Melloras no servizo de reserva on line dos viaxes nos catamaráns

As viaxes en catamarán polos ríos Miño e Sil seguen a manter o seu atractivo para os visitantes da Ribeira Sacra.  Arquivo EC.
As viaxes en catamarán polos ríos Miño e Sil seguen a manter o seu atractivo para os visitantes da Ribeira Sacra. Arquivo EC.

• A área de Turismo da Deputación vén de mellorar o sistema de reserva e venda por internet dos billetes para as viaxes en catamarán polos ríos Miño e Sil. A través da páxina web www.lugoterra.com, xa se poden mercar os billetes a calquera hora do día e calquera día do ano, incluíndo as fins de semana e festivos.

AS NOVAS TECNOLOXÍAS MELLORAN A XESTIÓN DAS RESERVAS DE VIAXE
Deste xeito, amplíanse as facilidades de reserva para os usuarios deste servizo, xa que esta vía telemática vén sumarse á posibilidade xa existente de reserva telefónica no teléfono 982 260 196, dispoñible de luns a venres en horario de 8,30 a 14,30 horas. A falla de cobertura telefónica nos embarcadoiros impedía ata este mes as reservas en fins de semana e festivos, dadas as dificultades que tiña a tripulación dos catamaráns para recibir no seu terminal os datos das reservas on line. Para solucionar este problema foi necesaria a instalación de tecnoloxía vía satélite no embarcadoiro de Doade, o máis afectado pola falla de cobertura.

BALANCE “MOI POSITIVO” DO VERÁN NOS CATAMARÁNS
O responsable da área de Turismo da Deputación, Mario Outeiro, apuntou que “as rutas fluviais son un motor moi importante de atracción turística da provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra”. Outeiro explicou que “ano tras ano a demanda turística para facer viaxes en catamarán aumenta”, con “importantes beneficios” no sector do turismo e a hostalaría da zona.
Mario Outeiro fixo un balance “moi positivo” deste verán en canto a número de usuarios das distintas rutas fluviais, posto que a 31 de agosto xa se superara o total de viaxes realizados en todo o 2014. Neste sentido, destacou que os tres catamaráns que ten servizo a Deputación nos ríos Miño e Sil, nos embarcadoiros de Doade, Belesar e Os Robles, sumaron até o 31 de agosto 26.742 viaxeiros, máis que en todo o 2014.
A ruta polo Sil que sae de Doade foi a máis demandada, con 23.162 no que vai de ano, e 6.328 só no mes de agosto. En segundo lugar, atoparíase o percorrido polo Miño dende Belesar, con 3.051 usuarios, dos que 700 foron no mes de agosto.

MELLORAS NA INFORMACIÓN TURÍSTICA
Ademais da mellora que se acometeu no sistema de reserva por internet, este ano mellorouse tamén a información in situ que facilitan os guías nos embarcadoiros, onde hai paneis informativos sobre os horarios das rutas, e distribuíronse folletos informativos nos distintos clubs náuticos.
Outeiro suliñou tamén que todas as rutas contan con “prezos asequibles” que non variaron dende fai anos co obxectivo de que todas as persoas, independentemente do seu poder adquisitivo, poidan gozar deste servizo. O prezo do billete é de nove euros, e hai descontos para grupos, persoas maiores e nenos. •

TURISTAS DE 17 NACIONALIDADES PASARON POLA OFICINA DE TURISMO DE MONFORTE EN SETEMBRO

•Francia,Inglaterra, Portugal, Alemania, Holanda, Bélxica, Italia, EUU, Canadá, Brasil, Arxentina, Australia, Polonia, Letonia, Rumanía, Suecia e Finlandia son os países de procedencia dos turistas internacionais que pasaron pola Oficina de Turismo de Monforte durante o mes de setembro. O servizo de información turística, instalado no Centro do Viño, atendeu o mes pasado a 1.318 persoas, 268 máis que en setembro do ano pasado.
O perfil do visitante cambiou respecto a agosto, cando eran maioritarias as familias que visitaban esta zona, mentres que en setembro predominaron as parellas de mediana idade que organizaron unha estancia na zona de entre seis e sete días. Os Paradores de Turismo, o Balneario de Augas Santas e as casas de turismo rural foron os aloxamentos prioritarios dos visitantes. Catamaráns, románico e adegas seguen a ser o máis demandado.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

• A Deputación aprobou a devolución da paga extra do 2012 ós empregados do organismo provincial

Seguinte Nova

Beneficiados todos os colectivos participantes no concurso de cesión dos bens do hospital San José

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: