A Pobra do Brollón acollerá unha xornada sobre o novo marco lexislativo dos montes comunais en Galicia

Terá lugar o sábado 13 de setembro, e reunirá ás comunidades de montes do sur de Lugo

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, durante a intervención da enxeñeira de montes Noemí García, que intervirá na xornada técnico-informativa sobre o novo marco lexislativo dos montes comunais de Galicia, o vindeiro 13 de setembro en A Pobra do Brollón. GPVDL.
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, durante a intervención da enxeñeira de montes Noemí García, que intervirá na xornada técnico-informativa sobre o novo marco lexislativo dos montes comunais de Galicia, o vindeiro 13 de setembro en A Pobra do Brollón. GPVDL.

• A Pobra do Brollón convertirase nun foro de análise sobre a nova situación lexislativa dos montes comunais galegos coa celebración, o vindeiro sábado 13 de setembro, da xornada técnico informativa titulada «Os nosos montes comunais, novo marco lexislativo». A partir das once da mañá, e ata as dúas do mediodía, a Casa da Cultura Olga Nova en A Pobra acollerá este evento, posto en marcha conxuntamente pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a Federación Rural Galega (FRUGA), en colaboración coa Deputación de Lugo.

ESPECIALISTAS EN MATERIA FORESTAL, DEREITO E XESTIÓN DE MONTES COMUNAIS
Según explicou o delegado de Cultura e Turismo do organismo provincial, Mario Outeiro, durante a presentación desta xornada, «o monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país». Nesta xornada participarán os enxeñeiros de montes Xabier Bruña e Noemí García, o avogado Patricio Viveiro, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, o alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e o presidente de FRUGA, Xurxo Álvarez.
A xornada centrarase nos aspectos práticos derivados da Lei de Montes de Galicia 7/2012, de 28 de Xuño, e que afecta especialmente ós montes comunais en man común. De aí que esta sesión técnico informativa vaia destinada sobre todo ós membros das xuntas reitoras e comuneiros. Os especialistas reflexionarán sobre os novos modelos organizativos derivados da entrada en vigor desta lei, en aspectos como a fiscalidade, os deslindamentos, os novos modelos de xestión, e as novidades relativas ós montes de convenio ou consorcio, entre outros temas.
Entre os cambios máis destacados que implica a nova Lei de Montes de Galicia está a obriga de reinvertir o 40% dos ingresos no propio monte, cando ata agora as comunidades de montes veciñais só estaban obrigadas a reinvertir o 15% dos beneficios obtidos. Ó mesmo tempo, obrígase ás comunidades de montes a realizar os deslindes, mediante un procedemento obrigatorio, cando na anterior situación a responsable de facer estes deslindes era a propia Administración.
Según explicaron os organizadores desta xornada, na nosa provincia están rexistradas 949 comunidades de montes veciñais, que agrupan un total de 210.667,90 hectáreas, o que supón o 63,7% da superficie forestal total da provincia.

«OS NOSOS MONTES, UN PATRIMONIO NATURAL MOI IMPORTANTE»
Durante a presentación destas xornadas, o responsable provincial suliñou a «implicación e compromiso co monte galego «da Área de Cultura e Patrimonio Histórico dependente da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. «Os nosos montes son un patrimonio natural moi importante e unha fonte esencial de riqueza para Galicia», explicou Mario Outeir, quen fixo unha chamada «á defensa do territorio a través dun maior apoio das administracións, e dunha maior concienciación da sociedade coa sustentabilidade territorial e medioambiental dos nosos montes». Outeiro destacou o proxecto forestal desenvolvido en A Pobra do Brollón, no que se aposta pola diversificación e o aproveitamento, creando emprego» a través da fórmula de comunidades de montes en man común. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As rúas de Monforte ferveron de xente na Fashion Night

Seguinte Nova

PROHIBIDAS ATA O 30 DE SETEMBRO AS QUEIMAS DE RESTOS AGRÍCOLAS E FORESTAIS

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: