Un bo verán para o turismo no sur de Lugo
• Logo de completado o mes de agosto, toca facer balance da afluencia turística na nosa provincia. A paisaxe, cultura e gastronomía lucense están a funcionar como importantes motores de atracción para os visitantes, según se extrae dos datos turísticos correspondentes ós meses de xullo e agosto.
A PROVICIA DE LUGO, UNHA APOSTA TURÍSTICA CADA VEZ MÁIS FIRME
O balance destes dous meses foi cualificado de “positivo” polo delegado de Cultura e Turismo da Vicepresidencia da Deputación, Mario Outeiro. “A provincia de Lugo no seu conxunto consolídase ano a ano como destino turístico”, precisou Outeiro, quen avogou por “continuar co traballo de promoción conxunta dos atractivos das distintas comarcas como ofertas diferenciadas que complementan moi ben a estancia do visitante”.
AS RUTAS FLUVIAIS, “UN MOTOR MOI IMPORTANTE DE ATRACCIÓN TURÍSTICA PARA A RIBEIRA SACRA”
O responsable provincial de Turismo informou de que os catamaráns xestionados pola Deputación lucense amosaron un aumento nas cifras de usuarios neste verán. As embarcacións que saen de Doade, Belesar e Os Robles sumaron un total de 16.000 visitantes nos dous meses de verán, e Outeiro amosou a súa confianza en que ó remate deste setembro terase superada a cifra dos 19.000 visitantes do mesmo periodo de 2013.
O responsable provincial de Turismo lembrou que en 2013 foron un total de 26.300 as persoas que disfrutaron destas rutas fluviais, fronte ás 25.900 de 2012 e as 25.000 do ano 2011. Estes datos demostran que as rutas fluviais son “un motor moi importante de atracción turística da provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra”. Mario Outeiro precisou que dende o organismo provincial esperan superar os números de 2013, a pesar da suspensión, no mes de xullo, da ruta de Os Robles provocada pola baixada do caudal do Miño debido á rotura dun caneiro.
MEDRA O NÚMERO DE VISITANTES DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
En canto á Rede Museística Provincial, con centros expositivos en catro puntos da nosa provincia, Mario Outeiro destacou o valor das súas coleccións e o feito de que a entrada sexa gratuíta. “Así, estes museos conseguen aumentar a oferta de carácter cultural e o coñecemento da nosa historia e das nosas tradicións por parte dos turistas que nos visitan”, destacou Outeiro. Neste sentido, o responsable provincial de Turismo destacou os datos de visitantes rexistrados no Museo Provincial de Lugo, que acadou un total de 4.700 visitas no mes de xullo, e superou os 6.700 no mes de agosto. Outeiro lembrou que este verán superouse a cifra de visitantes do anterior periodo estival, no que o Museo Provincial de Lugo contabilizou 11.224 visitantes entre xullo e agosto de 2013.
A PRAIA DAS CATEDRAIS BATIU RECORD DE VISITAS, CUNHA MEDIA DE 10.000 PERSOAS Ó DÍA
No conxunto da provincia, Mario Outeiro destacou o motor de atracción que supón a praia das Catedrais, “que está a batir este verán todos os records en canto a número de visitantes”. En agosto pasaron por este areal máis de 250.000 persoas, cunha media de 10.000 persoas ó día, o que converte a esta praia no segundo destino singular máis coñecido e visita.
A Oficina de Turismo de Monforte atendeu máis de 6.100 consultas nos tres meses de verán
• Dende o 1 de xuño ata o 31 de agosto, a Oficina de Turismo de Monforte, situada no edificio do Centro do Viño da Ribeira Sacra, recibiu máis de 6.100 persoas, das que 3.641 pasaron por este servizo durante o mes de agosto. En xullo, foron 1.796 os visitantes que se achegaron ata a Oficina de Turismo para solicitar información, e o número de consultas presenciais realizadas en xuño foi de 664. Según informaron os responsables deste servizo, os datos revelan un aumento na chegada de turistas a este punto de información respecto ó mesmo periodo do ano pasado.
Cabe sinalar que neste verán, un total de 70 peregrinos que realizaban a ruta do Camiño de Inverno a Santiago selaron a súa credencial no Centro do Viño da Ribeira Sacra.
MEDRA O NÚMERO DE VISITAS Ó MUSEO DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA
Pola súa banda, o Museo do Viño rexistrou 1.301 visitas nos tres meses estivais. En agosto, contabilizáronse 460 entradas, cun aumento de 107 persoas respecto a agosto de 2013. Xullo foi o mellor mes, con 466 entradas, mentres que xuño tivo 375 visitas, o que supón un aumento de entre o 12% e o 18% no número de visitantes ó Museo neste periodo.
AUMENTO NA ESTANCIA MEDIA DOS TURISTAS
Según os datos ofrecidos dende a Oficina de Turismo de Monforte, aumentou o tempo de estancia dos turistas, cunha media de tres e catro días. Asimesmo, medrou tamén o número de viaxeiros que permanecen na zona entre unha semana e dez días. As viaxes en catamarán, as visitas a adegas, o románico e o sendeirismo son as opcións turísticas máis consultadas polos visitantes.
CONSULTAS TURÍSTICAS ATENDIDAS EN INGLÉS E FRANCÉS
Ademais do turismo nacional, este verán incrementouse a presencia de visitantes internacionais, con case 200 franceses, algo máis dun cento de ingleses, aínda que tamén pasaron por esta Oficina de Turismo latinoamericanos e estadounidenses, así como dous xaponeses e varios viaxeiros australianos. Os turistas estranxeiros valoraron moi positivamente o feito de seren atendidos en inglés e francés na Oficina de Turismo de Monforte, e a existencia de visitas guiadas ó Museo do Viño nestas dúas linguas.
MEDRA EN MÁIS DUN 18% A VENDA DE VIÑOS NA VINOTECA
4.633 botellas de viño da D.O. Ribeira Sacra foron vendidas nestes meses de verán na Vinoteca do Centro do Viño, o que supón un aumento de máis dun 18% respecto a 2013.•
Cinema, actividades na rúa e novas carrilanas no agosto monfortino
A rúa Cardeal foi o escenario de boa parte dos eventos incluídos no II Festival Cómico Festivo “A Rúa é vosa”, organizado polo Concello de Monforte. Nenos e grandes disfrutaron coa calidade das actuacións. EC•
Do 18 ó 24 de agosto, tivo lugar o Fancine de Lemos, I Festival de Cine Fantástico de Monforte. Este evento, organizado polo Cine Club A Calexa, coa colaboración do Concello de Monforte e Amanita Films, entre outros, ofreceu unha interesante alternativa cultural para o verán monfortino. Dentro dos actos do festival, unha exposición de carteis de películas de xénero fantástico, terror e ciencia-ficción puido verse na Casa da Cultura. Outra das actividades desenvolvidas dentro do programa do Fancine de Lemos foi unha masterclass de maquillaxe e efectos especiais para cine e TV, desenvolvida por profesionais desta especialidade.A aposta estrela do I Fancine de Lemos foi o concurso de curtametraxes, onde participaron 24 traballos de gran calidade. Esta primeira edición do Festival de Cine Fantástico de Monforte rendiu homenaxe a Narciso Ibáñez Serrador, un dos pais do cine nacional de terror, coa proxección de dous dos seus films máis senlleiros. (Fotos: EC/Cedida).
Dentro do intenso programa de actividades desenvolvido durante o mes de agosto en Monforte, a Praza de España foi o escenario do programa “Noites de Rúa Chea”, na tarde e noite do 20 de agosto, cun concerto a cargo dos brasileños Fred Martins e Pedro Pascual. Pola tarde, e dentro desta mesma programación, a Praza de España acolleu un espazo de xogo libre, e a continuación desenvolveuse o espectáculo Rodari Rodari, a cargo de Inacio Vilariño. Esta iniciativa foi promovida pola Área de Cultura da Deputación de Lugo.EC
Unha nova iniciativa veciñal incorporouse este ano ó programa festivo do agosto monfortino. A Carreira de Carrilanas organizada pola Asociación do Barrio do Hospital sorprendeu pola súa creatividade. EC