• A mediados de outubro, a Deputación de Lugo anunciou a firma dun convenio con Fiare Banca Etica, a maior entidade cooperativa de crédito en Europa, o que convirte á institución lucense na primeira Deputación de España en traballar coa banca cooperativa. Según explicou a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o organismo provincial formará parte dos máis de 37.000 asociados cos que conta Fiare en Europa, dos que 5.000 están en España.
O ORGANISMO PROVINCIAL PRETENDE “SITUAR ÁS PERSOAS NO CENTRO DE TODAS AS POLÍTICAS PÚBLICAS”
García Porto fixo este anuncio durante a inauguración das xornadas técnicas e informativas sobre banca ética celebradas en Lugo o 17 e 18 de outubro. No acto, a deputada estivo acompañada polo coordinador local de Fiare en Lugo, Xabier Bruña, e o director de Operacións de Fiare Banca Ética, Juan Garibi, un dos poñentes das xornadas. García Porto subliñou que esta aposta por unha banca alternativa á convencional responde ao obxectivo da Deputación de Lugo de “situar ás persoas no centro de todas as políticas públicas”, así como ao de traballar sempre de xeito transparente, xa que “o feito de que calquera poida saber en todo momento que somos, que facemos e como o facemos, é a maior mostra de respecto pola cidadanía e polos seus dereitos que se pode facer dende as institucións”.
“UN PROXECTO DE DEMOCRACIA ECONÓMICA” A TRAVÉS DA BANCA ÉTICA
A achega de fondos da Deputación de Lugo contribúe a incrementar o capital social desta banca cooperativa, “na que todos os asociados son propietarios, asegurando así a súa independencia e facendo desta banca un proxecto de democracia económica”, explicou Pilar García Porto. A deputada lembrou que esta banca cooperativa centra a súa acción no desenvolvemento de iniciativas socialmente responsables, especialmente aqueles relacionados coa educación, a agroecoloxía, a inserción sociolaboral das persoas ou o comercio xusto.
CÓMO FUNCIONA A BANCA ÉTICA
Según precisou García Porto, a achega económica da Deputación pasará a formar parte do capital social de Fiare e estará destinada, igual que o capital aportado polos demais asociados, a financiar proxectos que prioricen o respecto ao medio ambiente e a creación de postos de traballo en ámbitos como a prestación de servizos ou outras actividades produtivas.
Os proxectos candidatos a recibir financiación son avaliados por comisións que traballan a nivel local, e integradas por asociados elixidos de maneira asamblearia. Estas comisións son unha ferramenta esencial para a Banca Ética, xa que, según explicaron os responsables desta iniciativa, o feito de que funcionen a nivel local favorece que os seus membros coñezan de primeira man o tecido social e organizativo do territorio e traballan con criterios de viabilidade moi axustados á realidade.
A continuación, a viabilidade económico-financeira dos proxectos aprobados polas comisións locais é analizada pola operativa bancaria.
Fiare Banca Ética forma parte da Federación de Finanzas e Bancos Éticos e Alternativos da Unión Europea, unha organización sen ánimo de lucro con sede en Bruxelas.•