Brollón recupera o alumeado nocturno das rúas dende este mes

Fin do apagón nocturno nas luminarias públicas

As rúas de A Pobra do Brollón manterán acesas as luminarias públicas durante toda a noite dende setembro.  (Foto cedida).
As rúas de A Pobra do Brollón manterán acesas as luminarias públicas durante toda a noite dende setembro. (Foto cedida).

•A partir do 2 de setembro, as rúas do municipio de A Pobra do Brollón volverán estar acesas durante toda a noite, logo das medidas de aforro e eficiencia enerxética que durante dous anos obrigaron a apagar estas luminarias a partir das dúas e media da madrugada. “Con estas medidas, e coa mellora da situación contable do Concello, podemos volver á normalidade neste servizo”, explicou o alcalde de Brollón, Xosé Lois Maceda. O rexedor apuntou que esta nova situación suporá un motivo de “alegría para os veciños e veciñas do concello, pois mellórase a seguridade e facilítanse os desprazamentos pola noite”.

O ALCALDE DE BROLLÓN AGRADECEU Á VECIÑANZA A SÚA “PACIENCIA E COMPRENSIÓN” POLOS APAGÓNS NOCTURNOS
Dende o Concello lembraron que os apagóns nocturnos do alumeado público estiveron motivados polo “aumento esaxerado da factura da luz, e para facer fronte ás medidas de austeridade impostas polo Goberno do Estado”. Xosé Lois Maceda explicou que “a medida adoptada fai agora dous anos foi dolorosa para os veciños”, e agradeceu á veciñanza a súa “paciencia por entender esta situación e soportar as dificultades que lles ocasionou esta medida, aínda que o tempo demostrou que foi eficaz”.

PROGRESIVA REDUCIÓN NA FACTURA DO ALUMEADO PÚBLICO
O alcalde de Brollón explicou tamén a evolución das cifras do gasto en luz deste periodo. Así, Maceda precisou que en 2012 a factura correspondente ó gasto en alumeado público foi de 132.000 euros. Coa decisión de apagar estas luminarias a partir das dúas e media da madrugada, reduciuse este importe a 74.000 euros en 2013, a pesares do incremento no prezo da electricidade. Según adiantou o alcalde de Brollón, o gasto estimado por este concepto na actual anualidade será de 52.000 euros, logo de incorporar unha serie de melloras na eficiencia enerxética na rede de alumeado público.

SUBSTITUCIÓN DE 1.800 BOMBILLAS POR LÁMPADAS DE BAIXO CONSUMO
Neste sentido, dende o Concello de A Pobra do Brollón desenvolveron un paquete de medidas para conseguir un consumo máis eficiente da enerxía eléctrica no suministro público. Así, substituíronse un total de 1.600 bombillas por lámpadas de baixo consumo, das que 600 foron custeadas con fondos propios, e as outras 1.000 foron financiadas pola Deputación de Lugo. Dende a alcaldía agradeceron o “compromiso” do organismo provincial co firma do convenio que fixo posible esta medida, así como a mellora doutras infraestruturas en Saa, Pacios e A Estación, incluídas no Plan de Cooperación coas Comunidades Veciñais.

PRIORIZACIÓN DOS PUNTOS DE LUZ PARA ZONAS HABITADAS
Outra das medidas de eficiencia enerxética adoptadas dende o Concello de A Pobra do Brollón consistiu na racionalización dos máis de 2.000 puntos de luz cos que conta o término municipal, “priorizando o alumeado a vivendas e zonas habitadas”, dentro das 22 parroquias e 118 núcleos de poboación cos que conta este concello.

“BOA SITUACIÓN” DA TESOURERÍA MUNICIPAL
Dentro deste balance económico, Xosé Lois Maceda destacou que, ademais das medidas de aforro e eficiencia enerxética, houbo outras decisións que contribuíron a equilibrar as contas municipais. O alcalde precisou que o Goberno local conseguiu reducir en 200.000 euros a súa débeda no actual mandato, e explicou que a situación de tesourería neste momento “é boa”, xa que están pagando nun prazo medio de 14 días, “que é algo que moi poucos concellos fan”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Denuncian esperas de ata sete días para ser atendidos polo médico de cabeceira en Brollón

Seguinte Nova

COMEZAN EN QUIROGA AS “NOITES ALTERNATIVAS” PARA OS MAIORES DE 12 ANOS

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

   
A %d blogueros les gusta esto: