•Este curso comeza cun aumento do alumnado en Secundaria e FP •Entra en vigor a LOMCE en Educación Primaria e FP Básica •Medra a porcentaxe de centros plurilingües
• O pasado 10 de setembro arrincou o curso escolar 2014-2015 nos niveis de Educación Infantil e Primaria, que recibiron nas aulas a algo máis de 200.000 alumnos e alumnas, un 0,3% menos respecto do curso pasado. Cinco días despois comezaban as clases no ensino secundario e en FP preto de 200.000 alumnos e alumnas, o que supón un aumento do 0,6% respecto do ano académico anterior. Hai que destacar o caso da Formación Profesional, na que os datos provisionais de Educación elevan a cifra do alumnado neste curso por riba dos 53.700, o que suporía un incremento de máis do 5% respecto do curso anterior.
En canto á docencia, no conxunto do ensino non universitario mantense o número total de profesores en 30.354 docentes, cifras similares ás do curso pasado, según os datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
ENTRA EN VIGOR A LOMCE EN EDUCACIÓN PRIMARIA E FP BÁSICA
Unha das novidades deste curso académico está a ser a implantación da LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa), nos niveis de Educación Primaria e FP Básica, logo de que a Xunta de Galicia aprobara en Consello os decretos correspondentes a estes dous niveis educativos adaptados á nova lei. O texto do decreto referente á Educación Primaria introduce, según explicaron os responsables da Consellería, unha “aposta clara” pola calidade do ensino e por unha aprendizaxe competencial, na liña dunha maior aproximación ás recomendacións do Parlamento e do Consello europeos. Ademais, dende a Consellería destacan que esta medida fomentará a calidade do ensino, equidade e inclusión educativa das persoas con discapacidade, a atención á diversidade, a igualdade de oportunidades e a non discriminación. Con este decreto, Galicia súmase ó camiño seguido polas Comunidades Autónomas de Asturias, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Extremadura, Madrid, A Rioxa e Valencia, que tamén están a implantar a LOMCE este curso no nivel de Primaria.
NOVIDADES EN PRIMARIA
Tal e como se comprometera, a Consellería de Cultura e Educación vén de reforzar a asignatura de Matemáticas en Primaria, co fin de mellorar os resultados do alumnado, ademais de manter dúas horas semanais en todos os cursos para a educación artística. Como resultado, as Matemáticas gañan unha hora semanal no horario lectivo de 5º de Primaria, e outra hora no de 6º.
Asimesmo, en 4º e 6º os centros disporán dunha hora de libre configuración que, facendo uso da súa autonomía e respectando o establecido polo Decreto do Plurilingüismo, poderán dedicar a reforzar ou ampliar aquelas materias que, dentro do seu proxecto educativo, consideren oportuno. O obxectivo desta medida é aumentar a autonomía dos centros e permitir que estes adecuen o reforzo a aquelas áreas de coñecemento nas que detecten máis debilidades a través das probas de diagnóstico previstas pola LOMCE, ou ampliar algunhas materias.
CARACTERÍSTICAS DA FP BÁSICA
Respecto á Formación Profesional, dende a Consellería destacan que a FP Básica supón un “significativo avance” respecto dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), ó permitir que o alumnado que remate estes ciclos dispoña dun título de FP Básica, que xa ten os mesmos efectos que o de Graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado. Asimesmo, os responsables de Educación sinalan que a FP Básica se trata dunha ensinanza encadrada na Clasificación Internacional Normalizada da Educación da UNESCO, no nivel CINE 3, o que lle dá aínda máis categoría a estas ensinanzas e posibilidades de validación.
Como vantaxes comparativas, cómpre sinalar que estes ciclos permiten a mobilidade dos estudantes entre as diferentes Comunidades Autónomas, e ademais, os maiores de 21 anos que acrediten unidades de competencia poderán acceder a obter un título de FP Básica, o que non era posible cos PCPI.
Ademais, créase unha oferta en Galicia de 9 Programas Formativos para o alumnado con necesidades educativas especiais, cunha duración de 1 ano, e ó seu remate o alumno recibirá un certificado de realización de estudos. Xa este curso se ofertan en Galicia 18 titulacións de FP Básica, así como 8 Programas Formativos diferentes que atenden de forma específica ó alumnado con necesidades educativas especiais. Cunha duración dun curso académico, estes programas formativos incluirán módulos de títulos profesionais básicos asociados ó bloque común, e outros de formación apropiados para a adaptación ás súas necesidades. Deste xeito, son un total de 4.240 prazas as ofertadas en 212 grupos distribuídos por toda a xeografía galega. Con estes datos, o número de prazas ofertadas supera nun 16% o número de persoas que cursaron Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). A implantación da FP Básica suporá un significativo incremento de profesorado nestas ensinanzas, e todos os currículos vanse impartir en centros que dispoñen do equipamento idóneo para a realización das actividades lectivas. Por outra banda, a Consellería reduciu, dende as previsións iniciais e atendendo ó Consello Escolar de Galicia, de 30 a 20 o número máximo de alumnos que, con carácter xeral, constituirán cada grupo, o que iguala o número máximo de estudantes por grupo no nivel de FP Básica de Galicia co previsto noutras Comunidades Autónomas, como é o caso de Andalucía. En canto ó número mínimo, será igual que o establecido para os ciclos formativos de grao medio e superior, con 8 alumnos por grupo no rural e 12 nas cidades.
En canto ó resto da oferta de FP, dende a Consellería destacaron a importancia que xa ten a FP Dual no sistema educativo galego, con 22 prazas en proxectos nos que colaboran coa Consellería as empresas Coremain, UNVI, Loida, Repsol, Arlea Hotels, Finsa/Foresa, Bosch Security Systems e Media Markt, ademais da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos da Coruña, e da Federación de Hostelería de Pontevedra (FEPROHOS). Pola súa banda, a oferta de FP de réxime ordinario, modular, para adultos e a distancia, mantense sen cambios significativos respecto ó curso pasado, con modificacións puntuais para adaptala ás demandas da cidadanía. En total, ofértanse máis de 27.000 prazas en 1º curso, nos réximes ordinario e modular e nas modalidades de presencial, a distancia e FP Dual en centros sostidos con fondos públicos.
INCREMENTO DAS PRAZAS NOS COMEDORES
En canto ó servizo de comedor escolar, dende a Consellería teñen previsto incrementar en 1.400 os usuarios dos comedores que xestiona de forma directa e indirecta este curso. Contando con esta previsión, Educación ten aumentado o número de prazas en comedores escolares en 10.839 respecto do curso 2008-2009, o que supón un incremento do 22,3%.
O pasado curso, a dotación da Consellería para comedores foi de 29,7 millóns de euros, tanto para os que xestiona de forma directa e indirecta como para o cofinanciamento mediante convenio de colaboración dos comedores xestionados polos concellos, ou mediante outorgamento de axudas para os xestionados por ANPAS. Según estes datos, o orzamento para comedores escolares duplicouse dende 2007, cando se destinaban a este servizo 14,6 millóns de euros.
Según os datos recompilados no mes de xuño, dos usuarios dos comedores que a Consellería xestiona directa e indirectamente, o 78,11% dos usuarios non pagaron nada por este servizo. Se a este grupo se lles engaden os usuarios que pagan 1 euro ó día, un 83,59% dos comensais utilizaron o comedor totalmente de balde ou pagando tan só un euro.
TRANSPORTE ESCOLAR
No curso 2014-2015, a Consellería de Cultura e Educación presta o servizo de transporte a 93.190 escolares, o que supón un incremento do 2% respecto do 2013-2014. O servizo de transporte ten rexistrados para o presente curso un total de 3.846 rutas. Asimesmo, a Consellería de Cultura e Educación facilita o transporte escolar de 186 alumnos e alumnas con discapacidades, a través dos convenios asinados coa Asociación de atención á parálise cerebral e afíns Amencer-Aspace, coa Asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual (ASPANAEX), coa Cruz Vermella, coa Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor (ACEESCA), coa Asociación Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (GRUMICO), con Baión Asociación para o Tratamento do Autismo (BATA), e coa Asociación Socio-Cultural de Minusválidos (ASCM-Ferrol), o que supón un investimento anual de máis de 367.000 euros.
MEDRA NUN 19% O NÚMERO DE CENTROS PLURILINGÜES
O Plan de potenciación das linguas estranxeiras vai chegar este curso a preto de 85.500 alumnos, un 18,4% máis que o curso pasado. Preto dun 80% dos centros sostidos con fondos públicos participarán desta estratexia da Xunta para a aprendizaxe de idiomas, o que supón chegar a 4 de cada 10 estudantes galegos do ensino obrigatorio. A Rede de centros plurilingües integra este curso case ó 18% dos centros sostidos con fondos públicos (en total, 220 centros con preto de 31.500 estudiantes), e a de seccións bilingües a máis do 62% (cun total de 3.223 seccións, das que 367 son de nova incorporación, con 52.000 estudiantes). Tanto os centros plurilingües como parte das seccións bilingües contarán co apoio dun total de 454 auxiliares de conversa nativos, un 4,3% máis que o curso anterior. Isto sitúa a Galicia, un ano máis, no ranking de España neste eido, pois é a segunda Comunidade Autónoma en ratio de auxiliares por alumno e a terceira en número total. Dende o curso 2008-2009 o número de auxiliares de idioma multiplicouse por sete.
En canto á ensinanza de idiomas, cómpre destacar as iniciativas destinadas á formación do alumnado fóra do horario lectivo. Así, a Consellería estima que os Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe en linguas estranxeiras (CUALE) tería chegado xa nesta lexislatura a máis de 2.700 alumnos, case a mesma cifra que no periodo 2010-2013. Por outra banda, nestes dous cursos ofertáronse 2.285 prazas en estadías para mellorar as súas competencias lingüísticas, e engadíronse actividades formativas tamén no outono.
Por último, no curso entrante seguirá a funcionar o Programa experimental de acompañamento en lingua estranxeira, que se iniciou no curso 2011-2012, dirixido a mellorar as competencias en linguas estranxeiras do alumnado de centros rurais que non forman parte da rede de plurilingües ou non dispoñen de seccións bilingües. Está previsto que esta iniciativa chegue a máis de 820 escolares de 49 centros.
A competencia en idiomas abrangue tamén ó profesorado, para o que está previsto un aumento do 7% nas prazas do Programa integral para a aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), destinado a profesorado especialista e non especialista en idiomas, tanto no estranxeiro como en España. Asimesmo, mantéñense os 62 cursos con 1.240 prazas por ano académico dos cursos de comunicación e actualización lingüística e comunicativa (CALC).
MANTÉÑENSE OS IMPORTES DAS AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO
A Consellería de Cultura e Educación mantén, un ano máis, unha liña de bolsas para a compra de libros de texto. Esta achega sitúa a Galicia como a Comunidade Autónoma con máis axudas, e de maior importe, para a compra de manuais escolares. Galicia inviste 20 millóns de euros en libros, fronte ós 6 millóns de Castela-León, con idéntico número de alumnos, ou fronte ós 3 millóns de euros de Extremadura, cunha cifra de alumnado lixeiramente inferior. Os responsables de Educación suliñaron o “importantísimo esforzo económico” que a Xunta está a facer para manter as achegas para a adquisición de libros de textos, axudas que moitas Comunidades Autónomas suprimiron ou baixaron de forma considerable. Este curso, a Xunta mantén o mesmo importe das axudas, que poden ser de 90, 104, 170, 180 ou 250 euros, en función da renda ou de se se trata de educación especial. Os cadernos que veñen adxuntos ó libro de texto, por considerarse parte inseparable del, poden ser adquiridos co vale.
Tendo en conta o esforzo realizado pola Xunta, e dado que a Consellería tivo coñecemento, a través da propia Federación de Libreiros, de que nunha “alta porcentaxe” o vale era empregado para artículos que non eran libros de texto nin material escolar de uso necesario, este ano a axuda da Xunta destínase unicamente á compra de manuais, que deberán despois pasar a formar parte do banco de libros dos centros, agás no caso de Infantil, 1º e 2º de Primaria, ou nos casos de alumnado de educación especial ou que teña unha discapacidade igual ou superior ó 65% nos que o material adquirido non poida ser reutilizable.
IMPLANTACIÓN DO LIBRO DIXITAL
Dende Educación teñen posto en marcha este curso, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), un novo proxecto de plataforma de contidos curriculares educativos en formato dixital, que se está a implantar en 84 centros educativos de toda Galicia. En total, recibíronse 90 solicitudes nunha convocatoria que acadou gran repercusión entre os centros públicos, que representan o 90% dos proxectos presentados. Ademais, 1 de cada 3 centros públicos Abalar de Primaria van ser beneficiarios do programa. No presente curso, está previsto que a plataforma estea dispoñible en 5º e 6º de Primaria e en 1º de ESO, e que no terceiro ano do proxecto, no curso 2016-2017, sexa empregado por estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO.
VANTAXES DA PLATAFORMA DE APRENDIZAXE VIRTUAL
O número de centros e de estudantes que participan neste primeiro ano de implantación do proxecto está a superar amplamente as previsións iniciais da Consellería. Estímase que a iniciativa chegará xa este ano a 2.300 alumnos de 5º de Primaria, e o obxectivo é que no periodo 2014-2017 se extenda a 22.500 alumnos. A través desta plataforma, as familias participantes no proxecto poderán ter os contidos curriculares dos seus fillos totalmente gratis.
Nesta plataforma de aprendizaxe virtual, os alumnos poderán acceder tanto de xeito on line como off line a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias, facilitados pola Xunta, e tamén a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Ademais, esta nova ferramenta facilitará o acceso ós contidos de pago de empresas editoras grazas á conexión co Punto Neutro do Ministerio de Educación.
PLAN DE BIBLIOTECAS ESCOLARES
Outra das accións impulsada dende a Consellería de Educación refírese ó Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), ó que se incorporan este curso 33 centros educativos públicos, co que xa suman 550 centros por toda Galicia. A maioría destes centros son CEIP, que suman o 53% do conxunto, mentres que o 31% son IES e o 7% son Centros Públicos Integrados (CPI). En cifras xerais, están acollidos ó PLAMBE o 69% dos IES de Galicia, o 60% dos CEIP de máis de 6 unidades, e o 58% dos CPI. O obxectivo do PLAMBE é a actualización dos fondos bibliotecarios e a renovación do mobiliario e doutros equipamentos necesarios para a prestación dos servizos da biblioteca. Para este curso, a Consellería de Cultura e Educación destina un orzamento de 810.000 euros.
MEDRA A ATENCIÓN ÁS NECESIDADES EDUCATIVAS ESPECÍFICAS
A atención á diversidade do alumnado galego materialízase nos 3.223 profesionais dos centros públicos, en especialidades como pedagoxía terapéutica, de audición e linguaxe, intérpretes de linguaxe de signos, coidadores, orientadores e fisioterapeutas, entre outros. A dotación deste persoal específico medrou de forma notable nos últimos anos, cun incremento de 62 profesionais no curso 2013-2014 respecto ó ano académico anterior.
En canto ó material específico para responder ás necesidades educativas especiais, a Consellería de Cultura e Educación atende os ditames dos servizos de orientación nos que se propón a adquisición de, por exemplo, emisoras de frecuencia modulada, cadeiras adaptadas, equipamento informático específico, mesas e atrís, cun investimento de máis de 275.000 euros nos últimos anos.
En canto ó marco legal que rexe neste aspecto, en 2001 publicouse o decreto 229/2011 que regula a atención á diversidade do alumnado galego, e que constitúe, según precisaron os responsables da Consellería, “unha clara aposta pola construción dunha escola inclusiva, na que o conxunto da comunidade educativa e as administracións e entidades implicadas colaboren para que cada alumno e alumna acade os mellores resultados de acordo coas súas capacidades e desenvolvendo ó máximo as súas potencialidades”. Ademais, en xuño de 2014 presentouse o primeiro protocolo a nivel autonómico de intervención co alumnado afectado polo Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), que significou un elevado nivel de coordinación e colaboración entre os departamentos educativos e sanitarios da Xunta de Galicia, co obxectivo de acadar un diagnóstico precoz deste alumnado e unha intervención integral.
OBRAS EN CENTROS EDUCATIVOS
En canto ás melloras nas infraestruturas educativas, a Consellería leva investido máis de 73,8 millóns de euros en obras de construción e ampliación en 31 centros no periodo 2009-2014. Nesta etapa, construíronse 5 centros totalmente novos, e atópase en marcha a construción doutro en Oleiros (A Coruña), e en licitación dous máis en Carral e Culleredo, na provincia de A Coruña, cun importe total de case 12 millóns de euros.
Agora mesmo, están en fase de execución ou licitación en Galicia 10 centros educativos, cun investimento de máis de 25,6 millóns de euros. Ademais, xa están rematadas as actuacións en 21 centros por importe de preto de 48,2 millóns de euros.•
As cifras do curso escolar en Lugo
•Según os datos iniciais aportados pola Consellería de Educación, foron 65.093 alumnos os que se incorporaron ás aulas de Educación Infantil en Galicia, un 3,2% menos que o curso pasado, debido á progresiva caída da natalidade. Lugo é a terceira provincia en número de alumnos de Infantil, con 6.506.
EDUCACIÓN PRIMARIA
Respecto á Educación Primaria, os datos iniciais ofrecidos pola Consellería falan de 134.968 alumnos e alumnas matriculados neste nivel, co que medra nun 1,1% o número de estudantes. Na provincia de Lugo, 13.443 alumnos iniciaron o curso en Educación Primaria, o que sitúa a esta provincia no terceiro posto respecto ó conxunto da Comunidade Autónoma. En Educación Especial, os datos indican unha caída no 4% no alumnado respecto do ano pasado. Galicia ten así 1.322 matriculados neste nivel educativo, dos que 109 están na provincia de Lugo.
En canto a centros, o ensino de Infantil, Primaria e Especial impartirase nun total de 997 colexios en toda Galicia, dos que 124 están situados en territorio lucense.
ENSINO SECUNDARIO
En Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), a comezos deste curso rexistrábanse en Galicia 88.529 alumnos, dos que 9.340 están en Lugo. O Bacharelato ordinario contaba de entrada con 30.463 alumnos en Galicia (un 0,6% menos que o curso pasado), dos que 3.202 estudian en Lugo. En canto ás ensinanzas de réxime especial (secundaria e bacharelato para adultos, e bacharelato semipresencial ou a distancia), Galicia ten un 1,4% de alumnado, ata chegar ós 16.287, sendo en Lugo 1.640. Os datos de matrícula provisionais nas ensinanzas artísticas medran tamén un 2,3%, ata os 8.520 matriculados, dos que 1.159 corresponden á nosa provincia.•