Un dos máis prestixiosos torneos amateurs do mundo
•O xove golfista monfortino Manuel Hernández, xogador do Golf Augas Santas e Golf Río Cabe, está a participar dende o 12 ata o 17 de agosto no Boys Amateur Championship. Hernández foi seleccionado para tomar parte neste torneo, un dos máis prestixiosos do mundo a nivel amateur, xunto con outros 251 golfistas de diferentes países.
A proba escocesa estase a disputar dende o 12 de agosto ata o día 17, nos campos de Prestwick e Dundonald Links, con dúas primeiras rondas a 18 hoyos cada unha e un pase á seguinte fase para os 64 primeiros clasificados e empatados, que competirán Match Play por hoyos.
JOSÉ Mª OLAZÁBAL E SERGIO GARCÍA, ENTRE OS VENCEDORES DESTA COMPETICIÓN
O Boys Amateur Championship vense celebrando en terras escocesas dende o ano 1921, e convoca ós mellores xogadores do mundo menores de 18 anos. Grandes figuras do golf español resultaron vencedores nesta proba, como José Mª Olazabal en 1983 e Sergio García en 1997.
GRAN TRAXECTORIA DE HERNÁNDEZ
Manuel Hernández iniciou a súa extraordinaria traxectoria deportiva, con preto dun centenar de mencións destacadas, no ano 2006, ó quedar campión individual na Liga Galega, posto que repetiu consecutivamente ata o ano 2011. Conta no seu haber con máis de trinta títulos autonómicos e proviciais, ademais de numerosas posicións de podio destacadas noutras tantas probas destes niveis.
Ademais, o golfista monfortino foi convocado pola selección galega de golf en 19 ocasións, o que dá mostra do seu talento deportivo nesta especialidade.•