Por iniciativa do BNG, que presentou unha moción apoiada polos socialistas
• A Deputación de Lugo, logo do Pleno celebrado o 29 de xullo a instancias dunha proposta do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego, que se aprobou cos votos a favor dos dous socios de goberno e cos votos en contra do PP, esixirá ó Ministerio de Fomento a axilización da construción da variante exterior de Monforte de Lemos, atendendo así o compromiso adquirido no seu momento polo propio Ministerio e a demanda unánime da sociedade monfortina para evitar accidentes como o que o pasado 2 de xullo causou a morte a unha persoa.
NON Ó “DESMANTELAMENTO” DOS SERVIZOS FERROVIARIOS EN GALICIA
Neste sentido, a institución provincial tamén reclamará do Goberno do Estado que desista do proceso de desmantelamento e privatización de servizos ferroviarios en Galicia e impulse unha mellora dos servizos e frecuencias que se veñen prestando en territorio galego. Asimesmo, demandará do Ministerio as transferencias en materia de ferrocarril interior, xunto cun financiamento axeitado, co obxectivo de crear unha compañía pública ferroviaria galega que mellore a prestación deste servizo no noso país e permita acometer as infraestruturas e desenvolver os servizos de transporte ferroviario en Galicia que contribúan á súa vertebración económica, social e territorial.
“POLÍTICA DISCRIMINATORIA” DO GOBERNO CENTRAL CON GALICIA NA CUESTIÓN DO FERROCARRIL
Según explicou o voceiro provincial do BNG, Antonio Veiga, o ferrocarril é un servizo público básico, sustentable economicamente, que constitúe un elemento de cohesión e vertebración social, ademais de ser un factor de dinamización e equilibrio demográfico. Veiga criticou que, “fronte a esta realidade obxectiva, o Goberno do Estado, en vez de promover e potenciar este medio de transporte en Galicia, está desmantelando os cativos servizos ferroviarios existentes e negando os investimentos necesarios para acceder á modernización da rede ferroviaria galega”. Antonio Veiga fixo referencia á “paralización ou adiamento da construción da Estación Intermodal de Lugo e da Variante de Pobra de San Xiao” como “dous claros exemplos que afectan gravemente á provincia de Lugo”. O vicepresidente provincial denunciou que “con esta política discriminatoria, o Goberno central ignora, á mantenta, que Galicia posúe aproximadamente a metade dos núcleos de poboación do Estado, mentres carece de servizos ferroviarios de proximidade”.
MONFORTE NECESITA UNHA VARIANTE EXTERIOR PARA EVITAR “OS FRECUENTES E GRAVES” ACCIDENTES NOS PASOS A NIVEL
Antonio Veiga insistiu no “nulo interese do Goberno do Estado por mellorar a rede ferroviaria galega e resolver, ou cando menos minorar, as graves consecuencias en vidas humanas que están provocando determinados puntos negros da citada rede”. O vicepresidente provincial fixo referencia ó caso concreto de Monforte, “onde son frecuentes e graves os accidentes ferroviarios, o último mortal unha muller de 57 anos o pasado 2 de xullo”.
O voceiro nacionalista na Deputación de Lugo suliñou que Monforte ten unha trama urbana atravesada por tres líñas férreas, uns seis quilómetros de lonxitude, con seis pasos a nivel, algúns deles con tráfico de vehículos moi elevado, o que está provocando un alto índice de sinistros e conflitos. Para intentar resolver este grave problema ou minorar as súas posibles consecuencias, o Ministerio de Fomento anunciou a finais do ano 2010 a construción dunha variante exterior que permitiría eliminar os seis pasos a nivel existentes no casco urbano de Monforte, o que favorecería, ademais, o desenvolvemento equilibrado da cidade no futuro.
“Todas estas circunstancias amosan a importancia que ten para a cidade de Monforte contar canto antes cunha variante exterior, unida á necesidade e urxencia de dotar a Galicia das infraestruturas ferroviarias”.•