Convenio entre Cultura e Turismo e a organización
• A celebración da vindeira edición da Feira do Viño de Chantada contará co apoio da Deputación de Lugo. O delegado da Área de Cultura e Turismo do organismo provincial, Mario Outeiro, asinou o pasado 3 de outubro un convenio coa Asociación Cultural O Quinto Chote, representada por Xosé Manuel Ledo, e que suporá unha aportación de 4.500 euros para a financiación deste evento, unha das citas máis emblemáticas do panorama enoturístico de Galicia.
A FEIRA DO VIÑO, UN “ESTÍMULO” PARA ADEGUEIROS E EMPRESARIOS DA COMARCA CHANTADINA
Logo da sinatura deste convenio, Mario Outeiro destacou esta Feira como un “estímulo” non só para os adegueiros desta subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, senón tamén para o resto dos empresarios da comarca chantadina. Outeiro suliñou que a Feira do Viño de Chantada, que está a atraer milleiros de visitantes nos máis de trinta anos de andadura, non se limita ós postos instalados polos adegueiros no recinto feiral e de acceso ó público que visita a feira, senón que tamén inclúe visitas guiadas ás adegas pertencentes a esta subzona vitivinícola.
CARÁCTER “EXCEPCIONAL” DESTA FEIRA
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación destacou o “interese social e cultural” da Feira do Viño de Chantada. Outeiro lembrou que este evento ten un carácter “excepcional” dentro do calendario de celebracións polo enclave onde se realiza, as actividades lúdico-culturais que a acompañan, e a afluencia de público que rexistra ano tras ano.•