Para mantemento e gastos de funcionamento

• O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, asinou co alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, un convenio de colaboración entre ámbalas institucións para o mantemento e gastos de funcionamento do Conservatorio Profesional Municipal de Música “Mestre Ibáñez”.
CRÍTICAS Ó “ABANDONO DA XUNTA” CARA ÁS ENSINANZAS PROFESIONAIS DE MÚSICA
Durante a xuntanza, Outeiro criticou “a falla de compromiso por parte da Xunta de Galiza coa ensinanza dos Conservatorios municipais da provincia de Lugo”, e lembrou que “o noso compromiso con esta entidade municipal, queda reflectido na colaboración anual que a institución provincial aporta ao Conservatorio, que este ano se traduce nunha axuda de 15.000 euros, unha subvención que se sitúa no marco de colaboración que a área de Cultura da Deputación de Lugo mantén cos conservatorios de música de titularidade municipal, como son o caso de Viveiro, Vilalba, ademais do de Monforte de Lemos”.
Pola súa banda, Severino Rodríguez agradeceu “a colaboración que está prestando a Deputación de Lugo para dar continuidade á actividade do Conservatorio de Monforte de Lemos”, e criticou “o abandono e deixadez amosado pola Xunta de Galiza, que en última instancia é quen realmente se tiña que facer cargo deste centro de ensinanza profesional, dadas as súas competencias en materia de Educación”.•