A Xunta inviste máis de 400.000 euros para reparar oito quilómetros do corredor entre Monforte e O Saviñao

As obras comezaron este mes de outubro

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada polo alcalde de O Saviñao, Joaquín González, supervisou o inicio das obras de mellora dun treito do corredor entre Monforte e O Saviñao.  GPDTXL.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada polo alcalde de O Saviñao, Joaquín González, supervisou o inicio das obras de mellora dun treito do corredor entre Monforte e O Saviñao. GPDTXL.

• O pasado 10 de outubro comezaban os traballos de reparación dun tramo do corredor CG-2.1 que comunica Monforte con O Saviñao, un dos viais máis importantes no mapa de comunicacións do sur lucense.

OBRAS NO FIRME DO CORREDOR, DOS ACCESOS Ó POLÍGONO DE ESCAIRÓN, E TAMÉN MELLORAS NA SINALIZACIÓN
As melloras realizaranse nun total de 7,65 quilómetros de vial, no trazado comprendido entre os puntos quilométricos 4,750 e 12,400, que afectan aos municipios de O Saviñao, Monforte de Lemos e Pantón. Os traballos consistirán no fresado da superficie deteriorada para continuar coa reposición da capa superior da estrada. Dentro desta actuación tamén está incluída a mellora do firme dos viais de acceso LU-615 e LU-616, que serve de entrada ao polígono empresarial de Escairón, ademais da mellora da sinalización do corredor.

«COMPROMISO» DA XUNTA NO IMPULSO DA SEGURIDADE VIAL NO SUR LUCENSE
Para acometer estas obras, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, destina unha partida de 423.663 euros, o que amosa «o compromiso no impulso para a seguridade viaria da zona sur de Lugo por parte da Xunta de Galicia», según precisou a delegada territorial en Lugo, Raquel Arias, durante a súa visita a O Saviñao para supervisar o inicio destas obras. Asimesmo, a delegada da Xunta na nosa provincia indicou que os traballos estarán rematado no primeiro trimestre do vindeiro ano.

IMPORTANTE NÓ DE COMUNICACIÓNS
Arias destacou asimesmo a necesidade de incrementar a seguridade vial nesta «importante nó de comunicación que enlaza as comarcas de Quiroga e Monforte coa comarca de Chantada e Santiago», e do que fan uso preto de 30.000 veciños dos municipios de Monforte, O Saviñao, Pantón e Sober.

MELLORAR AS DOTACIÓNS VIARIAS E PROCURAR O MANTEMENTO DO EMPREGO CON PROXECTOS PÚBLICOS
A delegada territorial subliñou que o proxecto “mellora sensiblemente as comunicacións da área afectada, incidindo especialmente na seguridade viaria dos veciños e usuarios da estrada”. Neste sentido, Raquel Arias puxo de relevancia o «esforzo» que está a realizar o Goberno da Xunta na modernización da rede autonómica de estradas, “un impulso aos proxectos de infraestrutura que persigue o dobre obxectivo de mellorar as dotacións das nosas vilas e pobos e procurar o mantemento do emprego nas empresas do sector a través de proxectos públicos”.

CONTINUACIÓN DAS OBRAS DE REPARACIÓN NOS VIAIS DO SUR DE LUGO
Neste sentido, Arias sinalou que a actuación en marcha no corredor entre Monforte e O Saviñao continúa cos proxectos de modernización da rede viaria da zona sur de Lugo, logo de que nos últimos anos fosen completadas as tarefas de mellora da seguridade viaria da estrada LU-533, que une O Saviñao con Chantada. Raquel Arias lembrou que esta obra supuxo un investimento de preto de 1,7 millóns de euros do Executivo galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, co que se actuou para incrementar a seguridade nesta estrada. Os traballos neste vial consistiron na remodelación do firme nun treito de 10,5 quilómetros e a mellora de interseccións e accesos á devandita estrada LU-533.•

EN EXECUCIÓN NO 2014 UN TOTAL DE 10 ACTUACIÓNS EN ESTRADAS LUCENSES POR MÁIS DE 5 MILLÓNS DE EUROS

• A Xunta de Galicia finalizou ao longo deste ano actuacións de rehabilitación de firmes e mellora en varios treitos de diversas estradas da rede autonómica que suman 100 quilómetros na provincia de Lugo, por un importe de máis de dous millóns de euros.

A REPARACIÓN DA ESTRADA LUGO-A FONSAGRADA, A MÁIS EXTENSA DAS EXECUTADAS EN GALICIA ESTE ANO
Entre as obras executadas ata setembro, atópase o reforzo de firme localizado en varios treitos da estrada Lugo-A Fonsagrada LU-530, cun total de 57,2 quilómetros reparados, así coma o reforzo executado no entorno do enlace de Arneiro na estrada LU-120 de Vilalba a Paraxes. As actuacións xa rematadas suman un orzamento de 2.133.327,82 euros.
Nos próximos meses, iniciaranse cinco novas actuacións, coas que se mellorarán outros 59 quilómetros de estradas e nos que a Axencia Galega de Infraestruturas investirá 2,9 millóns de euros. Entre as actuacións que acaban de comezar, destacan os traballos de reforzo de firme localizado no treito da LU-124 entre Mondoñedo-Enlace A8, ou o do corredor CG-2.1 entre Monforte de Lemos e O Saviñao, iniciado a comezos deste mes de outubro. Estas cinco actuacións suman un orzamento de 2.892.834,33 euros. •

•A Xunta incrementa en máis do 82% os fondos aos concellos para a mellora dos camiños rurais

• O Consello da Xunta aprobou o 2 de outubro a sinatura de convenios de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e cada unha das catro deputacións provinciais para financiar as actuacións do novo Plan marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-15.
Según explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a través destes convenios os concellos de Galicia beneficiaranse de máis de 25,5 millóns de euros destinados á ampliación, mellora e mantemento dos camiños de titularidade municipal. A cifra supón un “incremento do 82% sobre o plan anterior», no que se destinaban preto de 14 millóns. Núñez Feijóo destacou que este novo investimento vai permitir «mellorar un maior número de camiños no ámbito rural de Galicia”.
O presidente destacou que este plan inclúe como novidade que unha parte importante do confinanciamento será achegado polas deputacións provinciais.
Os criterios de reparto foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Fegamp, de xeito que os concellos da provincia da Coruña recibirán máis de 8 millóns de euros; os da provincia de Lugo, preto de 7 millóns; os concellos de Ourense contarán con preto de 6 millóns; e os da provincia de Pontevedra recibirán arredor de 5 millóns.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Ata o 30 de outubro pódense presentar traballos ó concurso de curtas co móbil para estudantes galegos de 14 a 18 anos

Seguinte Nova

Aberto o prazo para as subvencións de fomento á silvicultura e bosques

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: