Aberto o prazo de inscrición nos cursos de novas tecnoloxías para maiores do InLugo

Os 13 cursos e 7 obradoiros que integran a programación son gratuítos

O presidente da Deputación deu a coñecer os novos cursos do programa InLugo durante a entrega dos diplomas ós participantes da anterior edición. GPDL.
O presidente da Deputación deu a coñecer os novos cursos do programa InLugo durante a entrega dos diplomas ós participantes da anterior edición. GPDL.

• Achegar as novas tecnoloxías ós maiores, para mellorar a súa autonomía, capacidades e comunicación é o obxectivo da terceira edición dos cursos e obradoiros sobre esta materia que organiza a Fundación TIC no Centro de Innovación Social InLugo. Esta iniciativa, cofinanciada ó 80% por fondos europeos, conseguiu aproximar ó mundo das novas tecnoloxías a preto de 500 maiores da nosa provincia. Nesta terceira edición, o programa ofrece un total de 224 prazas para 13 cursos e 7 obradoiros. As características desta programación foron adiantadas polo presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante o acto de entrega de diplomas ós participantes na pasada edición destes cursos.

SATISFACCIÓN DOS PARTICIPANTES NAS EDICIÓNS ANTERIORES
O acto, ó que asistiron máis de medio cento de alumnos, serviu para intercambiar impresións sobre as actividades realizadas e a súa posta en prática no día a día. Incluso unha das participantes, María, de 61 anos, puxo en prática o aprendido nos cursos ó facer un selfie do grupo na entrega dos diplomas, foto que logo subiu ás redes sociais. Pola súa banda, Gómez Besteiro agradeceu as “felicitacións que, tanto vós como os participantes en anteriores edicións, nos facedes chegar”. O mandatario provincial trasladou ós asistentes a testemuña de alumnos anteriores, que consideran que este aprendizaxe en novas tecnoloxías foi para eles “unha segunda mocidade, e nos transmiten a súa emoción polas enormes posibilidades que cada día descobren en internet e nas redes sociais”.

CURSOS SOBRE INTERNET, REDES SOCIAIS E MANEXO DOS DISPOSITIVOS TECNOLÓXICOS
A relación de cursos que ofrece a programación que se desenvolverá nesta edición no InLugo ofrece un amplo abano de aspectos relacionados co mundo de internet, as redes sociais e o manexo das ferramentas vinculadas ó mundo da informática.
Así, os interesados poderán inscribirse, de xeito totalmente gratuíto, nos seguintes cursos: “Atréveste con Internet? Axudámosche”; “Manéxate coas novas tecnoloxías. Coñece o teu ordenador”; “Manéxate coas novas tecnoloxías. Coñece a túa tablet”; “O carteiro en Internet. Que é o correo electrónico?”; “Organízate co teu móbil”; “Avanza e coñece o que podes facer co teu smartphone”; “Descobre aínda máis o teu smartphone”; “Arquiva e retoca as tuas fotografías co ordenador/tablet”; “Que son as redes sociais? Descobre Facebook”; “Que queres ver e aprender en Internet? En Youtube atoparalo”; “Aproveitando e descubrindo ideas coas imaxes das redes sociais”; “Copia e xestiona os teus arquivos”; “Escribe no ordenador empregando un editor de texto”.

OBRADOIROS DE MEMORIA E XIMNASIA COA AXUDA DAS NOVAS TECNOLOXÍAS
Dentro da oferta formativa en novas tecnoloxías para maiores, inclúense tamén 7 obradoiros: “Ximnasia mental coa tablet”, “Mantemos en forma o cerebro coa Wii”, “Exercicio mental co ordenador”, “Movémonos e pensamos coa Xbox”, e “Xogamos co corpo”, además dun obradoiro de televisión e outro de radio, novidades deste ano.•

•Completado o II Campus de Emprendemento Sostible no Centro Terras do Miño

•A finais de setembro tivo lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño un seminario destinado a lucenses que tiveran unha idea de negocio e precisaran axuda e asesoramento de profesionais, dentro da programación do II Campus de Emprendemento Sostible posto en marcha pola Deputación de Lugo. O obxectivo deste Campus estivo centrado en impulsar novos negocios, especialmente no rural lucense, cos que xerar riqueza e tratar de combatir o despoboamento.
Tamén neste mes desenvolveuse outro dos seminarios integrados neste Campus, que ofreceu formación teórica e prática a 10 lucenses para analizar a viabilidade dos seus proxectos de negocio. Logo dunha sesión teórica, os participantes percorreron diversos establecementos da nosa provincia para compartir experiencias cos seus responsables, tendo en conta o respecto ó medio ambiente á hora de poñer en prática o seu negocio. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As monfortinas do CV Ribeira Sacra, primeiras de grupo na Copa Promesas de Volei

Seguinte Nova

As microempresas galegas superan á media estatal en dispoñibilidade de telefonía móbil, páxina web e uso de redes sociais

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

     
A %d blogueros les gusta esto: