrito polo periodista Rodri Suárez, e presentado polo músico e escritor Xurxo Souto, fundador do grupo. (Foto cedida: Festival do Castro).

MÚSICA TRADICIONAL NO ANOITECER NO CASTRO
Tamén nas costas do Castro terá lugar o Anoitecer no Castro, unha sesión de música tradicional que acadou gran éxito nas pasadas edicións, e que este ano comezará ás dez da noite coa música de Habelas Hainas. Con esta sesión abrirase o forte do programa do Festival do Castro, que se prolongará ata a mañanciña do domingo.

UN PROGRAMA CON GRUPOS DE LUXO NO FESTIVAL DO CASTRO
Dende as once e media da noite, comezará o Festival do Castro, que nesta edición ofrecerá un plantel de luxo. Abrirá a sesión o grupo vasco Korrontzi, que ofrecerá folclore vasco con trikitika ou acordeón diatónico. Pola súa banda, o grupo da comarca de Lemos Os Caralludos encargaranse da música nos cambios e na carpa do Festival.
Un dos pratos fortes desta noite de música en O Castro virá da man de Os Diplomáticos de Monte Alto, cunha actuación sen precedentes no sur de Lugo, onde achegarán a quintaesencia do rock bravú, no que levan traballando dende o 1989.
Ademais, a banda granadina Eskorzo, traerá ó Castro o seu amplo repertorio de músicas, con temas de rock, reggae, funk, música balcánica, drum&bass, afrobeate jazz.
O Castro tamén será unha das paradas da xira de 25 aniversario do grupo Zënzar, que dende Meirama traerá rock clásico con influencias punk, heavy e tradicionais.
A despedida do concerto central do Festival do Castro virá da man do grupo Xenderal, con ragga, rap e beatbox, dentro da súa aposta polo hiphop.
Para chegar con boa música e diversión ata o amencer do domingo, a troula do Festival do Castro continuará co DJ Sapoconcho sen Concho.
Dende a organización informaron que no recinto do Campo da Feira haberá servizo de bar, bocatería e wc durante todo o concerto. Ademais, contan con zona de acampada libre, e haberá servizo de bus para enlazar Monforte co Castro en Pantón.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A praia fluvial de A Pobra do Brollón e o embalse de O Incio acollerán actividades acuáticas do programa Lugoteando

Seguinte Nova

Os establecementos asociados ó CCA Chantada desenvolven en agosto a campaña “Máis que Comercio!”

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: