A Deputación pon en marcha o Pacto polo Emprego II

Beneficiará a 1.005 desempregados, con 67 cursos nas áreas con maior demanda laboral

•Os cursos están centrados en sete áreas formativas, cun total de 8.300 horas de formación •Os participantes recibirán uns 400 euros mensuais durante todo o proceso formativo, compatible coa prestación por desemprego •O Pacto polo Emprego II está dotado con 4,1 millóns de euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a vicepresidenta segunda, Lara Méndez, durante a presentación do Pacto polo Emprego II, o pasado 27 de outubro. GPDL.
O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a vicepresidenta segunda, Lara Méndez, durante a presentación do Pacto polo Emprego II, o pasado 27 de outubro. GPDL.

• A comezos de novembro estará en marcha o Pacto polo Emprego II, unha iniciativa da Deputación de Lugo que ofrecerá 67 cursos con formación teórico-prática remunerada a 1.005 desempregados lucenses. para facilitar a súa inserción laboral nas áreas con máis demanda no mercado de traballo na nosa provincia.

O PROXECTO GALEGO QUE ACADOU MÁIS FINANCIAMENTO DA UNIÓN EUROPEA
Durante a presentación deste plan, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da vicepresidenta e responsable da área de Emprego, Lara Méndez, suliñou que o Pacto polo Emprego II “é un dos programas de inserción laboral máis ambiciosos do organismo provincial”. O Pacto polo Emprego II conta cun orzamento total de 4,1 millóns de euros, cofinanciados nun 80% por fondos europeos. Besteiro lembrou que a dotación inicial era de 3,5 millóns de euros, pero que “grazas á boa xestión da Deputación”, a Unión Europea destinou a maiores outros 600.000 euros máis. Estas aportacións convirten ao Pacto polo Emprego II no proxecto galego que máis financiación acadou na última convocatoria do Fondo Social Europeo.

REACCIÓN ANTE OS RECORTES DOS GOBERNOS DO PP ÁS POLÍTICAS DE EMPREGO
Na presentación deste plan, Gómez Besteiro explicou que o Pacto polo Emprego II “é froito do traballo da Deputación de Lugo para compensar os brutais recortes dos Gobernos do PP en políticas activas de emprego”. Besteiro criticou que o Goberno galego presentara nos Orzamentos de 2015 unha redución do 54% nos fondos para emprego, o que elevaría a 200 millóns o recorte aplicado polo Executivo de Núñez Feijóo nos últimos cinco anos. Besteiro tamén denunciou que o Goberno central veña de aplicar unha redución de 4.500 millóns de euros para este ano, polo que “a Deputación de Lugo seguirá a traballar para darlles aos lucenses unha alternativa que outras administracións lles negan”.

ACCIÓNS FORMATIVAS NOS SECTORES CON MÁIS SAÍDA NA PROVINCIA
O presidente do organismo provincial explicou que os 67 cursos que ofrece o Pacto polo Emprego II suman máis de 8.300 horas de formación, nas áreas con maior demanda no mercado laboral da provincia. A atención sociosanitaria ocupa boa parte dos cursos, xa que 19 das accións formativas van destinadas á atención a persoas no domicilio, con 640 horas lectivas por curso, e outras 19 accións adícanse á atención a persoas dependentes en institucións sociais, con 490 horas por curso. Pola súa banda, o Pacto polo Emprego II ofrece 9 cursos de asesoramento na función xerencial e no autoemprego, con180 horas cada curso. Asimesmo, os 6 cursos de operacións básicas de cociña contarán con 420 horas por acción formativa. Haberá tamén 6 cursos de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, con 270 horas por curso, e 5 cursos de operacións básicas de restaurante e bar, con 360 horas en cada acción formativa. Por último, o Pacto polo Emprego II inclúe 3 cursos de técnico de transporte sanitario, con 425 horas lectivas cada un.

FORMACIÓN TEÓRICA E PRÁTICA REMUNERADA
A vicepresidenta da Deputación e responsable da Área de Emprego, Lara Méndez, explicou que os cursos ofrecen formación teórica e prática en empresas e asociacións da provincia, en cuxos contratos de adxudicación de servizos a Deputación aplicou as cláusulas sociais. Ademais, todas elas ofrecerán aos beneficiarios do Pacto polo Emprego II titorías individuais sobre habilidades sociais para mellorar a empregabilidade, como a preparación dunha entrevista de traballo, elaboración dun currículo ou a posta en marcha dunha empresa, entre outros aspectos.
Os participantes recibirán unha remuneración económica duns 400 euros mensuais durante todo o periodo formativo. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou calquer axuda pública, sempre que o total mensual non supere o 75% do IPREM.•

A QUEN VAI DIRIXIDO O PACTO POLO EMPREGO II

O Pacto polo Emprego II está dirixido a calquer persoa desempregada, e o único requisito é estar inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego. As bases deste plan precisan, sen embargo, que se han de ter en especial consideración determinados colectivos con máis dificultades:
•menores de 30 anos e maiores de 45
•desempregados de longa duración
•persoas con diversidades funcionais
•vítimas de maltrato
•persoas en proceso de rehabilitación ou reinserción social
•as pertencentes a minorías étnicas
•os inmigrantes
•mozos que non superaran a ensinanza obrigatoria
•coidadores non profesionais que atenden a dependentes
•outros colectivos en risco de exclusión social.
Dende a primeira semana de novembro, os interesados en participar tan só terán que comunicalo na oficina do Servizo Público de Emprego onde estean inscritos como demandantes de emprego.•

Máis compromiso da Deputación co sector lácteo ante a fin das cotas

• A Deputación de Lugo anunciou unha serie de medidas para apoiar aos máis de 5.000 produtores de leite da nosa provincia ante a eliminación das cotas o vindeiro mes de abril e a conseguinte liberalización do mercado. Logo de reunirse co secretario xeral do sindicato Unións Agrarias, Roberto García, e co presidente da Unión Leiteira Galega, José Vence, a mediados de outubro, o presidente da Deputación anunciou que o Goberno provincial vai esixir á Xunta de Galicia “catro medidas esenciais para garantir o futuro das explotacións lácteas”.
En primeiro lugar, a Deputación esixirá a modificación do decreto que desenvolve o Paquete Lácteo para que regule as relacións contractuais entre produtores e industrias antes do 1 de decembro deste ano, co fin de que o 1 de xaneiro do 2015 estean operativos os contratos. Ademais, esixirá que a Xunta introduza a figura do mediador, e fortes sancións para que a industria non fixe os prezos de xeito unilateral nin impoña contratos á baixa. Outra das garantías que se demandan é que a duración dos contratos sexa dun ano como mínimo, e que se garanta a recollida de todo o leite. Por último, o Goberno provincial esixe que os Orzamentos da Xunta para 2015 destinen unha partida “suficiente” para poñer a disposición dos gandeiros este ano polo menos a metade das terras que están abandonadas en Galicia, e que suman 400.000 hectáreas, así como fórmulas que impidan a replantación das terras agrarias para abaratar os custes de produción. En paralelo, a Deputación emprenderá unha campaña informativa co fin de resolver as dúbidas que teñen os gandeiros sobre a supertaxa, ou multas ás que poden enfrontarse os gandeiros por superar a produción asignada pola cota, e que só na provincia de Lugo poden chegar aos 15 millóns de euros.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentan a iniciativa democrática cidadá Espertamonforte!

Seguinte Nova

A participación do fútbol base sarrián en Bretaña, pendente da decisión municipal

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: