Reforma do campo da feira, reparacións en instalacións deportivas e mellora de pistas en parroquias, entre outras
• O Concello de Monforte anunciou que a conta xeral do 2013 rexistra un remanente de tesourería de 670.000 euros, que según a normativa vixente só poderá destinarse a «inversións financeiramente sustentables», que supoñan un aforro para o Concello e unha duración mínima de cinco anos. Polo tanto, quedan excluídas actuacións na obra do paseo do río, na potabilizadora, novos servizos ou novos edificios, nin a ampliacións de servizos sociais e culturais. O pasado 13 de outubro, o Goberno local conseguiu o apoio do Pleno para levar adiante a proposta de gasto deste remanente, que destinará 300.000 euros a amortización anticipada da débeda, 64.000 ó pago da multa da Confederación Hidrográfica, e 306.000 euros a diversas obras.
DETALLE DOS INVESTIMENTOS
O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, explicou o detalle de investimentos desta partida, que adicará 89.070 euros ás reformas «máis urxentes» do campo da feira, dentro das recollidas no proxecto integral de mellora deste espazo, e que se refiren ós estacionamentos, á nave dos pulpeiros, ós viais e á distribución de postos. Por outra banda, 59.963 euros destinaranse á mellora da iluminación do Parque dos Condes e do paseo ata a Ponte Nova, 45.388 euros á mellora de pistas nas parroquias, e 29.950 euros á instalación de once pasos de peóns elevados nas rúas Duquesa de Alba, Calvo Sotelo, Ourense, Chantada e Valle Inclán. Ademais, investiranse 18.537 euros en reparacións no teito da piscina e do pavillón municipal, 11.996 euros na reparación do teito da gardería municipal, e 11.622 euros na mellora de camiños e da contorna do local social da parroquia de Valverde. Por último, 10.120 euros irán para a mellora do pavillón do colexio Torre de Lemos, 6.709 para unha intervención no “trust” do escenario do Multiusos, e 5.942 para reparación do abastecemento de auga no Eivedo. Severino Rodríguez indicou que estas cantidades suman un total de 289.297 euros, cifra á que hai que sumar as da redacción dos proxectos, dos plans de seguridade e da dirección das obras, ata chegar ós 306.000 euros. O alcalde sinalou que estas obras deberán rematar antes do 31 de decembro.•