•A Xunta de Galicia pon a disposición das familias con menos recursos esta medida para aforrar na factura da luz
• Ata o 5 de novembro está aberto o prazo para solicitar o ticket eléctrico, unha iniciativa da Xunta de Galicia que permitirá a 14.000 familias galegas con menos recursos reducir o custo da factura enerxética. As solicitudes poden formalizarse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.es) ou da web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es).
VALIDEZ DUN ANO ENTRE XANEIRO E DECEMBRO DE 2014
Según explicaron os responsables desta iniciativa, o tícket eléctrico está dirixido ás familias galegas con fillos menores de idade ao seu cargo e cuxos ingresos non superan o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM). A medida sumarase aos beneficios da nova TUR, o antigo bono social, acadando deste xeito aforros de ata un 40% na factura. Neste sentido, o tícket reportará 90 euros ás familias beneficiarias, incrementándose ata os 120 euros no caso das familias numerosas. O tícket eléctrico terá unha duración dun ano correspondente aos meses de xaneiro a decembro de 2014.
DEFENSA DOS CONSUMIDORES MÁIS VULNERABLES ANTE A SITUACIÓN DO MERCADO ELÉCTRICO
Con esta iniciativa, o Executivo galego busca dar un novo paso en defensa dos consumidores máis vulnerables no actual escenario do mercado enerxético, que dificulta a moitas familias dispoñer dos recursos suficientes para o pagamento da enerxía que necesitan para facer fronte ás súas principais necesidades.
Outra das iniciativas neste sentido estase a desenvolver dende o Instituto Galego de Consumo, xa que se están resolvendo a favor dos consumidores máis do 75% das reclamacións presentadas neste eido no que vai de ano. Ademais, o Goberno galego ten en marcha a campaña “As claves da factura eléctrica”, que ten como finalidade facer máis comprensible ao consumidor a nova factura no eido da reforma eléctrica levada a cabo polo Goberno central.•