O prazo para solicitar as 50 bolsas de emprego Leonardo da Vinci do programa Lugojob remata o 7 de outubro
• Ata o 7 de outubro está aberto o prazo de solicitude das 50 becas europeas Leonardo da Vinci, destinadas a mozos e mozas lucenses menores de 35 anos con titulacións relacionadas coa agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida. Estas becas ofrecen formación e práticas en prestixiosas empresas de varios países europeos, cunha estadía de tres meses e medio. As bases da convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo do sábado 20 de setembro, están accesibles a través da web www.deputacionlugo.gal, así como o modelo oficial de inscrición.
CUSTE CERO PARA OS PARTICIPANTES
As becas Leonardo da Vinci están financiadas con fondos europeos que captou a Deputación de Lugo. A dotación total é de 231.000 euros, financiados nun 70% pola Unión Europea, e nun 30% con fondos propios do organismo provincial. Isto permite que as estadías sexan a custe cero para os mozos e mozas participantes no programa de becas.
Con esta nova convocatoria, xa son 310 as becas Leonardo da Vinci postas en marcha pola Deputación na nosa provincia nos últimos tres anos.
CONCEPTOS INCLUÍDOS NAS BECAS
As bases establecen que as axudas para a realización das práticas correspondentes ó programa LugoJob III corresponden ós conceptos de viaxe de ida e volta, desprazamento dende o punto de chegada ata o lugar de aloxamento no país de destino, o propio aloxamento, transporte local, seguro de asistencia en viaxe, preparación lingüística no país de destino, titorización das práticas profesionais nas empresas, xestión dos certificados oficiais correspondentes, busca de empresas para a realización das práticas profesionais, e dotación económica de 450 euros en total. A xestión e contratación do seguro será a cargo da Deputación de Lugo, organismo que tamén xestionará directamente, en colaboración coas organizacións intermediarias nos países de destino, os importes para os gastos de aloxamento, curso de idioma, titorización, busca de empresas e preparación dos certificados oficiais.
A dotación económica de 450 euros, así como a destinada ó transporte local e ó traslado dende o punto de chegada ata o lugar de aloxamento no país de destino, será aboada pola Deputación ó beneficiario antes da súa saída de España.
PRÁTICAS EN EMPRESAS DE 7 PAÍSES EUROPEOS
Estas bolsas pertencen ó proxecto LugoJob III, de axudas para estancias no estranxeiro con finalidade formativa-profesional, a través da realización de práticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda, e dentro do marco do Programa de Aprendizaxe Permanente-Proxecto de Mobilidade Leonardo da Vinci.
PARA AUMENTAR A EMPREGABILIDADE DOS BOLSEIROS
Según se establece nas bases da convocatoria, o obxectivo destas bolsas é conseguir a especialización profesional dos beneficiarios aumentando as súas posibilidades de inserción no mercado laboral, permitíndolles adquirir novas habilidades e aptitudes profesionais.
LOCALIZACIÓN DAS ESTADÍAS EN EUROPA
Na presente convocatoria, serán dez os bolseiros que desenvolverán a súa estadía na localidade irlandesa de Cork, e outros dez serán destinados a Belfast, no Reino Unido. Pola súa banda, cinco becarios terán a súa ocupación formativa e profesional en Praga, capital da República Checa, e outros cinco estarán en Lisboa. Un grupo de oito bolseiros realizarán as práticas na cidade italiana de Florencia, sete permanecerán en Viena, e cinco na localidade alemana de Hamburgo.
DURACIÓN DA ESTANCIA
En canto á duración das becas Leonardo da Vinci, as bases da convocatoria establecen unha estancia de catorce semanas. A programación comezará cun curso de idioma ó longo das dúas primeiras semanas da estadía, co fin de que os bolseiros melloren as súas competencias lingüísticas de cara á súa adaptación á cidade de acollida.
Unha vez completada esta fase da programación, os becarios iniciarán o periodo específico de práticas profesionais, por un espazo de tres meses, en empresas do sector formativo ó que pertence cada bolseiro. Está previsto que as estadías se inicien a partir de xaneiro de 2015.
Ó longo do periodo da estancia no país de destino, os bolseiros contarán cun titor, encargado de realizar un seguimento continuado da súa formación, co fin de garantir o cumprimento dos obxectivos do proxecto.
As bases da convocatoria das becas Leonardo da Vinci especifican que as práticas realizadas a través deste programa nas diferentes empresas non darán lugar a percibir ningunha remuneración nin constituirán relación contractual de ningún tipo nin coas empresas nin coa Deputación de Lugo.
REQUISITOS PARA OPTAR ÁS BECAS LEONARDO DA VINCI
O perfil dos candidatos ás bolsas formativas en empresas de Europa do programa Leonardo da Vinci establece que os beneficiarios deberán estar empadroados en calquera concello da provincia de Lugo, ademais de ter unha idade máxima de 34 anos e estar en situación de desemprego. Asimesmo, non poderán presentarse a esta convocatoria de bolsas aquelas persoas que xa tiveran disfrutado da condición de becario do programa Leonardo da Vinci en convocatorias anteriores.
En canto ó aspecto académico, as bases da convocatoria das becas Leonardo da Vinci esixen ós candidatos ter un nivel de coñecemento do inglés equivalente ó B1, que corresponde ó denominado nivel «de supervivencia» en lingua estranxeira, esixido ós titulados no Espazo Europeo de Educación Superior. Ademais, os candidatos deberán estar en posesión do título universitario oficial, de primeiro, segundo ou tercer ciclo, obtido nos últimos catro anos, e que acredite a formación relacionada cos sectores do programa LugoJob III, e que corresponden a agricultura, silvicultura e pesca; protección medioambiental; viaxes, turismo e ocio; informática; e ciencias da vida.
SISTEMA DE SELECCIÓN
Tras completar o prazo de solicitudes, publicarase no Taboleiro de Anuncios e na páxina web da Deputación de Lugo a lista de aspirantes admitidos e a convocatoria para a proba de coñecemento correspondente a cada un dos sectores educativos do Proxecto LugoJob III, e que consistirá nun cuestionario por escrito de tipo test. Sobre os candidatos que superen esta proba, realizarase unha baremación de méritos, tendo en conta a titulación académica acreditada e unha memoria que indique a adecuación do título ó sector formativo do Proxecto, e a motivación do solicitante nas práticas.
Os aspirantes que pasen esta fase serán citados a unha entrevista persoal, en español e inglés, sobre o grao de formación xeral e técnica, e que medirá a competencia lingüística en inglés do candidato. A cualificación final será a suma das puntuacións obtidas na proba de coñecemento, a baremación de méritos e a entrevista.•