•O programa inclúe dez concertos de primeiro nivel dentro do panorama internacional da música clásica
• A Sociedade Filarmónica Lucense xa ten pechado a programación para esta tempada, que se desenvolverá, un ano máis, co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo. O organismo provincial asinou un convenio no que aporta un total de 9.000 euros para financiar o 70% dos gastos derivados do desenvolvemento desta programación musical.
ACHEGAR A MÚSICA CULTA UNIVERSAL A TODA A POBOACIÓN LUCENSE
Dende a Deputación de Lugo valoran “o interese e a orixinalidade” do programa desenvolvido pola Sociedade Filarmónica Lucense, “xa que é a única programación estable de concertos de música clásica na cidade de Lugo”. De aí que o obxectivo desta colaboración provincial sexa “achegar a música culta universal a toda a poboación lucense”, según explicou o delegado de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, Mario Outeiro, logo da sinatura do convenio con José Luis Díaz Núñez, representante da Sociedade Filarmónica Lucense.
A SOCIEDADE FILARMÓNICA LUCENSE LEVA ORGANIZADAS MÁIS DE 600 ACTUACIÓNS DENDE A SÚA POSTA EN MARCHA
Dende outubro de 2014 e ata maio de 2015, o Círculo das Artes de Lugo acollerá un total de dez concertos de primeiro nivel dentro do panorama internacional da música clásica, organizados pola Sociedade Filarmónica Lucense, colectivo fundado o 17 de maio de 1947. Dende a súa posta en marcha, esta asociación cultural leva organizadas de xeito ininterrumpido máis de 600 actuacións en Lugo dos máis destacados solistas e agrupacións de música culta do espectro mundial. O delegado de Cultura da Deputación destacou “a importantísima aportación que realiza a Sociedade Filarmónica Lucense coas actividades musicais que organiza ó eido da música e da cultura na cidade de Lugo, e ós cidadáns, por ofrecer un completo programa de concertos cada ano desde a súa fundación”. No elenco de agrupacións que pasaron por Lugo están a Real Filharmonia e Sinfónica de Galicia, Sinfónica de Bilbao, Sinfónica de Madrid, e Sinfónica de Alemania, así como as orquestras de Cámara de Israel, Munich, Viena, Versalles, Berlín, París ou Moscú. Entre os solistas que participaron nestas programacións destacan Narciso Yepes, Renata Tarragó ou Takashi Simizu, entre outros.•