Os traballos para facer practicables os accesos ás fincas, «fundamentais» para os veciños
•Completadas as obras de mellora e ensanchamento dos accesos ós viñedos no lugar de Trampas, na parroquia soberina de Rosende •Os veciños da zona sinalaron que a situación de abandono que sufría este acceso fixo que moitas fincas quedaran abandonadas •Ademais, precisaron que a raíz desta mellora na pista de acceso xa hai xente interesada en recuperar a actividade nestas parcelas
• As obras de mellora nos camiños e pistas no rural continúan en diversos puntos da Ribeira Sacra, sendo unha das actuacións máis demandadas pola veciñanza lucense. Recentemente, quedaban completados os traballos de mellora e ensanchamento do acceso á zona vitivinícola de Trampas, na parroquia soberina de Rosende, e que foron financiados integramente pola Deputación de Lugo con máis de 10.000 euros. Estas actuacións en pistas e camiños rurais son consideradas «fundamentais» polos veciños, como sinalou o presidente da Asociación de Veciños de Rosende, Eladio Fernández, logo da visita do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, a esta zona vitícola para coñecer in situ o resultado destes traballos.
POSIBILIDADE DE ACCEDER ÁS VIÑAS CON COCHE
«Ata que se realizou esta mellora, estes viñedos só tiñana acceso a pé, xa que o camiño estaba desfeito pola chuvias e a maleza, e agora xa se pode acceder en coche, coa mellora que supón para levar maquinaria e accesorios de traballo a cada unha das fincas», explicou Fernández. Os responsables veciñais destacaron que o acondicionamento deste camiño no lugar de Trampas está a beneficiar a máis de 100 viticultores soberinos, propietarios das parcelas ás que dá acceso este paso.
Estes traballos, que foron financiados ó 100% pola Deputación de Lugo, responden a unha petición da Asociación Veciñal de Rosende, que se implicou de cheo neste proxecto aportando boa parte da man de obra para levar a cabo os traballos. Deste xeito, acondiciáronse 508 metros de pista con servizo ós viñedos do lugar de Trampas, en Rosende, co obxectivo de facilitar o acceso ás viñas que aínda se traballan, e tamén ás fincas das que se pode sacar madeira, «e que ata agora non se podían atender porque non pasaban os coches ata alí», explicaron os responsables deste colectivo veciñal.
MÁIS PROXECTOS PARA RECUPERAR O RURAL
O sentido final destes esforzos busca recuperar a zona para o aproveitamento vitivinícola, polo que resulta imprescindible comezar por recuperar as pistas que tradicionalmente permitían desenvolver os traballos nas viñas desta zona. «Buscamos recuperar, tramo a tramo, o camiño circular que houbo toda a vida dende Lama de Outeiro ata Ribas, dándolle continuidade a este tipo de obras de mellora», suliñaron dende a Asociación de Veciños de Rosende. En total, suporá o arranxo de aproximadamente tres quilómetros de pista. Os veciños xustificaron a necesidade deste tipo de obras porque o abandono no que están parte destas parcelas «se debe precisamente a non ter o camiño en condicións».
O mantemento dos accesos ós viñedos repercute positivamente, según os veciños, na actividade do sector vitícola. «O entorno de Amandi, por exemplo, algún día foi inaccesible, e a mellora dos camiños axudou moito á súa recuperación», suliñou Eladio Fernández. Adegueiros como Araceli Vázquez, da Adega Malcavada, situada en Rosende, consideran «primordial» a mellora nos accesos para poder traballar, e considera que «se deberían facer máis». Asimesmo, Vázquez puntualiza que, ademais, «sería bo ter limpos e desbrozados os camiños e pistas». «Entendo que é complicado porque hai moitos, pero incluso as estradas, como a de Canabal a Rosende, tardaron moito en desbrozalas este verán, e iso repercute tamén na imaxe da zona para os turistas».
A vontade da veciñanza oriéntase cara a recuperación do rural. «Coidando o entorno, evitaremos que a zona se convirta nunha aldea fantasma», puntualizou Fernández.•