O programa Mo-vémonos, unha oportunidade para o benestar físico e o encontro social no rural lucense

Ofrece dúas sesións de ximnasia semanal gratuíta para persoas maiores e persoas con discapacidade

•As sesións de ximnasia comezarán o 15 de setembro, e desenvolveranse até xuño de 2015 •O programa vai destinado a persoas maiores de concellos do rural de menos de 5.000 habitantes, e a colectivos de persoas con capacidades diferentes en toda a provincia

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar Social, Antonio Veiga, mantivo un encontro en A Pobra do Brollón cos responsables de 10 asociacións participantes no programa Mo-vémonos, o pasado 3 de setembro. GPVDP.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar Social, Antonio Veiga, mantivo un encontro en A Pobra do Brollón cos responsables de 10 asociacións participantes no programa Mo-vémonos, o pasado 3 de setembro. GPVDP.

• Achegar a prática do exercicio físico a toda a poboación da nosa provincia, e fomentar a interrelación persoal e social da veciñanza son os obxectivos do programa Mo-vémonos, que está a poñer en marcha a Área de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo. Esta iniciativa vai dirixida a persoas maiores que residan en concellos rurais de menos de 5.000 habitantes, así como a persoas con discapacidade residentes en calquer punto da provincia de Lugo. En total, os responsables provinciais estiman que serán preto de 2.000 persoas as que se beneficiarán deste programa, que será impartido por monitores profesionais nos locais sociais ou sedes dos diferentes colectivos. A Deputación de Lugo destina para esta iniciativa un total de 185.760 euros.

REUNIÓNS PREVIAS COS COLECTIVOS SOCIAIS E ASOCIACIÓNS VECIÑAIS PARTICIPANTES EN TODA A PROVINCIA
Para explicar o desenvolvemento do programa Mo-vémonos, o vicepresidente da Deputación e responsable da Área de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, reuniuse cos representantes dos colectivos participantes nesta iniciativa nas diversas comarcas lucenses. No sur de Lugo, o encontro tivo lugar na Casa da Cultura de A Pobra do Brollón o pasado 3 de setembro, onde Veiga estableceu as liñas de desenvolvemento deste programa cos responsables dos colectivos sociais AFAMON, AGORA e AUXILIA de Monforte de Lemos, así como das asociacións veciñais A Lagoa e San Bernardo de Bóveda, Doncos de As Nogais, a Asociación Veciñal de O Saviñao, AMPA de Brollón, Compalgo de Samos e a asociación cultural MMRR Santa Lucía de Taboada.

CRÍTICA ÓS RECORTES DA XUNTA EN SERVIZOS Ó RURAL E ÓS COLECTIVOS EN RISCO DE EXCLUSIÓN
Durante o encontro celebrado en A Pobra do Brollón, o vicepresidente provincial lembrou que o programa Mo-vémonos cubre unha demanda existentes nas asociacións veciñais, como é “achegar a todas as parroquias do rural servizos dos que dispón unha persoa que vive na cidade ou nunha vila grande”. Veiga destacou que este programa segue a liña de traballo que a Vicepresidencia da Deputación vén desenvolvendo nos últimos anos “para mellorar o benestar das persoas que viven no rural que a Xunta lles afasta cada vez máis os servizos, e dos colectivos en risco de exclusión, para os que outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, seguen a reducir o seu apoio económico”.

O PROGRAMA BUSCA “DAR VIDA ÁS PARROQUIAS”, E LOITAR CONTRA O ILLAMENTO SOCIAL DOS SEUS HABITANTES
Ó mesmo tempo, o programa Movémonos trata de “dar vida ás parroquias”, ofrecendo un motivo para a reunión e encontro social da veciñanza, xa que a ameaza que supón o despoboamento dos núcleos rurais está a agravar o illamento destes veciños, a maioría de avanzada idade.

Este tipo de iniciativas que promoven o benestar físico e a convivencia entre veciños están a ter moi boa acollida nas pequenas parroquias lucenses, como no caso de Sáa, en A Pobra do Brollón, á que corresponde a imaxe, onde o ano pasado se desenvolveu un programa de similares características, promovido tamén pola Vicepresidencia da Deputación. Arquivo EC
Este tipo de iniciativas que promoven o benestar físico e a convivencia entre veciños están a ter moi boa acollida nas pequenas parroquias lucenses, como no caso de Sáa, en A Pobra do Brollón, á que corresponde a imaxe, onde o ano pasado se desenvolveu un programa de similares características, promovido tamén pola Vicepresidencia da Deputación. Arquivo EC

DÚAS LIÑAS DE ACTUACIÓN, CON MONITORES PROFESIONAIS
Según explicou o vicepresidente provincial, o programa Mo-vémonos conta con dúas liñas de actuación, dirixidas, por unha banda, a asociacións de persoas con capacidades diferentes e colectivos que traballen con persoas en risco de exclusión social, e por outra, a entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 5.000 habitantes.
O obxectivo da primeira liña de axudas é fomentar a integración social das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social a través de actividades en grupo que garantan unha mellora nas capacidades de relación.
Na segunda liña de actuación, o programa Mo-vémonos busca dotar de medios necesarios ás localidades lucenses que por mor da dispersión ou avellentamento da poboación, ou ben por contar con poucos habitantes, non poidan realizar actividades sociais.
Para desenvolver estes obxectivos, o programa Mo-vémonos enviará un monitor ó local social ou lugar de celebración que a entidade solicitante escolla, dous días á semana, e de xeito totalmente gratuíto para os participantes nas actividades. Deste xeito, trátase de evitar os custes de desprazamento dos participantes, ó tempo que se fomenta o seu benestar físico e a súa integración social. Todas as actividades serán impartidas por persoas expertas na materia, profesionais entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo con Bacharelato ou o Grao Superior en animación de actividades físicas e deportivas.

BENESTAR PARA TODOS
Baixo o lema “Ximnasia no rural, deporte para todos e todas”, a Área de Benestar Social e Deporte da Deputación xa desenvolveu este programa en anos anteriores baixo outras denominacións. Na pasada edición, deu cobertura a preto de 2.000 usuarios, pertencentes a 90 asociacións espalladas por toda a provincia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O claustro do Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu este ano a Feira de Artesanía

Seguinte Nova

PRETO DE 80 PERSOAS DISFRUTARON DAS ACTIVIDADES LÚDICO-DEPORTIVAS DO PROGRAMA LUGOTEANDO EN BROLLÓN.

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir aInicio

Don't Miss