•O novo mapa, editado pola área de Cultura e Turismo da Deputación, inclúe información turística e servizos de interés para o visitante

• A comezos deste mes foi presentado o novo mapa turístico das rúas de Sarria, que será distribuído nos comercios e locais de hostelería da vila xacobea. Este mapa foi editado pola área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, e distribuído polos diferentes establecementos desta vila pola Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autonomos de Sarria (ACES-Sarria).
Según explicou o delegado de Cultura e Turismo do organismo provincial, Mario Outeiro, a Deputación pretende coa edición deste novo rueiro colaborar no coñecemento do patrimonio histórico, cultural e turístico de Sarria, así como fomentar o uso do galego na actividade da Asociación de Comerciantes e Empresarios. “Sarria ten moito que ensinar e queremos colaborar en dalo a coñecer e potencialo”, precisou Outeiro.
INDICACIÓNS DAS RÚAS DE SARRIA E O PASO DO CAMIÑO, ASÍ COMO DATOS DE INTERÉS PRÁTICO E INFORMACIÓN HISTÓRICO-ARTÍSTICA
O novo rueiro de Sarria, impreso a doble cara, inclúe por un lado un mapa coas rúas da vila, a localización dalgúns establecementos, monumentos, estacións de ferrocarril e bus, Policía Local, Concello, aparcadoiros, piscina, farmacias, albergues así como a sinalización do paso do Camiño de Santiago pola localidade. Pola outra cara, o mapa integra descricións específicas de zonas monumentais da localidade e patrimonio histórico e artístico.
Un dos elementos históricos recollidos no novo mapa é o conxunto monumental das pontes medievais que, según lembraron os responsables municipais, conta co apoio da Deputación de Lugo para acadar a súa declaración como Ben de Interés Cultural (BIC). Esta catalogación foi promovida pola Asociación Arcas e Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco. Mario Outeiro destacou que “a historia da vila de Sarria está longamente ligada a este conxunto e forma parte dos bens que debemos preservar e coidar”. As pontes para as que se pide a consideración de Ben de Interés Cultural son a Ponte Ribeira no río Sarria e Camiño de Castela, pola que atravesa o Camiño de Santiago; a Ponte Vella no río Sarria e Camiño de Aranza; a Ponte Vella do Mazadoiro no río Celeiro e Camiño de Lugo; e a Ponte da Áspera, no río Celeiro e Camiño de Portomarín. O delegado de Cultura da Deputación alertou de que este conxunto patrimonial “presenta carencias na súa conservación, pese a estaren no ámbito de protección do camiño francés, que ten a categoría de Ben de Interese Cultural, porén non se ten actuado para salvagardar este patrimonio histórico”.•