Completada a segunda fase das escavacións no castro de Arxeriz

•Os responsables do Ecomuseo cualifican esta campaña de “satisfactoria” •Polo momento, non se atoparon elementos que revelen presencia ou influencia romana •Parecen claros distintos niveis de ocupación que datan dos séculos IV ao I a.C.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

• Nos últimos meses, o conxunto arqueolóxico do sur de Lugo está a descubrir novas testemuñas da riqueza histórica desta zona. A finais de agosto quedaba completada a fase de escavación do castro de Arxeriz, que deixaba á luz unha superficie de preto de 300 metros cadrados, e cuxas estruturas foron consolidadas ó longo do mes de setembro. Según informou o director do Ecomuseo de Arxeriz, José Antonio Quiroga, os traballos da fase de consolidación centráronse en dúas vivendas que se empezaron a escavar o pasado ano, e noutro edificio descuberto nesta campaña, que non presenta as características típicas dunha vivenda.

NOVOS ACHÁDEGOS
As dúas edificacións destinadas a vivenda están situadas na croa, ou parte máis elevada, do castro de Arxeriz. Unha das casas atópase en bastante boas condicións, xa que mantén a planta íntegra, de dez por cinco metros, cos seus muros orixinais, un dobre fogar e pavimento primitivo. A segunda vivenda, simétrica á anterior, conserva a meirande parte da planta agás unha esquina. Ámbalas dúas edificacións, grandes e de tamaño rectangular, presentan esquinais curvos e están separadas polo que, según precisou Quiroga, parece ser unha rúa.
Nesta campaña foi descuberto un novo edificio, de planta cuadrangular de seis por seis metros, con esquinais curvos e muros orixinais, que non presenta fogar interior nin restos de cerámica, o que fai pensar nun uso distinto ó de vivenda. O interior contén apoios de pedra de 20 centímetros, dispostos simétricamente, que os investigadores interpretan como as bases dunha desaparecida construcción de madeira para gardar o cereal, aínda que dende o Ecomuseo de Arxeriz estiman prudente esperar ás vindeiras campañas para confirmar este aspecto.
Outra das novidades desta campaña foi o descubrimento dunha serie de estructuras na terraza oeste da croa, resultado dun dos sondeos realizados. Aínda que falta por completar o 20% da escavación, unha das estructuras corresponde a unha vivenda de grandes dimensións, que conserva o chanzo de acceso á vivenda, e un muro de contención, que comunica con outras dúas construccións de similares características.
José Antonio Quiroga cualificou de “totalmente satisfactoria” esta campaña, xa que fai pensar na localización da parte importante do castro, ubicada na terraza oeste e na ladeira de acceso á croa do castro. De momento, seguen sen aparecer restos de presencia ou influencia directa de Roma, e parecen claros distintos niveis de ocupación dos séculos VI ao I a.C.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

•No outono, volven as Merendas con Contos á Biblioteca de Sober

Seguinte Nova

Presentan o produto turístico Regala Ribeira Sacra con seis experiencias para vivir o mellor deste territorio

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: