A loita contra o Alzheimer, cuestión de todos

Seguen os esforzos de concienciación da sociedade e a posta en prática de accións de mellora para estes enfermos

Un momento da firma do convenio entre a Deputación de Lugo e AFAMON. O vicepresidente do organismo provincial e responsable da Área de Benestar Social, Antonio Veiga, departe cos portavoces deste colectivo monfortino. GPVDL.
Un momento da firma do convenio entre a Deputación de Lugo e AFAMON. O vicepresidente do organismo provincial e responsable da Área de Benestar Social, Antonio Veiga, departe cos portavoces deste colectivo monfortino. GPVDL.

• O 21 de Setembro é a data escollida para lembrar a problemática que están a vivir os enfermos de Alzheimer e os seus familiares, que habitualmente exercen tamén de coidadores. A necesidade de implicar a todos os sectores da sociedade nesta importante cuestión é o obxectivo da celebración deste ano do Día Mundial do Alzheimer, unha enfermidade de gran repercusión sobre a sociedade actual de Galicia, que presenta un alto índice de envellecemento.

MÁIS INCIDENCIA DO ALZHEIMER E AS DEMENCIAS NAS COMARCAS ENVELLECIDAS
Neste sentido, a comarca de Lemos, cun 35% da poboación por encima dos 65 anos, é unha das zonas onde a atención e a asistencia ós enfermos de demencias e ás súas familias resulta máis necesaria. Así o reivindica a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Monforte (AFAMON), a través do desenvolvemento dunha serie de iniciativas tanto divulgativas como asistenciais, e para as que conta co apoio de institucións como a Deputación de Lugo. A Área de Benestar Social do organismo provincial, dependente da Vicepresidencia, vén de renovar o convenio con este colectivo monfortino para o desenvolvemento dun novo programa de estimulación cognitiva e psicomotriz dirixido ás persoas que padecen esta enfermidade na comarca de Lemos, integrada polos municipios de Sober, Pantón, O Saviñao, Bóveda, Pobra de Brollón e Monforte, e no veciño Concello de Quiroga. Este convenio, ó que o organismo provincial aporta 10.000 euros, beneficiará a medio cento de persoas, entre enfermos e familiares, tendo en conta que, na maioría dos casos, son os membros da propia unidade familiar os que seguen a asumir o coidado destes doentes, co conseguinte esgotamento físico e psíquico do coidador, e cun importante deterioro na calidade de vida do conxunto familiar.

INTERVENCIÓN FÍSICA E PSÍQUICA NOS OBRADOIROS
Esta nova iniciativa desenvolverase a través de obradoiros nos que se aplicarán técnicas específicas e non farmacolóxicas para intervir sobre as áreas físicas e psíquicas afectadas, como a memoria, a linguaxe ou a percepción sensorial. Así, a musicoterapia, o exercicio físico, a estimulación cognitiva ou a reminiscencia serán algunhas das técnicas empregadas.
O vicepresidente provincial, Antonio Veiga, destacou a importancia de apoiar estas iniciativas “para dar resposta á demanda de atención especializada da poboación afectada na Comarca de Lemos e na zona de Quiroga”.•

Solidaridade de toda a sociedade para loitar contra esta “pandemia do século XXI”

A mesa informativa que AFAMON vén instalando cada ano na rúa Cardeal con motivo do Día Mundial do Alzheimer forma parte do calendario anual de actividades deste colectivo. Arquivo EC
A mesa informativa que AFAMON vén instalando cada ano na rúa Cardeal con motivo do Día Mundial do Alzheimer forma parte do calendario anual de actividades deste colectivo. Arquivo EC

• A Confederación Española de Asociaciones de Familiares de Personas con Alzheimer y otras Demencias (CEAFA) celebra este ano o Día Mundial do Alzheimer baixo o lema “Solidarios co Alzheimer”. Dende este colectivo social apelan á solidaridade “no máis amplo sentido, abranguendo todos os sectores da sociedade, e non só as instancias que directa ou indirectamente teñan vinculación ou responsabilidade sobre o Alzheimer”, para enfocar axeitadamente a loita contra unha enfermidade á que cualifican como “pandemia do século XXI”.
MÁIS DE 1,2 MILLÓNS DE PERSOAS SUFREN ALZHEIMER EN ESPAÑA
Según os datos aportados por CEAFA, estímase que o mal de Alzheimer afecta en España a máis de 1,2 millóns de persoas. Máis preto de nós, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Monforte (AFAMON) calcula que hai en torno a 1.000 persoas afectadas por esta enfermidade só na Comarca de Lemos.
De aí que este colectivo monfortino estea a desplegar, dende a súa constitución no ano 2001, unha serie de actividades a favor dos enfermos de demencia e dos seus familiares. Estas iniciativas abranguen dende atención social e psicolóxica a familiares e coidadores de enfermos, charlas informativas, obradoiros de formación básica en Alzheimer para familiares e coidadores, visitas culturais e programas de voluntariado. Dentro deste amplo calendario, destaca a tarefa de concienciación da sociedade que AFAMON realiza cada ano con motivo do Día Mundial do Alzheimer, coa instalación dunha mesa informativa na rúa Cardeal de Monforte, e unha charla divulgativa que este ano estivo a cargo do neurólogo D. Daniel García Estévez.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A cultura fluvial da Ribeira Sacra xa ten museo

Seguinte Nova

O Campus da USC en Lugo ofrece descontos do 50% na matrícula para o alumnado novo de sete graos

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: