En marcha a segunda fase da campaña #paraestudarlugo
A campaña iniciuse en xuño impulsada pola Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago
• Co obxectivo de aumentar o número de matrículas no Campus de Lugo e promocionar a capital provincial como cidade universitaria, o pasado mes de xuño púxose en marcha a campaña #paraestudarlugo, en virtude dun protocolo de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela. A través desta campaña, que se está a desenvolver nas redes sociais, ofrécese un plan de bolsas orientado a cubrir os gastos da primeira matrícula en sete titulacións con problemas de demanda.
DESCONTOS PARA PRIMEIRAS MATRÍCULAS EN SETE GRAOS, TAMÉN NA QUENDA DE SETEMBRO
Como xa se fixo durante o periodo de matriculación de xuño, os estudantes que se inscriban no Campus de Lugo na quenda de setembro poderán optar a un desconto do 50% na primeira matrícula dos graos de Enxeñería en Procesos Químicos Industriais; Enxeñaría Civil; Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Lingua e Literatura Españolas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.
O DESCONTO APLÍCASE DE XEITO INMEDIATO
Os estudantes interesados en iniciar a súa formación universitaria nalgún destes sete graos no Campus de Lugo da USC, poden beneficiarse destas axudas dun xeito moi sinxelo. Unha vez decidida a titulación universitaria dentro do abano de graos que ofrecen esta reducción de prezo, o estudante só ten que acceder á páxina web da Universidade de Santiago (www.usc.es), seleccionar a ligazón correspondente á matrícula e formalizar o proceso. O desconto do 50% aplicarase de xeito automático no momento de abonar o importe da matrícula.
Os interesados poden atopar toda a información sobre estas axudas e sobre as vantaxes que ofrece Lugo e o seu Campus universitario no microsite http://paraestudarlugo.com, e a través das redes sociais, como no hashtag #paraestudarlugo, no twitter da USC, @UniversidadeUSC, e da Deputación de Lugo, @depulugo, así como facebook do organismo provincial, https://www.facebook.com/diputacionlugo.•
•Plan de impulso do Campus de Lugo
•A campaña #paraestudarlugo forma parte do Plan de Choque para impulsar o Campus de Lugo, dende o protocolo de colaboración que firmaron no mes de xuño os representantes da Deputación de Lugo e da Universidade de Santiago de Compostela. Este Plan inclúe 13 medidas co obxectivo de combater a perda de alumnado, que está a ser o principal problema da Universidade.
O Plan de Choque para impulsar o Campus de Lugo xa ten en marcha dende hai meses a campaña de promoción da capital provincial como cidade universitaria, así como das súas titulacións e do plan de bolsas para gastos de matrícula. Ademais, dende o Plan contémplase a captación de estudantes doutras nacionalidades.
Outras medidas dentro deste Plan van orientadas a desenvolver un programa de apoio para as práticas de campo, de bolsas de investigación en grupos, así como fomentar a formación de nivel Master, e potenciar os cursos de verán na provincia de Lugo.
Por outra banda, o Plan de Choque adianta a posibilidade de elaborar un estudo sobre a viabilidade de empregar a Granxa Gayoso Castro como centro de práticas universitarias.
As novas tecnoloxías tamén teñen o seu espazo no Plan para impulsar o Campus de Lugo, promovendo a docencia semipresencial ou a distancia. Tamén se promoverá a fixación de incentivos de Traballos de Fin de Grao e Máster, o impulso da divulgación científica e a captación de novos talentos. Por último, o Plan contempla a posibilidade de incrementar os fondos da Biblioteca Intercentros, e o análise das infraestruturas deportivas e docentes.•